Opinión

Cogovernanza

O Governo central fixo da cogovernanza sinónimo dunha plataforma para anunciar medidas que deberían estar previamente tratadas ou pactadas coas nacionalidades e rexións, deteriorando así aínda máis no funcionamento a relación entre o Estado e as autonomías, e polo tanto o tan louvado polos social liberais Estado das Autonomías. Por suposto dicindo no relato que fan o contrario, e garantindo titulares ao día seguinte nos medios de información. Deste xeito fortalecese na práctica o centralismo, máxime se na xuntanza, como na de Salamanca, concédeselle ás autonomías que xestionen parte dos fundos europeos deste ano, sen debate previo das porcentaxes e criterios (cal será nos vindeiros anos?), e o Executivo reservase un área estratéxica como é o sector industrial.

A industria é fundamental, así como o sector primario, tanto porque potencian moitas actividades anexas e emprego, como porque na Galiza ficamos no medio dun proceso de desmantelamento de sectores como o da enerxía de carbón e gas, a transformación do aluminio, o naval... Estas son empresas estratéxicas na cadea produtiva, e que necesitan de medidas de apoio e mesmo da súa nacionalización para que se manteñan en activo e medren, afastándoas da actividade especulativa do capital privado; ou proxectos alternativos nas bisbarras afectadas.

A reunión amosa o grao de informalidade e tacticismo como entende o Estado das Autonomías a coligazón de governo

Tamén chama a atención, e a reunión amosa o grao de informalidade e tacticismo como entende o Estado das Autonomías a coligazón de governo, cando á xuntanza asiste o presidente da FEMP (será porque é militante do PSOE?...). Este representa unha administración territorial de ámbito inferior ao das nacionalidades e rexións, coas que teoricamente se quere cogovernar. Cantas contradicións.  Casuais? Non coido que fose así. Semellan pasos calculados, coma contrapeso ao independentismo catalán, para dar pulo ao localismo e provincialismo, especialmente ao primeiro, en claro detrimento das nacionalidades da periferia, para que sigan cumprindo un papel subalterno.

Na práctica estas reunións valen de ben pouco, xa que son convocadas en función do calendario do Governo, e nesta oportunidade serviron para tapar as protestas da dereita sistémica nas autonomías que dirixen respecto do reparto dos fondos europeos e do ritmo de vacinación. Vexase como Feijóo pasou da critica a realizar matizacións a través do Conselleiro de Industria. Pola súa banda Esukadi asistía á xuntanza despois de conseguir días antes transferencias pendentes, e Cataluña non participou porén mantivo unha reunión posterior para se asegurar investimentos significativos, como a ampliación do aeroporto de Barcelona.

Aproveitar as contradicións do PSOE para forzar a reforma da Constitución como meta intermedia

Acordos estes últimos que a dereita cuestionou por consideralos un trato preferente a Cataluña e Euskadi. Poñendo o ideolóxico por diante, cando era unha escusa perfecta para esixir un papel máis competencias, recursos e investimentos nas súas autonomías. Para alén do tacticismo que neste tema estase practicando, por parte da dereita e esquerda sistémicas, así como por boa parte do soberanismo. Este último dado a correlación de forzas e o complexo da conxuntura debería aproveitar as contradicións do PSOE para forzar a reforma da Constitución como meta intermedia. De xeito que cando menos se garantise: unha financiaron autonómica xusta, máis competencias e blindadas, que o Senado se convertese na asemblea territorial, que as circunscricións electorais tivesen como base a autonomía e que o sistema fose proporcional (sen mínimos), recoñecemento do estado plurinacional, da capacidade de decidir... Son medidas democráticas básicas.

Polo tanto neste marco non estaría de máis que se fixesen reunións varias veces ao ano de presidentes autonómicos, cun regulamento e orde do día. Por exemplo, cada seis meses e unha xuntanza sobre o proxecto de orzamento do Estado, e as necesarias en situacións excepcionais. Crean conciencia do valor das autonomías (e especialmente das nacionalidades). Polo que o soberanismo debería aproveitar seu carácter informal e ocasional para deixar en evidencia o déficit do Estado das Autonomías, e as contradicións entre a práctica e o relato dos partidos sistémicos. Por certo, o cogoverno, sen trampas, implicaría a constitución dunha confederación no Estado español.

https://obloguedemera.wordpress.com/