Opinión

Chile: eleccións e o conflito mapuche

O presidente Piñera militarizou catro provincias do sur de Chile para frear as protestas do povo Mapuche que procura recuperar as terras das que foron despoxados progresivamente. Os mapuches atinxen 1.800.000 persoas sobre os 19 millóns de habitantes do país, polo tanto, todo o que lles afecta ten unha consideración de cuestión de estado. A problemática tamén existe na Arxentina, con idénticas características, aínda que unha menor incidencia social nas provincias afectadas, limítrofes con Chile, onde residen uns 200 mil mapuches sobre unha povoación de 45 millóns.

Só unha parte dos mapuches vive nas comunidades orixinarias, moi reducidas territorialmente, o resto residen en áreas ocupadas polos brancos e mestizos ou emigraron ás grandes cidades, especialmente a Santiago de Chile e Temuco. Os mapuches teñen unhas taxas de pobreza e desemprego superiores á media, e menores índices de educación. Entre as súas reivindicacións, ademais da recuperación das terras das que lles foron roubadas, teñen importancia a normalización das organizacións propias, así como a cultura e lingua. 

Hai que lembrar que os mapuches foron das poucas nacionalidades orixinarias que se enfrontaron con éxito á conquista do territorio americano pola Coroa de Castela

Hai que lembrar que os mapuches foron das poucas nacionalidades orixinarias que se enfrontaron con éxito á conquista do territorio americano pola Coroa de Castela. Desde o século XVII fixáronse fronteiras e acordos de paz periódicos entre ambas partes. Esta situación mudou despois da independencia das colonias españolas, no último terzo do século XIX. A chamada pacificación da Araucanía (en Chile) e a “conquista do deserto” (na Arxentina), foron campañas militares de ocupación do territorio dos povos orixinarios que finalizaron en 1883, aínda que houbo algunha revolta posterior.

Tras a súa derrota o povo Mapuche foi concentrado en “reduciones” das que en 1929 existían en Chile un total de 3.078 que abranguían só 525.000 hectáreas, só un 6,18% do territorio que ocupaban orixinalmente. Ao mesmo tempo desde o Governo alentouse a inmigración de europeos, de xeito que ate 1901 chegaron 36.000, aos que se lles entregaron terras as terras ocupadas militarmente. A colonización foránea foi parella coa discriminación e a explotación. Un exemplo, no ano 1934 diante dos abusos da patronal dos serradoiros os mapuches protestaron en Bio Bio, e a represión do exército causou 477 mortos.

A situación dos mapuches agravouse nas últimas décadas coa chegada de empresas transnacionais que realizan unha explotación irracional da madeira e da enerxía hidroeléctrica. Isto provocou protestas e campañas para a recuperación de terras, tendo como única resposta a militarización e criminalizar a protesta, descoñecendo os dereitos dos mapuches sobre o territorio. Polo tanto, é un máis dos problemas que están a debate na actualidade na sociedade chilena, e dependerá en boa medida do resultado da segunda volta electoral (o vindeiro 19 de decembro) que a cuestión siga enquistada ou se avance nunha solución que repare séculos de inxustiza. Aínda que as perspectivas non son as mellores, tendo en conta a abstención dun sector importante das clases populares, e a suma de votos da dereita en primeira volta. Mesmo que os resultados foran favorábeis ás forzas progresistas, o poder político e económico das forzas da dereita e do capital son moi fortes. Os cambios sistémicos non serán doados.

Mesmo que os resultados foran favorábeis ás forzas progresistas, o poder político e económico das forzas da dereita e do capital son moi fortes

Encol da problemática mapuche Gabriel Boric (“Frente Amplio” de esquerda), un dos que opta á presidencia en 2º volta, fixo un chamamento ao diálogo e a non seguir repetindo "as mesmas receitas que provocaron máis violencia e máis división", criticando o Estado de Excepción Constitucional que se mantén na chamada Macrozona Sur. Pola súa banda, Jose Antonio Kast, representante da ultradereita, que acadou maior número de votos en 1º volta, manifestaba sobre o tema: “o Governo debe facer uso de todos os instrumentos constitucionais e legais ao seu alcance, e utilizar as Forzas Armadas como apoio para afrontar unha situación de gran complexidade. O uso desta forza permitirá disuadir aos que seguen enfrontándose ao Estado”.  As posturas están claras, o 19 de decembro, ademais de decidir o tipo de modelo social e democrático, Chile tamén vota cal vai ser a resposta aos mapuches, se a represión ou avanzar cara un recoñecemento pleno desta nacionalidade (e doutras que hai no norte do país). Constituír un estado plurinacional?...

https://obloguedemera.wordpress.com/