Opinión

Sen clase traballadora non hai liberación

É difícil aceptar que nunha sociedade como a galega, onde a identidade foi preservada polas clases populares, haxa persoas que se reivindican nacionalistas, e despois non teñan como un obxectivo central a eliminación da explotación, a igualdade de dereitos, e a democracia popular. Hai sectores do nacionalismo, cada vez máis extensos, que reducen a súa sensibilidade ao aspecto cultural e lingüístico, e ás situacións extremas, deixando nun segundo plano a distribución do traballo e da renda que afecta a inmensa maioría da sociedade. Non se pode ignorar que 2/3 das familias teñen dificultade para chegar a final de mes, que o desemprego e a precariedade laboral (traballo a tempo parcial, eventualidade, baixos salarios, horas que non se pagan e polas que non se cotiza) esmagan a maioría dos asalariados e asalariadas colocándoos na pobreza ou rente dela. Este é o problema máis grave da nosa sociedade, tanto no presente como para construír o futuro, porque impide que as persoas casen, teñan fillos/as, vivan dignamente, podan pagar as pensións do presente e garantir as do futuro, e provocan unha riada emigratoria, o que está a destruír a demografía e economía. Tamén deteriora a convivencia, aumenta a violencia, degrada as persoas.

A explotación é o problema fundamental para o povo!!!

A explotación é o problema fundamental para o povo!!! Daquela que deba ter un papel central no discurso e na preocupación do nacionalismo galego, como o foi durante décadas, esas nas que, malia os atrancos e feblezas iniciais, o movemento nacional popular foi quen de avanzar, de ter a iniciativa na mobilización. Sen partir da realidade non se pode facer un discurso a prol da soberanía que entenda e ilusione á maioría social. Así comprendémolo hai catro décadas (nun contexto máis favorábel no aspecto identitario), cando a tarefa central foi organizarmos o estudantado revolucionario, e moi especialmente o movemento obreiro e o sector labrego e mariñeiro, excluídos e infravalorados polas clases dominantes, coma hoxe. Daquela que a consigna principal fose: Galiza ceibe, poder popular. A crise, un profundo axuste no capital, ademais de esmagar a clase traballadora, fixo o propio coas pequenas explotacións agrarias, da pesca e dos servizos. Proletarizando uns (ás veces convertidos en falsos autónomos/as) e empurrando outros á exclusión ou á emigración. 

Non se acada a liberación repetindo máis veces palabras como nación e soberanía. Non é cuestión de dar catro cuncas de caldo a quen neste intre non ve necesario comer ningunha. Cómpre ser didácticos, hai que procurar a maior receptividade posíbel, e para obter unha compresión completa da mensaxe que se quere transmitir. Só así se entenderá en toda a súa dimensión que somos unha nación e que a soberanía é fundamental para poder desenvolver a economía, xerar emprego, aumentar os salarios, etc. Mais, repito, para que esta mensaxe non sexa unha muleta (ideoloxista), senón un obxectivo que se vexa como necesario para cambiar a realidade, hai que comezar xustamente ao envés, polo principio, polo que máis preocupa acotío á maioría. 

A mensaxe, o discurso, sempre debe ir do concreto ao xeral.

A mensaxe, o discurso, sempre debe ir do concreto ao xeral. Por exemplo: para ter traballo digno, rematar co desemprego, mellorar os servizos e prestacións públicas e ter unha fiscalidade progresiva, cómpre nacionalizar os sectores estratéxicos, e regular as importacións e exportacións, e democratizar a economía, a información e as relacións laborais. E para levar adiante estas medidas económicas, sociais e políticas, nun país dependente e nun mundo globalizado e neoliberal, é necesario ter poder político (mobilización e organización popular, hexemonía institucional, debate no eido das ideas), competencias exclusivas ¡soberanía! Sempre hai que comezar polo máis próximo, polo intuitivo. Non é unha cuestión secundaria. Tampouco axuda á formación da conciencia que a mensaxe se reduza ás propostas inmediatas, reformistas, que non creen conciencia nen alenten a organización para loitas nun nivel superior. 

Os problemas, atrancos e eivas son de tal dimensión que esixen un programa e un discurso transformador

O nacionalismo galego non tivo nen terá apoio de ningún sector das clases dominantes, máxime cando non existe unha burguesía nacional nen un remedo dela. Só se pode sustentar na súa base natural, as clases populares. E sendo evidente que o nacionalismo desenvolve unha exemplar xestión municipal, practica un sindicalismo de clase e combativo, está presente nas mobilizacións contra toda inxustiza e discriminación, como as das preferentes, emigrantes retornados, contra a violencia de xénero, desafiuzamentos, a marxinación lingüística, etc., isto non abonda. Os problemas, atrancos e eivas son de tal dimensión que esixen un programa e un discurso transformador, que poña en primeiro plano a redistribución do traballo e da riqueza, un cambio de modelo produtivo, e converter as clases populares, e moi especialmente a clase obreira, en protagonistas do futuro. Non hai liberación nacional contando só coa fracción da sociedade que asume como principal contradición a cultura e identidade (aínda que hai persoas, como o que escrebe, ás que isto foi o que as motivou a militar, hai cinco décadas), é necesario ligar asemade a soberanía coa redención económica das clases populares. Por outra banda, non se pode ignorar que unha boa xestión nos concellos e incidir no sindicalismo non ten por que se reflectir para alén dos resultados electorais locais e de dirixir unha parte do movemento obreiro. Para atinxir obxectivos que superen estes marcos básicos cómpre un discurso e unha folla de ruta que, partindo do concreto,  gañe e mobilice ao povo para políticas estratéxicas, aumentando así o nivel de organización e conciencia social. 

http://manuelmera.blogaliza.org/