Opinión

Camilo Torres, un crego na guerrilla

Camilo Torres naceu o 3 de febreiro de 1929 en Bogotá, Colombia, e simboliza na América Latina o papel dun sector da igrexa católica profundamente comprometido na loita contra a desigualdade, a inxustiza. Daquela que no ano 1965 se unise ao movemento guerrilleiro no seu país, o que lle custaría a vida xa que morrería o 15 de febreiro de 1966, hai 55 anos, nunha emboscada do exército. Pertencía a unha familia acomodada. En 1954 foi ordenado crego, e un ano despois sería nomeado vicerrector do Colexio para América Latina, seminario fundado en Lovaina polo bispado belga. No ano 1958 graduase como licenciado en Ciencias Sociais. No ano 1959 volve a Bogotá e comeza a traballar na Universidade Nacional como profesor do Departamento de Socioloxía.

No ano 1963 celebrase na capital de Colombia o Primeiro Congreso Nacional de Socioloxía que preside e no que presenta un importante relatorio, encol da violencia e os cambios socio-culturais nas áreas rurais colombianas. A autoridade eclesiástica non aproba a súa publicación. No ano 1964 despois dunha viaxe a Perú será proposto, xunto con outros dous sacerdotes, para integrar unha comisión que investigue e valore a organización campesiña en Marquetalia. O cardeal decide que ningún crego pode colaborar con esta comisión. Quince días despois Marquetalia será ocupada por 16.000 militares, polo que os grupos de autodefensa retiráronse ás selvas dirixidos polo comandante Manuel Marulanda Vélez, axiña se transformaron en destacamento da guerrilla, consolidando as FARC. En setembro viaxa a Lovaina a un congreso internacional convocado pola organización católica Pro Mundi Vita, no que Camilo Torres defende un relato titulado: A revolución imperativo cristián. A finais dese ano (1964) comeza a tomar contacto cos movementos guerrilleiros.

Camilo Torres defende un relato titulado: A revolución imperativo cristián. A finais dese ano (1964) comeza a tomar contacto cos movementos guerrilleiros.

O contexto. O triunfo da Revolución Cubana, en xaneiro de 1959, terminou coa ditadura de Batista e décadas de opresión da potencia do norte. Os Estados Unidos substituíra co neocolonialismo o colonialismo que se aplicou na illa durante os séculos de dominio español. Polo que a conquista pola guerrilla do poder en Cuba fortaleceu como alternativa a vía armada na América Latina contra os réximes oligárquicos, as ditaduras militares, e o imperialismo. Coincidía no tempo coa oposición, dende sectores dos partidos comunistas e da esquerda radical, a coexistencia pacifica predicada dende Moscova a partir do governo de Jrusvchov, á que se opoñía a China de Mao Tse Tung. Nesta etapa a loita armada normalmente adquiriu a forma de guerrilla rural ou urbana, e en poucas ocasión a rebelión asociou a civís e militares, como foi o caso da República Dominicana durante o levantamento dirixido por Caamaño Deñó (abril de 1965).

Este método de loita, denominado daquela como foquismo, por parte da esquerda revolucionaria que non coincidía con esta hipótese, consideraba que a vangarda armada (o foco) serviría de revulsivo e elemento concienciador dando azos á rebelión social e a un exército do povo que tomaría o poder. Facíase unha lectura simplista da Revolución Cubana poñendo o foco exclusivamente na guerrilla, ignorando o proceso histórico, e a forte loita obreira e estudantil que se deu ao mesmo tempo en Cuba. A cuestión non era secundaria, porque determinaba cal é a tarefa prioritaria. Aínda que despois as ditaduras militares non facía distincións no momento da represión, dado que todas estas forzas antistémicas pertencían ao campo popular. Porén deixando a un lado estes aspectos, que hoxe teñen menos valor, mais que eran parte do debate cotiá hai máis de medio século cando simpaticei e logo militei en Vanguardia Comunista na Arxentina (en paralelo coa miña previa integración na Irmandade Galega de Bos Aires e na UPG).

Por familia, Camilo Torres Restrepo, pertencía á clase dirixente. Entón por que a súa integración na guerrilla, un paso que lle custou a vida? Segundo Manuel Ossa, no fascículo adicado a Camilo Torres, na colección Los Hombres en la Historia (Centro Editor de América Latina, Bos Aires, 1971). “Até a súa morte Camilo quixo ser sacerdote; mais el viu o sacerdocio como un xeito de servir á maioría oprimida. Porén esta súa maneira de ver, por moi compartida que puidese estar con outros compañeiros no sacerdocio, estrelouse contra a estrutura da igrexa oficial (...) A socioloxía ofrécelle, como ciencia positiva que é, os mellores instrumentos para mirar obxectivamente a realidade. E permítelle descubrir as contradicións en que vive a sociedade latinoamericana e colombiana. Ela condúceo á conclusión de que o único xeito de saír do impase é a revolución”. Dinos Ossa que cando o seu compromiso volvese máis forte “se cadra non lle interese destacar o aporte propio do cristianismo á revolución, pois ve toda ela como un imperativo cristián (...) Nesta época pensa que a revolución non vai ser conducida polos cristiáns senón por outros grupos, como os marxistas, que se teñen amosado como guías mellor preparados”.

En xuño de 1965 Camilo Torres incorporase ao Exército de Liberación Nacional (ELN) realizando  unha intensa campaña de charlas por todo o país

En xuño de 1965 Camilo Torres incorporase ao Exército de Liberación Nacional (ELN) realizando  unha intensa campaña de charlas por todo o país. “Nun acto ante universitarios definiu o seu programa: distribución da terra e unha reforma urbana que prometía unha casa para cada cidadán. Avogaba pola nacionalización dos bancos, hospitais, compañías de seguros, o transporte publico, a radio, a televisión, e a explotación de todos os recursos naturais polo Estado. Unha planificación económica dirixida polo Governo, programas de seguridade social, e novas leis tributarias...” (Del Moncada a Chiapas. Historia de la lucha armada en América Latina, Daniel Pereyra, Libros de Catarata, Madrid, 1994). Temendo pola súa seguridade o ELN acordou que se incorporase á guerrilla, algo que faría o 18 de outubro de 1965, morrería aos poucos meses nunha emboscada

.Camilo Torres é un exemplo da participación activa nos procesos revolucionarios de América Latina dunha parte do cristianismo organizado perante o século pasado. Fixérono tanto a través da seu apoio e/ou participación na loita social (por exemplo Hélder Cámara no Brasil, da Teoloxía da Liberación), con medios de comunicacións afíns (como a revista Cristianismo y Revolución, editada na Arxentina), e integrándose os sectores máis radicalizados nos grupos guerrilleiros. A resposta era, en verbas de Camilo Torres, que: “Procurar un  proxecto propio nos países indixentes, é polo xeral unha obrigación do cristianismo. Esta postura é unha condición para a eficacia no autentico servizo ás maiorías, e por tanto unha condición de caridade nestes países (...) Sen claudicacións, sen vencedores nen vencidos, os cristiáns poderán participar na construción dun mundo mellor cada vez máis achegado ao seu ideal de Amor Universal” (Camilo Torres; Revolución imperativo cristiano; Edición Sandino; 1968).

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios