Opinión

Centralismo “progresista”

A pandemia do Covid-19 agudizou as contradicións económicas, sociais, políticas e xeo-estratéxicas en todo o mundo, e o Estado español non ía ser unha excepción, especialmente nos tres primeiros aspectos xa que no último non conta moito. Isto resulta evidente no xiro centralista do actual Governo, deixando atrás a firmeza coa que dicía defender o Estado das Autonomías e fronte á dereita, mesmo insinuando un aumento das transferencias.

Hai quen afirma que é unha situación conxuntural, porén todo reflicte que se trata dunha postura de máis calado. Co agravante de que neste intre constitúe unha resposta aproveitando unha situación estrema, que se utiliza con luz e taquígrafos para destacar a preeminencia absoluta da unidade do Estado, baixo a batuta do centro de poder tradicional representado por Madrid.

A esta percepción social, sumáselle agora a decisión da coalizón PSOE-UP de tomar as provincias como referencia territorial da “des-escalada”. A escusa é que o “virus non sabe de fronteiras”, claro que, sendo así, porque non coller as áreas sanitarias como propuñan Cataluña, Valencia e Galiza, e outras tres autonomías, xa que neste caso non hai dúbida de que se prima o aspecto asistencial e, en cambio, o Governo as substitúe polo vello modelo territorial centralista.

Non se pode obviar que no inicio da pandemia debeuse cerrar Madrid, para frear a expansión do virus

Asemade, non se pode obviar que no inicio da pandemia debeuse cerrar Madrid, para frear a expansión do virus, e non se fixo co argumento de que era imposíbel. Mais agora, na “desescalada” optouse polo criterio que daquela se desbotaba, ao considerar que os ritmos deben ser distintos segundo o territorio, porén collendo como marco a provincia. Pechar Madrid era recoñecer politicamente diante da sociedade que era un dos berces do virus, algo evidente, algo que semella era inadmisíbel para os españolistas de todas as cores, tamén do PSOE e UP, e impúxose o criterio ideolóxico sobre o sanitario.

Son actitudes que teñen distinta base argumental mais o mesmo fío condutor, o que evidencia que a respostas que se dán dende o Governo central están condicionadas. Por unha banda por intereses partidarios, para monopolizar os éxitos dos resultados da loita contra o virus. E por outro lado por criterios político ideolóxicos, para lle disputar á dereita a defensa do españolismo, e ao mesmo tempo deixar en evidencia, diante do povo das nacións dependentes, que as autonomías eou suas competencias son unha concesión que se pode quitar ou tutelar cando ao Governo central lle pete.

A alarma sanitaria non debe ser unha escusa para conxelar dereitos democráticos esenciais

Polo tanto, nas medidas que está a tomar o Governo central, ou sexa a coalizón PSOE+UP, hai moito de simbólico, de mensaxe dirixido á sociedade e aos partidos da oposición, especialmente da que está conformada polo bloque nacionalista (Euskadi, Cataluña e Galiza). Sendo así, sen dúbida é UP quen fica mais ao descuberto, polas contradicións entre práctica e discurso. Onde queda a súa teórica defensa do dereito de autodeterminación, da capacidade de decidir, dun estado plurinacional? Ou é que sempre foi discurso oportunista para obter réditos electorais no inmediato?

Pódese utilizar o argumento de que o urxente é eliminar o Covid-19. Mais a alarma sanitaria non debe ser unha escusa para conxelar dereitos democráticos esenciais, como aqueles relacionados coa capacidade de decidir das nacionalidades do Estado español, o respecto escrupuloso ás competencias das autonomías, e o dereito fundamental a poder manifestarse publicamente (coas restricións e criterios de seguridade que se marquen por mor da pandemia). Por que se pode traballar nunha empresa e non realizar manifestacións na porta da mesma ou na rúa, con límite de asistencia e mantendo a distancia persoal?

Tendo en conta os antecedentes históricos esta era unha evolución que non se podía desbotar neste partidos da “esquerda” española

Resulta evidente que se aproveitou a emerxencia sanitaria, co engadido do exército nas rúas, para aumentar o dramatismo da situación, para darnos unha dose extra de españolismo, e para deixar en evidencia o carácter transitorio e menor das autonomías; e fortalecer o centralismo como un ben necesario para enfrontar os grandes problemas, hoxe o sanitario, maña a crise ou calquera outro aspecto que lle interese ás clases dominantes. Tamén se utilizou para confinar ao movemento obreiro e outras expresións populares. Esta é a esencia da actitude do Governo, as diferencias coa dereita quedaron polo tanto bastante esvaídas, aínda que sería peor con ela no Governo. Mais non se trata de escoller entre o malo e o peor.

En fin, tendo en conta os antecedentes históricos esta era unha evolución que non se podía desbotar neste partidos da “esquerda” española, malia que non fose a desexada tendo en consideración a difícil situación das clases populares e as ensinanzas que deixa esta crise en todos os eidos polo esgotamento do capitalismo. Agora ben, o realmente preocupante e grave, respecto da resposta política na Galiza, é que forzas que se reivindican nacionalistas e independentistas como Anova non denuncien estas actitudes e rachen con aqueles que blindan o centralismo. De pouco vale estar organizado a nivel galego se despois se cala diante de mensaxes contrarias á soberanía nacional, ou que implican recortes de dereitos democráticos esenciais. A esquerda nen o nacionalismo son unha marca, senón principios e obxectivos, actitudes e folla de ruta, e construción popular.

https://obloguedemera.wordpress.com/