Opinión

 Cómpre recuperar a iniciativa estratéxica

Sen dúbida, que 2,3 millóns de persoas votasen en Catalunya, malia as ameazas do Goberno central a todos/as aqueles que participasen, é un inmenso paso adiante para os procesos de liberación nacional no Estado Español, e para a democracia

Sen dúbida, que 2,3 millóns de persoas votasen en Catalunya, malia as ameazas do Goberno central a todos/as aqueles que participasen, é un inmenso paso adiante para os procesos de liberación nacional no Estado Español, e para a democracia. Mais, aínda son moitos os atrancos que hai por diante ate conquistar o dereito a que as nacións asoballadas por España teñan capacidade para decidir o seu destino. Neste novo tempo político que se está a abrir, o pobo galego non debería ficar ausente e iso só é posíbel, dada a correlación de forzas nas institucións, mediante a recuperación da mobilización social, e que esta teña como referentes as propostas do nacionalismo galego. Daquela, os actos de apoio a Cataluña e a unha información correcta do que alí acontece, son parte dunha solidariedade necesaria e contribúen a construír no imaxinario colectivo que a liberación non é algo imposíbel, porén non resolven o aspecto fundamental: que o nacionalismo galego necesita ser hexemónico na rúa e nas institucións.

"O nacionalismo galego foi quen de acadar o peso electoral que tivo a principios de século porque era o abandeirado da xustiza social".

Cando, con certa teimosía, trato nos meus artigos a cuestión da folla de ruta, pretendo lembrar ao lector que a nosa é unha realidade singular, consecuencia do noso devir histórico e da acumulación de experiencias das clases populares, e que o nacionalismo galego foi quen de acadar o peso electoral que tivo a principios de século porque era o abandeirado da xustiza social. Este último aspecto foi a punta de lanza que permitiu disputarlle con éxito a hexemonía á esquerda antisistémica, e que os sectores máis dinámicos na loita social abrazasen a causa nacional como esencial para conquistar unha sociedade xusta e defender a cultura popular. Neste período resulta evidente que no nacionalismo a hexemonía na mobilización social, e o peso das organizacións de base, sempre foi moi por diante da representación institucional. E aínda que a sociedade galega mudou moito nas ultimas décadas, iso é unha migalla de tempo no referente á acumulación de experiencias históricas, e o que estas deixan de positivo e negativo nos comportamentos colectivos e individuais nunha sociedade. Polo tanto, non hai ningunha razón para pensar que calquera avance no futuro do nacionalismo non siga as mesmas pautas. Máxime cando a presenza do bipartito na Xunta non permitiu ampliar a base do nacionalismo senón todo o contrario, por erros que non vou analizar aquí.

"O lóxico é unir conflitos para fortalecer a mobilización para que súa repercusión chegue ao conxunto do pobo".

A mobilización perdeu azos nos últimos dous anos, malia que a situación económica, laboral, social, cultural e democrática agravouse neste período. As manifestacións e actos reivindicativos son cada vez máis fragmentados e máis espontáneos. E, malia que o nacionalismo anticolonial segue a estar presente en todas estas loitas, superando en participación a calquera outra forza, o que amosa a súa sensibilidade, resulta evidente a falta de iniciativa ou de folla de ruta. Primeiro, porque o lóxico é unir conflitos para fortalecer a mobilización para que súa repercusión chegue ao conxunto do pobo. Moitas loitas nen sequera aparecen nos medios. Isto contribúe a que a sociedade non albisque que existe na rúa un forte pólo de oposición ao Partido Popular. Segundo, porque o nacionalismo opta a miúdo por asistir a determinadas mobilizacións en actitude pasiva (e nalgunhas oportunidades seguidista de forzas moi minoritarias). É esencial organizar respostas amplas e masivas, tanto pola súa eficacia como porque demostrarían capacidade de xestión da conflitividade, tendo en consideración a lentitude deste metabolismo social. Terceiro, moitas das accións que se realizan son mal preparadas, convócanse con moi poucos días, e non se fan todos os esforzos por anuncialas, ou estes son rutineiros (cando a socialización da mobilización é tan importante como a súa realización). Cuarto, isto último enlaza coa necesidade de mellorar moito a comunicación, facer un esforzo especial, económico e de medios humanos (compren xornalistas que unan profesionalidade e formación política). De pouco vale facer actos se non chegan a unha parte considerábel da sociedade para intentar sumala no futuro. Ademais, así conseguiríase que os medios hexemónicos mantivesen actitudes máis matizadas.

"Pódese apreciar que as campañas de mobilización do PCP complementan as da central sindical e doutros movementos sociais, como pensionistas e estudantes".

Véxase que a evolución das mobilizacións na Galiza contrasta coa existente en Portugal, onde foron de menos a máis durante este longo reaxuste do capitalismo a costa das clases sociais subordinadas e dos países dependentes. Alí a CGTP-IN e máis o PCP desenvolven campañas que se manteñen no tempo, con reivindicacións que abranguen as distintas esixencias sociais e políticas. Mesmo, pódese apreciar que as campañas de mobilización do PCP complementan as da central sindical e doutros movementos sociais, como pensionistas e estudantes. Son métodos de traballo que teñen unha inmensa efectividade xa que chegan a sectores moi amplos da sociedade, e ademais amosan que existe unha clara folla de ruta para golpear a dereita e mudar a correlación de forzas. O avance da CDU (PCP-PEV) en todas as últimas eleccións e demostrativo da eficacia deste método de traballo e do correcto das análises que realizan. Pola contra, a outra forza que se move no mesmo ámbito político, o Bloco de Esquerda (BE), moi ilusionado polo eido institucional (como Siryza e Podemos), foi perdendo peso social e votantes. Nas eleccións autárquicas de 2013, a CDU acadou o 11,06% dos votos fronte ao 2,4% do BE, e nas europeas do 2014, a CDU conseguiu o 12,68% fronte ao 4,56% do BE. Mentres que o PCP ten iniciativa na mobilización social en coordinación co traballo nas institucións, o BE céntrase no ámbito das propostas de recomposición da esquerda e mantén unha maior ambigüidade nas propostas, por exemplo no relativo ao euro e á Unión Europea.

>"A potencialidade do BNG, e daquelas organizacións de base anticoloniais, está na mobilización e nunha xestión eficaz en moitos concellos que son un exemplo".

A disputa do BNG con Anova e Podemos pola hexemonía entre as forzas de esquerda e do nacionalismo non se pode resolver a favor do primeiro nas asembleas abertas, nen nos debates parlamentares, porque non é nestes aspectos onde están postos os ollos da xente, esmagada pola situación económica e abraiada pola corrupción. Asemade, estas dúas últimas forzas políticas colocaron o debate no ámbito da política xeral, aproveitando a súa capacidade para comunicar ideas e unha folla de ruta, privilexiando como ferramenta as institucións. Esta vía preséntase como posíbel e efectiva para reivindicacións sociais moi sentidas, coa finalidade de conseguir o respaldo dos votantes. A isto súmanse os medios hexemónicos que arrouparon os “salvadores supremos” para debilitar a loita social, e as organizacións que a alentaban. Pola contra, a potencialidade do BNG, e daquelas organizacións de base anticoloniais, está na mobilización e nunha xestión eficaz en moitos concellos que son un exemplo. Polo tanto, debe ligar estas virtudes, os seus puntos fortes, co discurso político, a folla de ruta e a política de alianzas, para poder plasmar os obxectivos para esta etapa. E para iso é necesario recuperar ante todo a mobilización e mantela no tempo.

"A liberación nacional, un reparto xusto do traballo e da riqueza, só serán posíbeis se imos completando con eficacia cada etapa, aumenta a organización e a conciencia política". 

Para efectivizar o anterior coido imprescindíbel marcar con claridade as etapas, e socializalas entre a militancia e as clases populares. Transmitir de xeito sinxelo ao pobo as propostas para esta etapa, como o foron no seu día os dez puntos da UPG. Con medidas como: a saída do Euro, a nacionalización da banca, enerxía e telecomunicacións; o recoñecemento do dereito de autodeterminación para as nacións asoballadas por España, unha fiscalidade progresista, servizos públicos axeitados e unhas condicións laborais e salarios dignos; dar pulo á cultura propia e a lingua, á loita contra todo tipo de discriminación. Cómpre, para politizar a sociedade e facer política de masas, que se entendan os procesos de acumulación, cales son os obxectivos estratéxicos e cales para esta conxuntura, medir con exactitude a correlación de forzas, o estado de ánimo da xente, e o contexto internacional. A liberación nacional, un reparto xusto do traballo e da riqueza, só serán posíbeis se imos completando con eficacia cada etapa, aumenta a organización e a conciencia política. Ninguén nos vai a facer este traballo, nen as condicións se van modificar dende o exterior, aínda que haxa conflitos que nos afecten para mal ou para ben. E para conseguir que así sexa é necesario non caer na escenificación das esencias da organización senón que cómpre mobilizar, facer pedagoxía política, unir o concreto co xeral, o local co nacional, e ser capaces de comunicar coa maior eficacia.

http://manuelmera.blogaliza.org/