Opinión

A clave: participación e protagonismo

As eleccións do pasado domingo 19 de xuño, tanto en Colombia como en Francia, deixan en evidencia, un contexto de incerteza no económico e fundamentalmente unha presión cada vez máis intensa a prol dun mundo multilateral, e contra o neoliberalismo. Non se trata de que esta xa sexa a tendencia hexemónica, porque os Estados Unidos e aliados, aínda seguen a contar con moitos mecanismos de poder, porén a disputa mesmo sendo cada vez máis dura, estase resolvendo na maior parte dos casos en contra dos intereses destes centros de poder (político, militar, da comunicación, tecnolóxico, financeiro,...).

Colombia é a cuarta economía da América Latina

Colombia é a cuarta economía da América Latina despois de Brasil, México e Arxentina. Ten preto de 52 millóns de habitantes e seu PIB (PPA) é de 940 mil millóns de dólares. Malia conflitividade interna medrou dende o ano 2002 a unha media do 5,5%, mais un 30% da poboación está por debaixo do limiar da pobreza, o desemprego supera o 11%, e hai 5 millóns de desprazados internos por mor da violencia, un 10% da poboación. A actual crise tamén está incidindo no país, en maio a inflación anual atinxiu o 9%. Ou sexa, Gustavo Petro e Francia Márquez ademais da conflitiva situación interna, das presións de Estados Unidos e a UE, terá que pelexar cun contexto económico difícil, como lle está a pasar a outros gobernos de esquerda e progresistas na América Latina, e no resto do mundo.

No caso concreto de Colombia non se pode obviar que é o principal socio dos Estados Unidos en América Latina, que existen no país oito bases norteamericanas, e que ten un acordo de asociación coa OTAN, e que foi a intermediaria de todo tipo de agresións contra os gobernos de Chaves e Maduro en Venezuela. Daquela, que a iniciativa de Petro de abrir as fronteiras con Venezuela teña, ademais dun carácter simbólico, efectos positivos no económico e social para ambos os dous pobos, e implique un paso contrario á liña marcada por Washington e Bruxelas.

No interno en Colombia destacou historicamente unha clase oligárquica represiva sobre os movementos sociais tanto campesiños como dos asalariados/as urbanos, o que deu azos á loita guerrilleira. O sistema combateuna ampliando a represión sobre a poboación máis descontenta co goberno, potenciando o exército (medio millón de persoas) e alentando os grupos paramilitares, relacionados co narcotráfico. A pacificación do país, desarmando o que queda de guerrilla, eliminando o paramilitarismo e rachando súa relación cos grupos económicos e políticos, así como garantir que a policía e o exército cumpran un papel de resgardo de dereitos, terminando cunha historia ateigada de accións represivas contra o movemento popular, etc. son tarefas urxentes.

Para alén das boas palabras iniciais, haberá moita oposición

Para alén das boas palabras iniciais, haberá moita oposición, tanto institucional como económica, interior e exterior. Tamén presión por parte de sectores tradicionalmente marxinados, que necesitan de solucións urxentes. Non será unha tarefa doada, máxime cando se parte dun triunfo que ademais de implicar un salto cualitativo na conciencia social, tamén na mobilización, consolidase mediante a unidade dunha esquerda e do progresismo, moi fragmentada, e mesmo sectores do poder descontentos coa situación actual que saben insostíbel. Non é tarefa doada.

A virtude de avanzar no cambio estará en como facer transformacións inmediatas, ir desenvolvendo outras e manter presentes no debate as que viran despois. Socializándoas e dándolle a máxima participación e protagonismo ás clases populares (e aos/as seus representantes máis directamente) nas institucións, na rúa, nos debates... Debe ser así para que se sintan parte do cambio, e vivan en carne propia a forza da reclamación, mais tamén os atrancos, os prazos e tácticas que marcan a folla de ruta, e dependen da correlación de forzas... Coido que neste aspecto, e na construción do partido e a fronte, así en como valorar correctamente o contexto e a súa evolución, está a clave do éxito para a esquerda en Colombia, mais tamén no resto dos países. Que teñan éxito acelerará o cambio.