Opinión

O chavismo na súa hora máis difícil

Sen dúbida, hai moitos problemas pendentes de solucionar na Venezuela, que nen Chávez, primeiro, nen Maduro despois, foron aínda quen de resolver, como os da corrupción ou da seguridade. Mais non recoñecer os avances que se deron no país en distribución da renda, en mellora do ensino e da saúde, ou na vivenda, é negar a realidade.

Sen dúbida, hai moitos problemas pendentes de solucionar na Venezuela, que nen Chávez, primeiro, nen Maduro despois, foron aínda quen de resolver, como os da corrupción ou da seguridade. Mais non recoñecer os avances que se deron no país en distribución da renda, en mellora do ensino e da saúde, ou na vivenda, é negar a realidade. Segundo datos da CEPAL, entre o ano 2000 e 2013, a indixencia baixou do 18% ao 9,8% e a pobreza do 44% ao 30%. A taxa de matriculación na educación secundaria pasou do 50,7% no ano 2.000 ao 74,3% en 2012. Alén dos datos económicos e sociais positivos cómpre valorar tamén o avance na politización e na organización popular, que implica mudanzas sociolóxicas que non lles será doado de afogar ás clases dominantes.

"As medidas que se toman en Venezuela, favorecendo que as clases populares se organicen e sexan protagonistas, son decisións que non gustan ás grandes potencias. Esa é a cuestión!"

Carece de sentido falar dunha ditadura, cando se fixeron tantos procesos electorais en toda esta etapa, mesmo algún perdido polo chavismo. En todos eles houbo unha importante presenza de observadores internacionais, de todas as tendencias. No ano 2006, o ex-presidente Carter dos USA afirmaba que, estando en desacordo coas políticas de Hugo Chávez, "das 92 eleccións que temos monitoreado, eu diría que o proceso electoral en Venezuela é o mellor do mundo". Tampouco se pode ignorar que a maioría dos principais medios de comunicación do país son privados e que exercen unha dura oposición ao Goberno. 

As medidas que se toman en Venezuela, favorecendo que as clases populares se organicen e sexan protagonistas, son decisións que non gustan ás grandes potencias. Esa é a cuestión! Considérase, con razón, que o chavismo é hoxe a cabeza da loita contra o imperialismo na rexión, e da procura dunha alternativa que rache coa lóxica capitalista e recupere a soberanía para os povos. Polo tanto é, dende a perspectiva das clases dominantes, un mal exemplo que hai que extirpar axiña. Para o cal, defórmase a realidade, usando a hexemonía nos medios de comunicación, dando recursos á oposición interna para desestabilizar o país (guerra económica, confrontación, atentados, etc.), e condiciónase o comercio e investimentos externos utilizando a presión da maior potencia do mundo. En poucas palabras, estase a facer en Venezuela o mesmo que en Chile no período  previo ao golpe de estado contra Allende. É tan evidente que non o ve só quen pecha os ollos por razóns ideolóxicas ou por que o cega a cobiza. 

"A agresión que nesta conxuntura realizan os EE.UU contra Venezuela significa un salto cualitativo, e semella que pretende ir máis alá, recuperando o seu tradicional peso no continente".

Como se non abondase cunha continua intervención indirecta, económica e política, o Presidente Obama, que semella ter o dereito divino de decidir quen é bo e quen malo no planeta e ter potestade para non respectar o dereito internacional, acaba de declarar Venezuela “unha ameaza para os Estados Unidos”. Non é unha acusación críbel. Carece da máis mínima base, xa que este país non ten medios militares nen económicos para confrontar cunha potencia que representa a metade do gasto militar do mundo e posúe un complexo militar industrial que abrangue unha cuarta parte do PIB da maior economía do planeta. Trátase de xustificar, sen necesidade dun debate posterior no Congreso, todo tipo de inxerencias internas en Venezuela. Algo que, por outra banda, xa está a facer acotío, mais agora semella que se pretenden utilizar todos os medios necesarios e ademais, e isto ten a súa importancia, enviar un sinal aos aliados, encetando pola UE, para que tomen nota e fagan o propio ou pechen os ollos. 

A agresión que nesta conxuntura realizan os EE.UU contra Venezuela significa un salto cualitativo, e semella que pretende ir máis alá, recuperando o seu tradicional peso no continente. Non sería unha novidade, xa que a expansión forma parte do ADN dos Estados Unidos. Lembremos as intervencións directas en Panamá, Granada e Haití, e indirectas en Honduras, Nicaragua, etc, non hai tanto tempo; ou como deron pulo ás criminosas ditaduras latinoamericanas na década dos setenta. A diferenza fundamental é que, cada vez, Washington mantén menos as formas, pasa das consultas aos aliados, ollando exclusivamente para os seus intereses inmediatos, o que tamén reflicte as súas debilidades. Non é estraño que a UNASUR se reunise axiña e se pronunciase contra a intervención exterior. 
Claro que agora Washington non conta coa mesma submisión dos gobernos de América Latina (agás algúns países do Pacífico). Porén, ese papel xógao agora a Unión Europea, e moi especialmente o Estado español. Neste último caso, terá que ver que as empresas españolas están entre os maiores investidores na América Latina que representa para elas unha fonte de grandes lucros? Deste xeito, entenderíase a agresividade de todos os partidos sistémicos contra o goberno de Maduro. Non é polo perigo dunha ditadura, senón porque temen novas nacionalizacións, e saben que se  a oposición gaña, será submisa ás corporacións internacionais. En realidade, as ditaduras que negan os procesos electorais, os partidos e os sindicatos, que lles cortan as mans aos que protestan,  son estreitas aliadas de occidente, por exemplo Arabia Saudita.

"Esta contradición co capital, os governos de esquerda débena resolver axeitadamente, se queren seguir contando cun forte apoio das clases populares".  

Agora ben, o proceso de transformacións en Venezuela, así coma noutros países da América Latina, precisa dun novo impulso que alargue a participación das clases populares na distribución do poder e da riqueza. Deterse é a morte do proceso. Sei que non é doado, que a correlación de forzas internacional non é favorábel, que se está forzando a tope a globalización neoliberal e que o movemento popular non pasa polo seu mellor momento. Porén, de non radicalizarse, estes procesos de cambio pódense ver abafados polo imperialismo, tanto pola forte presión externa como polo alento que dá á oposición interna. Hai poucos días, no xornal dixital Carta Maior, o prestixioso sociólogo brasileiro Emir Sader, ao se referir nun artigo á difícil situación pola que está a pasar o governo de Dilma, dicía nesta mesma liña: “A contradición central que enfronta o país dáse entre un modelo de desenvolvemento económico con distribución de renda, aprobado maioritariamente polo país en catro eleccións presidenciais consecutivas, e a falta de disposición do grande empresariado en investir en sectores produtivos que atendan as demandas da xente do povo”. Esta contradición co capital, os governos de esquerda débena resolver axeitadamente, se queren seguir contando cun forte apoio das clases populares.  

Na política, as grandes transformacións sempre viñeron da man da mobilización social, das forzas organizadas, do desexo de cambio, de obxectivos sentidos pola maioría, dunha folla de ruta clara, mais, sobre todo..., ¡do atrevemento revolucionario!