Opinión

Comercio exterior e ideoloxía

Algúns medios destacaban estes días o medre das exportacións galegas respecto do ano 2020, sen dúbida é unha boa nova, destacando sectores como o téxtil e automóbil sobre todos os demais, o que amosa a enorme dependencia destas actividades. Mais, no caso da confección ate que punto non somos un punto de paso, tendo en consideración que o persoal adica á produción é moi pequeno. Aínda cun maior peso nas exportacións, e impacto no emprego, o material de transporte (automóbil, furgonetas, barcos, etc.) tamén amosa que non é máis que parte dunha cadea produtiva complexa.

Uns datos a termos en consideración sobre ambos sectores produtivos: no ano 2020 as importacións na actividade relacionada coa produción de medios de transporte foron de 5.073 millóns de euros e as exportacións  de 7.075 millóns. Mentres que no téxtil as importacións atinxiron de 1.702 millóns e as exportacións de 4.376 millóns, unha balanza comercial neta nesta actividade moito máis positiva malia o menor número de emprego asociado e os salarios máis baixos no sector.  No ano 2020, segundo a EPA había 8.500 persoas traballando na industria téxtil e do calzado, e 41.500 na construción de vehículos de transporte e grandes reparacións. Resulta evidente que na confección temos un papel importante no proceso intermedio entre fabricación e venda, que engade un moito valor cualitativo ao custe.

Estes dados sobre exportacións e importacións son parciais, non teñen en consideración todo o escenario porque obvian o comercio co resto do Estado español

Agora ben, o que pasan por alto os/as analistas económicos dos medios de comunicación, e tamén das institucións autonómicas, é que estes dados sobre exportacións e importacións son parciais, non teñen en consideración todo o escenario porque obvian o comercio co resto do Estado español (EE).  Este tamén é un ámbito comercial externo cando o suxeito que se analiza é a nación galega. Non se trata dunha cuestión menor porque no ano 2016, segundo as táboas imput-ouput, o comercio co Estado español representaba o 43,79% das exportacións galegas e o 41,9% das importacións.

No ano 2020 tivemos un saldo comercial positivo tanto co resto do EE como coa Unión Europea (salientando neste aspecto Portugal e Italia), porén negativo co resto do mundo (destacando China e Estados Unidos). Lembremos que os países que máis nos mercan xeran emprego na Galiza, e cos que temos comercial déficit é ao envés. Polo tanto é unha cuestión a ter moi en consideración cando falamos de valor engadido e de emprego, ou sexa, de sectores estratéxicos. E non só daquelas actividades xa maduras, como as comentadas, senón doutras que teñen unha contribución ao PIB e ao emprego máis cativa porén un medre máis potente no noso país, así como no resto do mundo, xa que son sectores en expansión, como o dixital.

As conclusións que pretendo tirar dos datos anteriores é que mesmo sendo positivos os datos no sobre a balanza comercial exterior (total) nos últimos anos, e de se manter a tendencia actual tamén en 2021, isto non implica un crecemento comparábel no emprego, no PIB e nos salarios. Xa que ademais da balanza comercial cómpre termos en consideración outros aspectos, como: cal é o papel que xogamos na cadea produtiva, e polo tanto da creación de valor, e neste aspecto ten moita importancia onde están as sedes centrais daquelas empresas situadas no país máis grandes e/ou estratéxicas. Na Galiza estas sedes están en Madrid algunha sen Barcelona e noutros estados da UE.

Que o capital foráneo controle as empresas máis dinámicas non semella casual

Daquela que o capital foráneo controle as empresas máis dinámicas non semella casual, tampouco que o investimento “exterior” multiplique o que entra do “exterior” (no ano 2020 foron 1.814 millóns fronte a unha entrada de 80 millóns). Nestes datos que son negativos para a nación galega se exclúe o movemento de capitais entre autonomías, que todo indica seguen a mesma tendencia, dando así pulo ao carácter subordinado da nosa economía. Esta é a razón pola que un saldo comercial positivo non implica un crecemento do PIB e do emprego. Estes son os efectos da falta de competencias nas cuestións estratéxicas, de carecer de soberanía real.

https://obloguedemera.wordpress.com/