Opinión

Cando o mal menor non existe

A poucos días das eleccións de Estados Unidos, cando aínda non había un resultado definitivo, escribín un artigo para este medio que titulaba “USA o triunfo do mal menor”. Nel argumentaba: “En relación coa política manter con China, Rusia, Venezuela, etc, as diverxencias entre demócratas e republicanos son de matiz (...) con ambos partidos no Governo a presenza militar de Washington non deixou de medrar (...) as diferenzas máis notábeis entre republicanos e demócratas danse nas políticas internas”.

Que as coincidencias cos republicanos son moi grandes, mesmo en relación coas políticas internas, non necesita de análises moi exhaustivos, así o ven a maioría dos estadounidenses, nunha enquisa de Gallup un 57% apostaba porque existise unha terceira opción. Mais todo indica que as diferenzas son cada vez menores, o que deixa en evidencia até que punto as clases dominantes de Estados Unidos non están dispostas a renunciar aos privilexios no mundo, como consecuencia da súa hexemonía militar, financeira, tecnolóxica, despois da caída da URSS... e das fraquezas políticas e militares da Unión Europea, malia a súa fortaleza económica.

Estas valoracións tan pesimistas en relación coa pol í tica exterior dos dem ó cratas non se tardaron moito en confirmar

Estas valoracións tan pesimistas en relación coa política exterior dos demócratas non se tardaron moito en confirmar, cunha actitude de Biden máis belixerante respecto de Rusia e de China, aumentando a relato demonizador e agresivo, aínda verbal, contra estas potencias que lle disputan o reparto da hexemonía. Solución: sancións contra Rusia e China, tanto dos Estados Unidos como da Unión Europea. Respecto de Moscova coa escusa de que Putin quixo matar ao opositor Navalny, o argumento é moi contraditorio porque se así fose teríao feito e non o houbese deixado viaxar a Alemaña. Respecto de China denuncian que os uigur son un povo oprimido, cunha parte vivindo en campos de reeducación. Sen dúbida a problema uigur existe, e non semella que estea resolto, aínda que os niveis de represión non sexan os divulgados por Washington para erixirse na forza do ben na loita contra o mal. Estas interpretacións manipuladas da realidade non pretenden buscar solucións a estes problemas, só gañar para as súas políticas de confrontación o apoio da maioría da humanidade, borrando da análise a longa historia de intervencións externas de Washington, e que consinte as agresións contra Palestina e Sáhara Occidental por países cos que mantén unha forte alianza, por poñer só dous exemplos.

As razóns para as sancións son outras, concretamente que Rusia non só é unha potencia nuclear senón que disputa en avances tecnolóxicos aos Estados Unidos en certas áreas do eido militar tradicional (submarinos, misís, tanques, radares de detención, etc.), e impide que Washington e aliados controlen todo Oriente próximo. Por se non abondase, malia as sancións, a economía rusa medra, é o maior exportador de trigo do mundo, e un dos maiores en petróleo e gas. Dándose o paradoxo que é o terceiro país en exportación de petróleo aos Estados Unidos, despois de Canadá e México, superando a Arabia Saudí.

Respecto de China a situación é m á is preocupante para os Estados Unidos,  xa que cuestiona a hexemonía de Washington

Respecto de China a situación é máis preocupante para os Estados Unidos, xa que cuestiona a hexemonía de Washington no eido económico e tecnolóxico, ademais a pandemia acelerou un cambio que como mínimo terminará por impoñer un mundo multilateral. Até que nivel, é unha incógnita. Xa hoxe China é a maior potencia industrial, mais os Estados Unidos seguen a ter o maior exército do mundo, e unhas 600 bases fóra, controlan a rede e dominan o eido da información e cultura de masas, son unha gran potencia agrícola, e a súa moeda serve de referencia no comercio e investimentos internacionais.

Agora ben, o que máis preocupa ás clases dominantes de Estados Unidos e que neste intre está en disputa todo o relativo á intelixencia artificial, e China está por diante en certos aspectos (G5) co que isto implica no control no ámbito da economía, na información e especialmente no eido militar. Ademais, Rusia e China, aos que se lle uniran cada vez máis países, queren  realizar todos os seus intercambios e investimentos internacionais nas súas propia moedas ou nunha baseada en varias, e o Yuan ten gañado espazo como unha divisa segura. Non é unha cuestión menor porque os Estados Unidos está emitindo moeda a manchea carente de calquera respaldo económico, daquela a burbulla da bolsa. Seu valor mantense por riba do seu valor real por mor do seu poderío militar, ou sexa, porque son e se lles considera o Sherif do mundo.

Polo tanto, todo indica que saída da crise da pandemia, a sanitaria, está sometida intereses xeoestratéxicos como xa se ve respecto das vacinas. Mais, no económico estará condicionada tanto pola ruptura do equilibrio entre o ser humano e a natureza (novo virus, sistema, demografía, etc) como pola decisión dos Estados Unidos que non hai máis alternativa que a súa hexemonía mundial. Esta sería, segundo eles, a única garantía de “democracia e respecto polos dereitos fundamentais” no mundo,... en realidade só se trata de defender os intereses do gran capital desta potencia, en último extremo facendo algunhas concesións aos seus aliados máis próximos. Como semella se está a negociar coa UE. Unha nova guerra fría e dividir o mundo en bloques como alternativa temporal ao avance de China e Rusia?

O  contexto será cada vez m á is complexo  e de confrontación, e  terá consecuencias sobre todos os países do mundo

O contexto será cada vez máis complexo e de confrontación, e terá consecuencias sobre todos os países do mundo, tamén as grandes potencias e especialmente aquelas nacións que teñen un papel subordinado no ámbito político e económico, como Galiza. Polo que atinxirá o comercio internacional, e a medio prazo afectará en maior ou menor medida o papel que cada nación xogará na cadea de valor, e polo tanto o PIB e o emprego, precariedade e desigualdade. Sen dúbida isto tamén atinxirá a aplicación dos programas europeos (por exemplo o Next Generation).

En fin, cómpre estar atentos ao que sucede no eido internacional, ao reparto de fondos que se fai, como e cando, por parte da Unión Europea e o Estado español. E sobre todo, dar información propia, analizar e dar respostas aos cambios regresivos. E para evitar desfeitas maiores e conseguir avanzar o esencial é unha sociedade mobilizada, folla de ruta e política de alianzas para todos os escenarios. Unha cuestión é o que pretenda o imperialismo e outra a que os povos lle permitan. Pódese abrir tamén a porta a cambios transformadores, son moitas as contradicións. O futuro non está escrito, sempre hai máis dun escenario posíbel.

https://obloguedemera.wordpress.com/