Opinión

Cambodia-Galiza: globalización, clase e nación

Na Cambodia hai 650.000 traballadoras/es que producen para marcas de tanto prestixio como Zara, HM, Adidas, Levi, C&A, etc. recibindo un salario de 80 dólares, cando cubrir as necesidades mínimas dunha familia implica un gasto de 135 $ ao mes. Mais non se trata só dunha cuestión salarial, porque como denuncian as traballadoras, as condicións laborais (exceso de calor, hixiene, etc) e a mala nutrición, causan milleiros de desmaios cada ano.

Na Cambodia hai 650.000 traballadoras/es que producen para marcas de tanto prestixio como Zara, HM, Adidas, Levi, C&A, etc. recibindo un salario de 80 dólares, cando cubrir as necesidades mínimas dunha familia implica un gasto de 135 $ ao mes. Mais non se trata só dunha cuestión salarial, porque como denuncian as traballadoras, as condicións laborais (exceso de calor, hixiene, etc) e a mala nutrición, causan milleiros de desmaios cada ano. Por exemplo, en dúas empresas que fornecen roupa deportiva a Puma e Adidas, en abril deste ano, 120 traballadoras/es desmaiáronse durante a xornada laboral. 

"A expansión da industria extensiva en man de obra en Bangladesh, Cambodia, Paquistán, Vietnam, etc., é consecuencia directa do aumento do salario mínimo e medio en China"

Dende decembro de 2013, o sector vén facendo paros e mobilizacións, coa participación de milleiros de persoas, esixindo 177 $ de salario mensual, fronte aos 80 actuais. As protestas foron duramente reprimidas polo goberno, que en xaneiro deste ano matou a cinco manifestantes. Para frear as mobilizacións, a patronal propuxo aumentar o salario a 98 $ por mes, algo que non aceptaron os traballadores/as. Polo que en setembro reiniciouse a loita, destacando as manifestacións masivas do día 17, nas que participaron 300 fábricas de todo o país. O Goberno respostou cun despregue masivo da policía e do exército. A contestación da patronal, por medio de HyM e Zara foi que estaban dispostas a aumentar os salarios, mais que iso debía ser a cambio “do medre da produtividade, maior capacidade dos produtores e colaboración dos sindicatos no centro de traballo”. Así se entende que Amancio Ortega sexa unha das persoas máis ricas do mundo.

A expansión da industria extensiva en man de obra en Bangladesh, Cambodia, Paquistán, Vietnam, etc., é consecuencia directa do aumento do salario mínimo e medio en China, polo que as transnacionais están dislocando a fabricación a países con custes máis baixos, maior desregulacion laboral e gobernos máis dóciles. No ano 2012, o salario medio en China superaba os 600 dólares mensuais, e o mínimo era de 250. Pode parecer baixo, mais daquela, en Bangladesh o salario mínimo era de 38 dólares, en Cambodia de 80 e en Vietnam de 112. 

"Para a gran empresa, a capacidade de consumo hoxe non está ligada ao lugar de produción, porque o mercado está mundializado e os TLCs potencian ao máximo esta característica"

Coa escusa da crise quérese vender como inevitábel para superala que o esforzo (a explotación) da clase traballadora debe aumentar sen límite, porque é fundamental para a competitividade da economía e a xeración de emprego. E que, unha vez acadado este obxectivo, a mellora dos salarios e condicións de traballo virá deseguido. Estes argumentos utilízanse tanto na Galiza e Alemaña, como en China e Cambodia, por poñer algúns exemplos de situacións moi distintas. Mais teñen algo en común: que o capitalismo puxo a competir a clase traballadora polo aceso ao emprego no mundo, garantindo así exclusivamente o aumento do lucro e do poder das clases dominantes. 

Lembremos que para a gran empresa, a capacidade de consumo hoxe non está ligada ao lugar de produción, porque o mercado está mundializado e os TLCs potencian ao máximo esta característica. Asemade, os produtores directos de bens son unha minoría no centro do sistema. Por iso, as medidas keynesianas, coas que se pretende dar solución á crise na Unión Europea, por parte da socialdemocracia, rematarían fracasando. E as políticas de axuste predicadas pola dereita teñen resultados efémeros, mesmo con importantes retrocesos laborais e sociais, porque en pouco tempo hai outros países que baixan salarios e reducen prestacións sociais, gañando así transitoriamente competitividade e cota de mercado. Todos as potencias hexemónicas e a súa periferia inmediata, agás poucas excepcións, están mergulladas nunha tendencia regresiva para as maiorías, que non terá fin mentres lle sexa funcional ao gran capital ou non se mude radicalmente a correlación de forzas como consecuencia da revolta social. O problema é estrutural, propio desta etapa do capitalismo, agudizado pola globalización neoliberal, a revolución informacional, o auxe da economía especulativa e delituosa. 

"Calquera pode constatar, que a globalización foi esmagando as linguas, culturas, identidades, mais tamén debilitando o movemento obreiro e as clases populares"

En poucas palabras, pódese afirmar que a desigualdade social e a explotación aumentou en todo o mundo, e que a vontade popular e os dereitos nacionais recuaron ao mesmo tempo. Tamén, resulta evidente, que mentres nas vellas potencias e a súa periferia máis achegada recúan arreo os dereitos laborais, nos BRICS e outras nacións cun certo grao de soberanía, ou celeiros conxunturais de industrialización, hai avances. Nestes ámbitos, hai espazo neste contexto para que o reformismo consiga certas concesións sociais por parte das clases dominantes. Cando menos, mentres se manteña a tendencia actual de reaxuste económico e político internacional. Esta diverxencia non axuda a que o movemento obreiro poda ter unha estratexia común, a non ser no obxectivo común de rematar coa explotación. O propio pasou hai poucas décadas, mais nun sentido contrario, cando no terceiro mundo a única saída era a ruptura, e nos países centrais do sistema podían facer concesións sen afectar á taxa de lucro.

Calquera pode constatar, que a globalización foi esmagando as linguas, culturas, identidades, mais tamén debilitando o movemento obreiro e as clases populares, baleirando de contido as institucións eleitas en beneficio de organismos decididos polas cúpulas dos partidos sistémicos e dos lobbys empresariais. Sendo necesaria e esencial a coordinación e solidariedade internacional, non parece que sexa nese ámbito onde as clases populares teñan maior capacidade para mudar a situación. Semella unha vía máis doada o ámbito nacional, onde a correlación de forzas do movemento obreiro pode ser máis favorábel e cunhas alianzas máis amplas, para unha ruptura total ou parcial cos mercados globalizados ao servizo das grandes empresas e fortunas. Isto pon en primeiro plano na loita de clases a loita a prol da soberanía nacional, tamén nos estados do centro do sistema e da súa periferia máis achegada.

"A explotación da clase traballadora é a base do capitalismo, mais tamén a subordinación e dependencia das nacións máis débiles".

Non é casual que a Unión Europea, as súas clases dominantes, que axen como punta de lanza da globalización neoliberal, teñan tanto temor a que algún dos países (ou nacións sen estado) que a integran abandone o barco. Non lles preocupan as protestas sindicais da CES, onde a maioría das centrais que a integran e controlan aceptan o sistema e non cuestionan a explotación e a globalización, e en moitos casos teñen claras dependencias dos fundos públicos para o seu funcionamento. O seu principal problema está na forza que ten o movemento nacional na Unión Europea, como expresión da loita de clases, dado que a alta burguesía está subida ao tren da globalización. Claro que, neste contexto, é imposíbel a soberanía real, o control da economía, dos medios de comunicación, da defensa da identidade, da xustiza social, etc. sen a ruptura coa Unión Europea, coa OTAN e coas institucións internacionais controladas polos globalizadores. 

A explotación da clase traballadora é a base do capitalismo, mais tamén a subordinación e dependencia das nacións máis débiles. Tanto nos estados nos que medra o PIB e se fan concesións á maioría, como nos que fican estancados ou recúan, medra arreo a desigualdade, a inxustiza, a economía delituosa, e as burbullas especulativas. O movemento obreiro, e as clases populares, teñen máis capacidade para mudar a situación en ámbitos xeográficos máis achegados, en colectividades máis homoxéneas. A globalización non só é funcional á centralización e concentración do capital, senón tamén un ámbito xeográfico e poboacional dilatado no que teñen todas as vantaxes. Mais, sendo o anterior unha realidade, a loita pola soberanía só pode ser liberadora se está relacionada coa xustiza social, ten como principal protagonista a clase obreira, e está integrada e coordinada coa loita dos demais pobos do mundo contra o imperialismo e a explotación. 

É fundamental que as loitas da clase traballadora de Cambodia, e doutros países se coñezan na Galiza, alentando a confrontación co capitalismo e o imperialismo, dando dimensión internacional a cada conflito, xerando solidariedade. Por iso é necesario que os gobernos progresistas da ALBA se consoliden, que as forzas antisistema se fortalezan na UE, que os escoceses puideran decidir e que os cataláns tamén podan facelo, e que no Donbass se erga un movemento popular contra o neofascismo en Kiev. Son parte dos avances democráticos e do poder popular. Para alén das potencias, para a maioría da humanidade, os dereitos nacionais e a xustiza social son interdependentes, como o son outras reivindicacións importantes, como a igualdade de xénero, a defensa do medio ambiente, etc...

http://manuelmera.blogaliza.org/

Comentarios