Opinión

Cataluña, comeza unha nova fase

A xuntanza entre Sánchez e Torra a fin de normalizar as relacións entre o Estado español (EE) e Cataluña é positiva para ambas partes, xa que por unha banda busca garantir a governabilidade do Estado, e pola outra debería permitir que o independentismo catalán reoriente a súa folla de ruta. Daquela que a dereita españolista trate a Pedro Sánchez e ao PSOE como traidores. E así porque as políticas comprometidas na coaligazón de “progreso”, que necesitan do apoio no Congreso do soberanismo, afectan os intereses da gran patronal e doutras cúpulas de poder (igrexa católica Xudicatura?...). Asemade, as negociacións permiten que o independentismo catalán tome a iniciativa, e gañe tempo para poder recobrar impulso.

Non se chega a esta situación porque fose o camiño escollido polo PSOE, véxanse as declaracións electorais de Sánchez, seu apoio ao 155, e como se mantén o rexeitamento da parte máis conservadora do partido a toda postura negociadora. Foron os malos resultados electorais dos “socialdemócratas”, e a actitude de confrontación de todo o bloque da dereita, malia que o PSOE fixo todos os intentos para acadar seu apoio para a investidura de Sánchez, así como os bos resultados do soberanismo, os que lle obrigaron a cambiar de ruta. Sen dúbida axudou nesta escolla do dialogo a complexidade da situación económica e política mundial, o alto grao de abstención e a fragmentación da representación nas institucións, e o feito de que tanto o PSOE como o independentismo catalán sufriron unha derrota, que colocaba en dificultades seu futuro. Derrota que tamén sufriu a dereita, agás a estrema. No caso dos “socialdemócratas” o retroceso electoral, aínda que fose pequeno, deixou patente as eivas do discurso e de querer avanzar mantendo condicións moi duras a UP e negando toda relación co independentismo. Polo lado do independentismo catalán reflectiuse que (aínda) non existe unha correlación de forzas favorábel para garantir a liberación.

Non é casual que sexa ERC a forza do independentismo que tomou a iniciativa, vendo que se enquistaba a división da sociedade catalá

Non é casual que sexa ERC a forza do independentismo que tomou a iniciativa, vendo que se enquistaba a división da sociedade catalá, e que só era posíbel alargar o soberanismo primando a loita polas reivindicacións laborais e sociais, a República, e aqueles aspectos nacionais que contan cun respaldo maioritario, como o dereito a decidir e a liberdade dos presos políticos. Malia a inicial masividade das mobilizacións, as contestacións máis radicais dunha minoría e a represión policial e xudicial, así como a evidencia de que non había condicións para acadar agora a independencia, e o feito de que a Generalitat deixase nun segundo plano os temas económicos e sociais, foron minguando a protesta popular e mesmo recuando o apoio á independencia. Daquela que a alianza entre ERC e JxCat se fose deteriorando, e que dende Esquerra se lle dea tanta importancia a aprobar estes orzamentos, xa que seica pola súa iniciativa fortalécense as medidas sociais.

Mesmo con estes atrancos, cos erros cometidos no proceso, como a declaración simbólica da independencia por medir incorrectamente a correlación de forzas, a conxuntura internacional e rexional, e cal ía ser a resposta do Estado, como representante do gran capital, o soberanismo catalán segue a ser a vangarda da loita a prol do dereito a decidir das nacións negadas do Estado español. O dialogo que comeza levará tempo, non é doado que abra portas para a liberdade das nacións sometidas, porén pode ampliar espazos para un control autónomo de novas áreas, mesmo verse forzado a aceptar un Estado federal. En todo caso serán avances que non mudaran as bases do sistema, tanto no aspecto nacional como de clase. Para conquistar cambios radicais cómpre que o soberanismo teña unha porcentaxe de representación, e capacidade de mobilización e organización incuestionábel. Tamén que o proceso de descontente co sistema económico e social actual aumente, no Estado español e a UE, e sexan hexemónicas as alternativas que poñan como suxeito central a clase traballadora, a democracia nacional popular. JxCat comprenderá este novo proceso, ou seguirá poñendo por diante o tacticismo partidista ligado ao poder institucional?... En fin, o centro dereita, mesmo que sexa soberanista, ten seus límites.

https://obloguedemera.wordpress.com/          

Comentarios