Opinión

Candidaturas galegas unitarias?

Todas as expectativas políticas, tanto da militancia dos partidos como da maioría da sociedade, están fixadas nas vindeiras eleccións xerais.

Todas as expectativas políticas, tanto da militancia dos partidos como da maioría da sociedade, están fixadas nas vindeiras eleccións xerais. Especialmente despois da enorme derrota da dereita españolista nas institucións locais. Mais, sería un espellismo esperar unha ruptura democrática, porque a actual correlación de forzas e as ideas dominantes non dan para iso, polo momento. Agora ben, un fortalecemento do nacionalismo e da esquerda estatal poderían abrir as portas para avances importantes. Non sería algo secundario, xa que este cambio de tendencia daría pulo no imaxinario colectivo á perspectiva estratéxica, alentaría a mobilización popular, e recobraría o papel dos partidos e sindicatos como instrumentos políticos efectivos. E estes son aspectos esenciais para construír poder popular, e polo tanto para a liberación nacional e social de Galiza.  

"A expectativa de cambio é moi forte nos partidos con vocación electoralista, mais tamén en sectores de militantes e simpatizantes das forzas nacionalistas". 

A expectativa de cambio é moi forte nos partidos con vocación electoralista, mais tamén en sectores de militantes e simpatizantes das forzas nacionalistas. O fraccionamento do nacionalismo galego dá transcendencia a este debate, xa que podería ficar cunha presenza moi limitada no Parlamento do Estado (ou perdela), e algúns sectores diluírense en alternativas de ámbito estatal. E isto non é algo secundario nun intre no que todo fai pensar en rectificacións no modelo territorial (para frear unha independencia de Cataluña), nun contexto no que sería posíbel recuperar conquistas laborais, sociais e de dereitos perdidos nas últimas décadas, e no que medran as contradicións de todo tipo dentro da Unión Europea. A conxuntura política ten tempos que o nacionalismo non decide e nos que debe incidir, xa que marcan as tendencias da futura etapa. Isto implica novos retos, encetando por ter propostas e folla de ruta para este intre. Así como tomar a iniciativa, e non descoidar as tarefas estratéxicas, tanto externas como internas, ás que me teño referido xa en artigos anteriores. 

"A unidade do nacionalismo, da que tanto se fala, tería que se construír sobre marcas electorais (cando fose necesario e posíbel), así como por medio das organizacións sindicais, sociais e culturais"

Cómpre dar unha resposta para este intre, na que o nacionalismo debe atender varios obxectivos fundamentais, como son: fortalecer o suxeito para o proxecto estratéxico; ampliar a base social; e ser unha das forzas motoras do cambio. E, tal como está o xogo electoral, para casar todos estes aspectos hai que pasar polo funil dunha candidatura galega na que o BNG será máis unha forza. Daquela, perdería parte da súa referencialidade e, en contrapartida, gañaría en incidencia social. Para que o retroceso sexa mínimo na formación do imaxinario colectivo, e só afecte nun primeiro momento, cómpre afortalar a proposta político-ideolóxica (folla de ruta, discurso, figuras de referencia, formación, mobilización, iniciativa, mellorar os métodos de traballo, incorporar nova militancia,  etc.). E isto débese facer sen causar tensións cos posíbeis aliados. Ou sexa, o BNG tería que ser menos unha marca electoral e moito máis o proxecto estratéxico para a liberación nacional e social do povo galego. O actual é un contexto complexo, que tamén atinxe a Anova, xa que as eleccións xerais son a súa proba da algodón como forza nacionalista. Unha candidatura galega permitiríalle dar unha saída nacional a unha andaina controvertida coa esquerda estatal, non exenta de conflitos internos. 

Neste contexto, a unidade do nacionalismo, da que tanto se fala, tería que se construír sobre marcas electorais (cando fose necesario e posíbel), así como por medio das organizacións sindicais, sociais e culturais, e moi especialmente con actos e mobilizacións reivindicativas comúns. Deste xeito, poderíase solucionar a distinta visión que no nacionalismo existe sobre a folla de ruta, tal como se evidenciou en Amio, cando a maioría se aferraba ao carácter estratéxico do BNG e outros poñían todo o acento no institucional e inmediato. Agora, uns colocan sobre a mesa os moi bos resultados electorais das mareas nalgunhas cidades e vilas, e outros, a democracia interna expresada no voto maioritario da militancia sobre a folla de ruta, a firmeza no estratéxico e ser a terceira forza electoral. Son dous aspectos distintos dun debate que non se pode resolver de xeito construtivo nun único marco organizativo. Polo que, ademais de procurar as estruturas máis amplas e acaídas para dar resposta aos temas electorais e sectoriais, segundo o momento e o ámbito (como se fai en Euskadi, por exemplo), o proxecto estratéxico tería que cobrar máis relevancia no discursivo para compensar o que perdería no instrumental. 

"Dende Amio fixéronse rectificacións na dirección correcta, como amosa a recuperación nestas eleccións municipais nas que, se excluímos seis cidades, os resultados son bos"

E isto é así porque o único discurso político na sociedade, e ás veces cunha única voz, é á da fronte, co que isto ten de positivo na referencialidade nos sectores sociais menos politizados, mais tamén de negativo, xa que a mensaxe volveuse máis circunstancial e táctica, e mesmo electoral. Nesta altura, tendo en consideración que a inmensa maioría da militancia do BNG non está organizada en ningunha corrente ou partido, e que varias das tendencias abandonaron a fronte en Amio, non semella posíbel que a curto prazo se converta de novo na casa común do nacionalismo. Sen dúbida, aceptar este paso atrás na autoorganización terá os seus custes no imaxinario do povo galego, mais hai xa tempo que se deu, algo que cómpre recoñecer, para que non se converta nun atranco que impida avanzar o nacionalismo. Foi consecuencia de factores externos, así como da ruptura. Mais tamén de dinámicas internas, como a procura posterior do consenso entre correntes, mesmo a costa de ralentizar as rectificacións e limar a mensaxe, non marcando o carácter de forza de esquerda antisistémica, máxime cando se competía con novos proxectos que nos disputaban ese espazo electoral. Asemade, en certos momentos pareceu que se facía seguidismo de organizacións nacionalistas moi minoritarias. Porén, do que se trata agora, mais que de facer lembranza, é sobre todo de dar solucións que permitan manter e potenciar o  proxecto estratéxico (soberanía, democracia popular, xustiza social, autoorganización). Así como construír alianzas amplas para ser máis efectivos na loita política e social, e aumentar a incidencia social e política do nacionalismo.

Dende Amio fixéronse rectificacións na dirección correcta, como amosa a recuperación nestas eleccións municipais nas que, se excluímos seis cidades, os resultados son bos (en total 190.000 votos, un 12,9%). O BNG conseguiu a alcaldía en 30 municipios, que suman 297.000 habitantes. Mais non abonda. O retroceso urbano é preocupante. Cómpre mellorar a incidencia nas cidades, en moitos concellos, e no ámbito nacional. Neste último, algunhas iniciativas foron contraditorias, hai rectificacións pendentes, e existen eivas na transmisión do proxecto que non se poden atribuír en exclusiva á actitude dos medios de comunicación sistémicos (que ademais sempre nos atacaron ou ignoraron). Tampouco axuda ao nacionalismo que a mobilización estea tan fracturada e teña un carácter local e sectorial. Perdeuse en boa medida a iniciativa para dar respostas nacionais, tanto políticas como sindicais e sociais. Existe ás veces un estado de ánimo resistencialista, vitimista, mesmo derrotista, que se transmite ás clases populares, potencia o electoralismo e limita a iniciativa mobilizadora e política. A derrota do PP muda este escenario a certos niveis e recuperará a protesta. Porén non é suficiente. O nacionalismo debe alentar esta tendencia e tomar a iniciativa.

"Un proxecto liberador non pode ficar hipotecado polas limitacións persoais, por máis atributos que teñan algúns dirixentes noutros aspectos e por maior que sexa a súa contribución práctica ou teórica".

Agora ben, unha candidatura galega unitaria para as xerais que manteña no Parlamento do Estado perfil propio, sendo unha proposta positiva para o povo galego e o nacionalismo neste intre, non resolve as eivas e atrancos do BNG máis que conxunturalmente. E de non debatelo e recoñecelo, pode ser un paso atrás estratéxico, xa que non se aproveitaría o tempo gañado para realizar ademais as rectificacións pendentes. Urxe unha renovación coa que se garanta que todos e todas os portavoces do BNG sexan persoas que teñan a formación necesaria e a capacidade discursiva para conectar coas clases populares. Non abonda con ser nacionalista, coa firmeza ideolóxica e co traballo. Cómpre ademais ser quen de transmitir ideas correctas, enerxía, emocións, e ter empatía... 

Un proxecto liberador non pode ficar hipotecado polas limitacións persoais, por máis atributos que teñan algúns dirixentes noutros aspectos e por maior que sexa a súa contribución práctica ou teórica. E esta é unha cuestión que o BNG debe resolver tanto a nivel nacional como nalgúns concellos, especialmente nos centros urbanos, que foi onde se obtiveron peores resultados. Sería moi grave que se obviase este aspecto, e se quixesen agochar as eivas individuais, locais e sectoriais na fronte, procurando chibos expiatorios na liña programática, na ruptura de Amio, na actitude dos medios ou na entrega da militancia. Estas eleccións reflicten que nos resultados incidiron varias cuestións. E a da idoneidade dos dirixentes, especialmente a nivel nacional, non é un aspecto secundario nesta sociedade da comunicación. Trátase de ser os/as mellores. Esta eiva hai que poñela a debate, máxime cando é aquela que máis rápido se pode resolver, para ben do proxecto, e tería efectos positivos máis inmediatos. 

"Non se trata de refundar o BNG, baixando o listón. Iso sería un erro histórico nunha conxuntura con tantas incertezas".

Acadar unha candidatura galega única non é unha tarefa sinxela. O debate central reside en se consideramos que a política de fronte e a mobilización son alicerces fundamentais para a liberación nacional e social, e se nun contexto como o actual, no que a cuestión da soberanía é interdependente da confrontación social, a fronte estratéxica (o BNG) pode obviar ou canear a loita de clases. Amio reflicte que non. Daquela o nacionalismo galego ten que ser quen de construír espazos de complicidade para a conxuntura, a fin de chegar a sectores moi amplos das clases populares, e así poder acumular as forzas necesarias para conquistar a hexemonía. Non se trata de refundar o BNG, baixando o listón. Iso sería un erro histórico nunha conxuntura con tantas incertezas. Hai que construír ou fortalecer outros espazos de converxencia máis amplos. Daquela que, como se artellen o partido, a fronte estratéxica (o BNG) e os espazos unitarios galegos, sexa un reto moi importante desta etapa. Non é unha novidade, existen experiencias que levan décadas funcionando, que forman parte do ADN do nacionalismo galego, como a CIG, a Mesa de Normalización Lingüística, etc. O esencial nestes espazos de converxencia non é lograr a plena coincidencia estratéxica, senón garantir o ámbito galego de decisión, o dereito de autodeterminación, regras de xogo democráticas, os dereitos individuais, medidas para construír a xustiza social, e avanzar na ruptura. 

Unidade, praxe e debate, para acumular... Só así será un paso adiante. É un reto... Sen atrevemento e iniciativa non hai liberación. Tampouco ignorando a correlación de forzas, o estado de ánimo da xente, e a capacidade do nacionalismo a esta altura... Debemos estar sempre na primeira liña, nen por atrás nen por diante. Aínda que conseguilo, dando un paso atrás, sexa unha decisión amarga, mais necesaria para avanzar. 

http://manuelmera.blogaliza.org/