Opinión

A CIG dá un salto cualitativo

Para que as mobilizacións cumpran a súa finalidade, non abonda con que acaden éxito no número de participantes. Deben propor ademais obxectivos xustos e servir para conquistalos. E para isto, cómpre divulgar o problema, as reivindicacións e a folla de ruta, no segmento máis amplo posíbel da sociedade e conseguir seu apoio ou complicidade. Daquela que teña tanta importancia a campaña previa para convocar un acto, como a divulgación posterior do sucedido, tendo en consideración o papel terxiversador dos medios de comunicación sistémicos. Normalmente déixase a estes interpretar o sucedido. Como o central é acudir ao acto, non se lle dá a importancia que merece á participación pasiva do povo no evento.

Considero de grande importancia a reflexión anterior, porque non se trata de facer cousas para cumprir, senón que teñan o obxectivo de mudar a correlación de forzas, de conquistar dereitos e avanzar en cada fase en conciencia e en organización. Polo tanto, sendo necesario ter unha actitude critica co pasado, e lembrar o papel que cada forza xogou a prol ou en contra dos intereses das clases populares, o fundamental sempre será construír a vía con maiores garantía para o triunfo no futuro. Sei que hai forzas, sindicais e políticas, que teñen un discurso que contradí a súa práctica, que fan da concertación e intermediación co sistema o cerne da súa existencia. Mais, para dar pulo á mobilización e crear un estado de ánimo positivo no imaxinario colectivo, cómpre afondar as contradicións no bloque dominante e os seus colaboradores, e forzar a estes últimos á apoiar ou non se opoñer as loitas populares, aínda que sexa de xeito parcial e conxuntural. 

Non se trata de facer cousas para cumprir, senón que teñan o obxectivo de mudar a correlación de forzas

 

Para avanzar hai que aumentar as complicidades, gañar aliados, e neutralizar sectores do poder. E para iso, neste contexto, reivindicando a historia e os principios e obxectivos estratéxicos, tamén é necesario non converter os debates e confrontacións do pasado en muros permanentes, esquecendo o carácter dialéctico da loita de clases. Historia e principios non son abondo para que as clases populares vexan no nacionalismo galego unha forza que representa, nos contidos e nas formas, os seus intereses. Cómpre, asemade, que vexan que conta cun proxecto realizábel e a iniciativa necesaria para levalo adiante. Polo tanto, son esenciais as campañas que se manteñan no tempo, reflectindo con toda claridade que existe unha folla de ruta e métodos de traballo axeitados. 

Ao fío desta análise, quero destacar o salto cualitativo que representan, respecto dos últimos anos, as manifestacións convocadas pola CIG para o 15 de abril en 23 cidades e vilas do país, en defensa das pensións. Esta reclamación lígase acertadamente coa loita a prol do emprego e salarios dignos, e tamén se reivindica a derrogación, entre outras, das últimas reformas das pensións e laborais, e da lei mordaza. Ademais, socialízase a folla de ruta, indicando que esta campaña continuará coa manifestación do 1º de Maio, levando as reclamacións a todas as empresas, e apúntase como acción a medio prazo a convocatoria dunha folga xeral. En relación con este tema o secretario da CIG, Paulo Carril, non desbotou “un chamamento formal ás direccións de CC.OO. e UGT” matizando que “a unidade sindical constrúese dende abaixo, nos centros de traballo e non nas cúpulas”.

Quero destacar o salto cualitativo que representan, respecto dos últimos anos, as manifestacións convocadas pola CIG para o 15 de abril en 23 cidades e vilas do país

 

Ou sexa, sen desvirtuar o aspecto central do 15 de abril, a mobilización lígase con outras cuestións que afectan á clase traballadora (activa ou pasiva), sementando na conciencia colectiva unha visión máis correcta das contradicións. E, algo esencial, anúncianse novas accións concretas, amosando que non é unha resposta conxuntural, nen para saír do paso. É dicir, fortalécese a unidade de clase e márcase unha folla de ruta. Sería positivo que  se explicitase máis o contexto na mensaxe: sistema económico, dereitos democráticos, cultura-lingua, a cuestión da soberanía (todo afecta directamente a clase traballadora). Deste xeito reforzaríase o carácter de clase e o proxecto estratéxico da central sindical. Tamén axudaría que fosen definidos con máis claridade, despois das manifestacións, cales van ser os pasos a dar e a política de alianzas para este período.