Opinión

Capitalismo: da competencia á guerra

Dise que a crise comezou porque estoupou a burbulla inmobiliaria. Porén, a esta hai que engadir a especulación financeira, a queda do consumo pola inmensa concentración da riqueza, os capitais ociosos nos paraísos fiscais, os límites ecolóxicos e de materias primas e enerxéticas, e o exceso relativo de capacidade produtiva. 

Dise que a crise comezou porque estoupou a burbulla inmobiliaria. Porén, a esta hai que engadir a especulación financeira, a queda do consumo pola inmensa concentración da riqueza, os capitais ociosos nos paraísos fiscais, os límites ecolóxicos e de materias primas e enerxéticas, e o exceso relativo de capacidade produtiva. Non foi unha casualidade, as crises son consubstanciais co capitalismo, e  aceleradas polas políticas que o sacralizan. Nos primeiros anos todo fixo pensar que nos países centrais do sistema, os máis afectados, a revolta das clases populares sería a resposta máis lóxica, máxime cando o movemento antiglobalización levaba un lustro en auxe. Por esta razón, os Estados Unidos fixeron volver unha división das tropas situadas no estranxeiro, “para asegurar a paz interna”, e Sarkozy falou de refundar o capitalismo. 

"Non houbo revolta social diante da cobiza do capital, o movemento obreiro e popular xa non era o de décadas antes, nel aniñaran con forza as ideas reformistas"

Mais non houbo revolta social diante da cobiza do capital, o movemento obreiro e popular xa non era o de décadas antes, nel aniñaran con forza as ideas reformistas, que sempre son expresión do derrotismo e xustificación das concesións. As clases dominantes puideron pois reconducir a situación económica dacordo cos seus intereses, cunha contestación limitada, malia o descontente; a non ser nalgúns países periféricos onde a correlación de forzas era favorábel ás clases populares, como nos países do ALBA. Tamén nos estados do centro do sistema houbo oposición, por exemplo en Grecia e Portugal, así como na Galiza onde se fixeron varias folgas xerais, porén non era resposta abondo como para modificar (ou cando menos frear) os planos do capital. 

Daquela que, como consecuencia da crise provocada pola cobiza do capitalismo, pola optimización do lucro, en lugar dunha revolta que superase o sistema, a resposta converteuse nun duro axuste, permitindo unha maior concentración e centralización do poder e da riqueza (para satisfacción do capital). Expresión desta evolución regresiva foron: a dislocación empresarial; a emigración masiva para garantir a man de obra de reserva; a precarización laboral e a queda dos salarios; a redución dos servizos e prestacións públicas; a terciarización; as achegas públicas ao capital; as privatizacións; a rebaixa fiscal ás empresas e grandes fortunas; e o retroceso nos dereitos democráticos. Nun arrouto de sinceridade Warren Buffett, unha das maiores fortunas do mundo, recoñecía que: “hai unha guerra de clases e estámola gañando os ricos”. 

"Nun arrouto de sinceridade Warren Buffett, unha das maiores fortunas do mundo, recoñecía que: “hai unha guerra de clases e estámola gañando os ricos”." 

Na súa primeira fase da crise, esta fíxose sentir especialmente nos estados imperialistas hexemónicos e os seus aliados. Foi unha conxuntura que permitiu ás potencias emerxentes, sobre todo aos BRICS, reducir as distancias económicas cos Estados Unidos e a Unión Europea, e esixir un maior protagonismo nas decisións mundiais. O aumento do valor das materias primas e do ouro, a  aposta pola utilización doutras moedas no troco internacional, foron expresión do momento. Mais, esta fase depresiva foi superada por Estados Unidos, tanto no económico como no financeiro, como fica reflectido na ofensiva militar en Medio Oriente e Ucraína, nas sancións a Rusia, no crecemento do PIB e na xeración de emprego, nos tratados de libre comercio, no control das comunicacións, e na queda do prezo das materias primas. Todas estas medidas amosan que a iniciativa está máis unha vez nas mans de Washington, acompañadas polas clases dominantes da Unión Europea para recoller as “sobras”.

Entre as novidades desta nova fase, polo que implican como salto cualitativo a prol dos intereses do imperialismo, están os tratados de libre comercio (TLC). Esta é unha vía que permite unha maior explotación e opresión das clases populares, neste tempo histórico, grazas aos grandes avances na comunicación. Os TLC globalizan a man de obra de reserva, facilitan a especulación financeira, e fan menos dependentes as empresas do consumo localizado, na micro economía (sobre todo na produción e bens). Asemade, estes acordos, dánlle o mesmo rango xurídico ás corporacións que aos estados, outorgándolle capacidade de resolución dos litixios a institucións privadas internacionais. Colócase deste xeito o capital por riba da soberanía popular. A disputa entre o Goberno arxentino e os fondos voitres é un exemplo das consecuencias deste tipo de acordos, que hipotecan a soberanía das nacións. Os grandes beneficiarios destes acordos son as corporacións, ou sexa as clases dominantes, e as potencias hexemónicas, especialmente os Estados Unidos, que son, xunto coa UE, os máximos promotores.

"Os TLC globalizan a man de obra de reserva, facilitan a especulación financeira, e fan menos dependentes as empresas do consumo localizado, na micro economía" 

Nesta segunda fase da crise, xa convertida nun violento enfrontamento polo reparto da riqueza e o poder entre clases sociais e entre nacións (teñan ou non soberanía), a confrontación máis aguda estase dando entre as grandes potencias, incluíndo os seus respectivos aliados ou adversarios. E como consecuencia desta loita polo lucro, alén da disputa no eido económico e da información, o conflito ten en moitos lugares do mundo un carácter militar ou represivo, a costa da destrución de países enteiros, e da morte de centos de milleiros de persoas. Todo isto agochado detrás do discurso cínico da loita pola democracia. Tendo en conta o poder militar e o control da información a todos os niveis que teñen os Estados Unidos, parecería neste intre que o bloque imperialista hexemónico pódese impoñer, porén sería un erro dar por consolidada esta tendencia. 

Se analizamos obxectivamente a situación, hai escenarios que non se poden desbotar. Por exemplo. Rusia pode canear o bloqueo, se aguanta uns anos coa axuda de China, muda as súas relacións comerciais exteriores e desenvolve unha economía interna forte. China pode, aproveitando a súa capacidade industrial e grandes reservas de divisas, aumentar os seus acordos comerciais con Asia, África e América Latina. Os conflitos en Siria e Ucraína pódense manter durante tempo, e terminar desgastando as potencias que os alentaron. A crise na Unión Europea non está resolta, polo que pode dar folgos á protesta social e a cambios políticos, que non se podan afogar co estreitamento das liberdades civís. As contradicións políticas e sociais nos Estados Unidos non deixan de medrar. O dumping no prezo da enerxía, coa colaboración de Arabia Saudí e dos Emiratos do Golfo, para prexudicar a Rusia, Venezuela e Irán, se dura moito, rematará afectando tamén aos que tomaron a iniciativa, así como aos Estados Unidos, México e outros aliados do imperialismo hexemónico. Se medra o número de países que abandona o dólar como divisa comercial, converterá o que é unha ferida no poder norteamericano nun cancro. En resumo, a partida non está concluída. Pódese dicir que a iniciativa está en Washington no intre máis álxido, e polo tanto extremadamente perigoso. A historia demostra que a competencia entre bloques imperialistas sempre leva á guerra. Por este motivo, varios premios Nobel alertan do perigo dunha guerra atómica.

"Parecería neste intre que o bloque imperialista hexemónico pódese impoñer, porén sería un erro dar por consolidada esta tendencia".

Resulta evidente que non se trata dunha confrontación entre modelos económico-sociais distintos, como durante a Guerra Fría, xa que ningunha destas potencias cuestiona o capitalismo. Só os países da ALBA e algunhas outras experiencias procuran un modelo máis avanzado no social, e formas de democracia máis solidarias. Mesmo así, sería un avance importante que existisen máis centros de decisión, rematando definitivamente co hexemonismo dos Estados Unidos. Un marco deste tipo, mesmo que houbese unha complicidade importante entre as grandes potencias nos temas sistémicos, sempre tería contradicións que permitirían a existencia de escenarios favorábeis aos países máis pequenos e ás clases subalternas, e serían garantía dun maior respecto polo pluralismo. Para a liberación nacional e social de Galiza isto ten unha enorme relevancia.  

http://manuelmera.blogaliza.org/