Opinión

Como e canto nos atinxe a batalla de Madrid?

A proposta de Pablo Iglesias de se presentar as eleccións en Madrid, sen deixar de lle recoñecer que é unha decisión que pode permitir que o “bloque de esquerda” derrote á dereita, algo que en principio non estaba garantido, tamén deixa ao descuberto as eivas que existen na esquerda de ámbito estatal, e moi especialmente naquela que se proclama rupturista. Todo facía pensar, e así o amosan algunhas enquisas iniciais, que a suma do PP e Vox podería acadar a maioría, e que con estas predicións Díaz Ayuso aproveitou a moción de censura en Murcia, xurdida dun pacto entre o PSOE e Ciudadanos, para rachar con este último e convocar eleccións para o 4 de maio. Un pacto entre PSOE e Ciudadanos, que, semella, acelerou o estoupido do partido.

Sen dúbida, o resultado desta convocatoria terá reflexo na acción política en todo o Estado español, tanto en relación con medidas sociais progresistas ou de axuste, así como respecto da actitude que manterá o Governo central respecto do conflito coas nacións periféricas no Estado español. Díaz Ayuso representa dentro do PP a liña de estrema dereita, aínda que poda disputar con VOX o liderado e diverxer con este en certos temas. Se revalida a presidencia da autonomía, recollendo a maioría do voto de Ciudadanos e mesmo evitando que VOX medre, será un resultado que terá unha lectura social que superará o marco autonómico, empurrando un xiro á dereita, comezando polo PP, tamén na Galiza. Se fose así a única pregunta pendente é: en que grao? Ademais, aínda que non fose inmediato...  Podería abrir unha fenda cos sectores neoliberais máis moderados do Partido Popular?

O resultado desta convocatoria terá reflexo na acción política en todo o Estado español

Outro aspecto que non se pode ignorar é que a confrontación estará en gran medida polarizada entre Ayuso e Iglesias, xa que lles interesa, e ademais axuda moito neste aspecto o carácter e relato de ambos. Que o discurso dominante no bloque da esquerda se focalice en Iglesias, que ten as posturas máis “radicais” das tres opcións pode reforzar a este bloque, tendo en consideración que a crise económica ten cada vez unha maior relevancia, co que isto implica de aumento da precariedade e desigualdade, tamén de noxo social, como outra das consecuencias da pandemia. A cuestión neste aspecto é: até que punto ademais alentar as descualificacións mutuas coa dereita, Iglesias vai reivindicar medidas que superen a pandemia desde a xustiza social e avances democráticos? E deste xeito ser capaz de atraer ao electorado de esquerda que se abstén, para alén de que lle poda quitar votos a Más Madrid e o PSOE. Estes dous últimos xa teñen tarefa abondo con repetir resultados.

Haberá quen pense que estas eleccións non van mudar a tendencia dominante do medre progresivo da precariedade e desigualdade social e entre territorios. E ten razón. Non se pode obviar que cambiar esta evolución regresiva depende neste intre esencialmente dos movementos soberanistas das nacións periféricas, dalgunhas forzas de ámbito estatal e da mobilización da clase traballadora e outros segmentos das clases populares, e a pandemia non é o mellor escenario. E UP, malia seu éxito electoral inicial, non foi quen de construír un partido de masas, daquela que a súa capacidade mobilizadora sempre fose arrastro do estado de ánimo do momento e do reaxer social espontáneo. Son eivas que non se superan só con que Iglesias dea un paso adiante para confrontar no debate coa extrema dereita, necesita dun acompañamento colectivo, dunha organización de activistas entregados, dun cambio nos métodos de traballo (tamén na folla de ruta e nos obxectivos?).

Cambiar esta evolución regresiva depende neste intre esencialmente dos movementos soberanistas das nacións periféricas

Non se pode ignorar, que un fortalecemento de posturas máis extremistas na dereita, na capital do Estado español, alí onde tamén ten a súa cabeza o poder económico e mediático, pode aumentar as contradicións coas nacións dependentes e no ámbito social, ademais favorece a imposición de medidas represivas. Ou sexa, da utilización de máis mecanismos de poder para negar e perseguir a diversidade nacional, cultural, lingüística, sexual, racial, etc... para afondar a explotación laboral. Os resultados de Madrid importan, aínda que no fundamental os cambios dependen do que faga cada nación. No caso concreto de Galiza, da capacidade para que a maioría social, consciente, mobilizada e organizada, gañe a iniciativa e hexemonía na rúa, nas institucións, no debate das ideas, no relato, para un proxecto alternativo superador da explotación de clase e da opresión nacional.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios