Opinión

O centralismo unha constante

Hai quen pretende argumentar que a postura centralista de certos partidos son unha reacción lóxica fronte ás arelas independentistas de Cataluña. Nada máis lonxe da realidade, esta é unha actitude histórica da maior parte das forzas políticas de ámbito español, e dunha boa parte da sociedade, que nunca foi superada. A reivindicación lexitima de estados propios, independentes ou nunha confederación, por parte de Cataluña, Euskadi e Galiza sempre foron olladas como unha ameaza. 

Daquela, o centralismo non é tanto un reaxer como un comportamento habitual, como exemplo o sucedido hai agora dúas décadas, cando o Consello Económico e Social de España (CES) aprobou un informe no que solicitaba un maior control polo Estado das competencias transferidas ás autonomías. O acordo contou con 4 votos en contra, entre eles os de ELA e a CIG, e 10 abstencións (sobre 61 membros), salientando a da UGT que estaba en desacordo con partes do contido e na súa tramitación ante o pleno (entregouse dous días antes a todos/as os concelleiros/as). Os votos a favor deste informe claramente centralista foron fundamentalmente da patronal e de CC.OO. (forman parte do CES a patronal, sindicatos -entre eles a CIG como central “máis representativa”-, organizacións agrarias e pesqueiras, consumidores, economía social, e expertos/as. Está adscripto ao Ministerio de Traballo que nomea ao presidente/a).

No texto falábase do respecto ás autonomías, mais ao mesmo tempo pretendía que todo se decidise e coordinase en Madrid. Facíase especial mención a eliminar políticas especificas no ensino, sanidade, transporte, servizos sociais, comercio interior... ou sexa: en practicamente todo! Porque o resto das materias son competencias exclusivas da Unión Europea (agro, pesca...) ou do Governo central: xustiza, defensa, comercio exterior, economía, relacións laborais...

O argumento empregado para a defensa da proposta era do máis sinxelo e absurdo: dado que a Unión Europea é un mercado máis amplo calquera transferencia de competencias a ámbitos menores é negativa, porque trabaría a libre circulación de mercadorías e impide un trato igual aos cidadáns. Era unha escusa que caia polo seu propio peso, ante todo, porque no estado unitario franquista as diferencias de desenvolvemento entre autonomías e entre cidadáns eran maiores que cando se traspasaron competencias. Asemade, Estados Unidos, Canadá, Alemaña e Suíza, por poñer só algúns exemplos, son sistemas federais, onde os estados ou cantóns teñen moitas máis competencias que as autonomías e nacionalidades históricas do Estado español, e contra o que se afirmaba tiñan e teñen un maior grao de desenvolvemento e, ademais, contraditoriamente son estados que se poñen como exemplo económico e democrático.

Todo indicaba que con este informe non se pretendía mellorar o nivel de vida dos cidadáns, senón manter a bota sobre a gorxa de cataláns, vascos e galegos. Nesta mesma liña, naquel intre, facía un pronunciamento a Academia de Historia... evidentemente non era unha casualidade, senón unha estratexia política arroupada pola maioría parlamentar da dereita. Eran anos do governo de Aznar, que hoxe pretende reeditar Casado. O que máis chamaba a atención daquela proposta era que fose Comisións Obreiras, unha central cunha longa tradición de loita contra o franquismo e a prol do dereito da autonomía das nacionalidades, a que servise de punta de lanza e voz agresiva da iniciativa recentralizadora e españolista. O que amosa os cambios nesta central sindical e unha deriva que seguiu presente até os nosos días. 

Aquel texto do CES non era o primeiro paso regresivo que se daba, cómpre lembrar que en 1982 UCD e o PSOE pactaron a LOAPA (Lei de Harmonización do Proceso Autonómico), que tiña como finalidade igualar todas as comunidades autónomas, para restar singularidade ás nacionalidades históricas, aquilo de: café para todos. Euskadi e Cataluña recorreron esta lei o que lle restou algúns dos aspectos máis  regresivos ao texto. Nos últimos anos déronse novos pasos neste sentido, concretamente coa Lei de Garantía de Unidade do Mercado (decembro 2013). A Lei faculta á Comisión Nacional de Mercados e Competencias (CNMC) para recorrer vía contencioso administrativo contra calquera acto que considere vulnera  a unidade de mercado. Polo que pode solicitar que a Audiencia Nacional suspenda de urxencia calquera normativa autonómica que “impida a liberdade de movemento das empresas”, ou de sancións impostas até tanto non se pronuncie un órgano xurisdicional. O último paso centralizador, neste caso de xeito conxuntural, foi a de aproveitar a declaración do Estado de Alerta para descoñecer as autonomías como unidades territoriais básicas substituíndoas polas provincias, negando así as especificidades e capacidades das nacionalidade históricas.

En síntese, o centralismo non desapareceu co Estado das Autonomías, só foi unha descentralización necesaria naquela conxuntura, foi unha cesión para evitar cambios de fondo e definitivos, aproveitando que a tendencia dominante ampliaba a centralización e concentración do poder e da riqueza. Nunca contaron conque a resistencia das nacións subalternas fose tan forte. Asumiran algunha vez o carácter plurinacional do Estado? Todo indica que dependerá no fundamental de que non lles quede máis remedio. 

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios