Opinión

Castelao e Bóveda, e o cinismo de Feijóo

Pode chocar a algunhas persoas que os partidos da oposición non participasen da presentación, na exposición “Castelao Maxistral” na Cidade da Cultura, da pintura de Alfonso R. Castelao “A derradeira lección do mestre”. Mais é lóxico que fose así, despois da intervención do presidente da Xunta de Galiza no acto de recepción da obra, na que Feijóo obviou que a obra representa a sanguinaria e masiva represión militar franquista, o golpe contra a República, e a negación da Autonomía de Galiza (cun Estatuto moito máis ambicioso co actual, ademais baleirado a esta altura de boa parte do contido inicial). Mesmo atreveuse a negar ao nacionalismo galego un papel destacando na obra de Castelao, cando o lenzo escenifica o asasinato do secretario do Partido Galeguista, e o autor da pintura é a figura máis significativa do proxecto nacionalista nesa etapa. Mais cinismo imposíbel. A resposta, que a oposición debeu dar no propio acto, marchándose, fíxose posteriormente. Faltou valentía. Os representantes do BNG e En Marea destacaron en senllas notas, coa contundencia necesaria, os atributos do cadro de Castelao, que simboliza a cruel represión dun réxime fascista (detencións a esgalla, xuízos sumarios, fusilamentos, fuxidos, represión económica, tortura e violacións). Unha ditadura que esmagou durante catro décadas os dereitos máis elementais. 

Tampouco se pode igualar, como fixo Feijóo, o réxime fascista de Hitler e Mussolini coa ditadura (proletaria) de Stalin, ignorando que a URSS, durante seu governo, foi o maior antagonista político e ideolóxico do nazismo, fascismo, falanxismo, e outros sistemas da ultra-dereita, e que tivo un papel esencial na súa derrota. Pódenselle facer criticas a Stalin, mais non se pode ignorar que durante súa presidencia a URSS tivo un papel fundamental nos procesos de liberación das colonias de Asia, África e América. Ademais, fortaleceu o movemento obreiro internacional, conseguindo grandes conquistas laborais, sociais e democráticas, que hoxe se están a perder nas supostas democracias. O estalinismo hai que colocalo no seu contexto histórico, como a resposta dun país sometido a todo tipo de bloqueos e intervencións, tanto do fascismo como das potencias imperialistas. Non se poden obviar os 27 millóns de mortos como consecuencia da invasión nazi. 

O cadro de Castelao simbolizaba a cruel represión dun réxime fascista

 

O Presidente da Xunta amosou a mesma insensibilidade con esa etapa histórica, co drama da ditadura e a represión, que a que ten neste intre en relación coa precariedade, a pobreza, a caída da natalidade, o retroceso demográfico da Galiza, a desfeita ecolóxica, as guerras imperialistas, e a corrupción sistémica. Eivas e atrancos que lle lembra acotío a oposición. Porén esta debería ir máis alá, poñendo nome á clase social e potencias que se favorecen coa explotación e opresión.

Este cadro de Castelao lembro, disto hai medio século, penduraba dunha das parades do Centro Ourensán. Esta entidade estaba situada fronte ao Centro Galego, na rúa Belgrano, da cidade de Bos Aires, cando eu vivía na Arxentina. Chamoume a atención a primeira vez que entrei neste edificio, no ano 1967, para me poñer en contacto coa Irmandade Galega (IG). Ao subir a escaleira e chegar ao primeiro andar, alí de carón a poucos metros na parede que había diante estaba a pintura. Impresionaba. Tamén había unha vitrina horizontal cun especial de A Nosa Terra publicado co gallo da morte de Castelao (do que aínda teño algúns exemplares). Vin este cadro os seguintes cinco anos, cando se facían as reunións da Irmandade, algún acto ou encontro especifico da colectividade galega. Era polo tanto un cadro que estaba exposto e coñecido polo galeguismo. Castelao foi o principal activo político do nacionalismo, especialmente no exilio en Bos Aires (na Irmandades da Fala e o Partido Galeguista compartiu este protagonismo con Alexandre Bóveda, Vítor Casas, Viqueira, Suárez Pícallo, Ánxel Casal, Peña Novo, Villar Ponte, Lousada Diéguez, etc). Se cadra nesta xeira americana non se debería esquecer ademais que tivo un papel sobranceiro Alonso Ríos, tanto no Consello de Galiza como na Irmandade Galega.  

Castelao foi o principal activo político do nacionalismo, especialmente no exilio en Bos Aires

 

Agora ben, ademais Castelao era a persoa que mellor soubo retratar cos seus gravados e narracións á realidade galega do momento, dándolle vida, interpretando os sentimentos e o contexto político e social. Foi a televisión galega da época, o axitador de conciencias e o creador de expectativas de liberación. Era o xenio ao servizo do povo e da Patria. Daquela que fose nas eleccións o máis votado do Partido Galeguista, e figura central no exilio americano. Pódeselle pedir máis? Debo recoñecer que nos anos sesenta e setenta, na conxuntura da América Latina, para persoas coma min non abondaba. Pesaba moito a Galiza colonizada que expulsaba medio millón de emigrantes, de aldeáns marxinados dentro e no exterior, pola súa cultura e lingua, pola súa pobreza. Asemade, eran períodos de revolución, tamén na Arxentina, semellaba que a liberación dos povos estaba próxima.  Dende moito antes, até a súa morte en 1950, Castelao sen propor a revolución, falaba coa voz do povo, expresaba súas inquedanzas e arelas de traballo digno, democracia e soberanía. Daquela que dende o marxismo Moisés Da Presa, dende o socialismo Cupeiro, dende o anarquismo Montero e Lema, así como ex-membros da Pondal sempre ¡sempre! debuxábanmo como un exemplo. Respecto do Partido Galeguista había máis debate.