Opinión

Cambios estratéxicos e xogos de guerra

O envío de tanques pesados, e xa se fala tamén de mísiles de medio alcance, por parte da OTAN a Ucraína, indica que se mantén como prioritaria unha saída militar ao conflito, con triunfadores e derrotados. Aínda que na práctica implica un salto cualitativo, é relativo en termos de forza militar sobre o térreno. Lembremos que a Ucraína xa tiña os himars despregados polos Estados Unidos (USA), e o envío de cazas tampouco sería unha novidade, xa se estiveron enviando avións malia que fosen de orixe soviética, por parte de países do leste da Unión Europea. Polo tanto todo depende da cantidade, de que modernos son, da preparación para utilizar este armamento e de contar coa loxística necesaria para un emprego acaido.

Todo fai pensar que aínda que o subministro sexa de máis dun cento de tanques, segundo os especialistas, non é abondo como para mudar a correlación de forzas actual, dado que o exército ucraíno está moi esgotado e, a menos que a OTAN entre directamente nos combates, Rusia ten superioridade en armamento de todo tipo e tropas experimentadas no combate. Se non avanza máis rápido debese en boa medida a que está estratexia permítelle triturar o exército ucraíno, e manter a vantaxes duns abastecementos próximos e unha retagarda segura, por precaución diante dunha ofensiva directa da OTAN, malia que sexa pouco probábel pola súas consecuencias. 

Hai nesta confrontación armada moito de xogo de guerra, de coñecer as capacidades reais do inimigo, de utilizar á Ucraína como un campo de probas. Non porque fose o interese de Rusia, senón por desexo da OTAN, por decisión dos Estados Unidos, coa colaboración dos aliados. Daquela que non se cumprise o pacto de Minsk dándolle unha saída pacifica ao conflito no Dombass, e garantir que non haberá armamento nuclear nas fronteiras de Rusia. Non podemos obviar que USA ademais de contar con bases na UE e gañar coa venda de armamento, quere obter réditos políticos e económicos. Por exemplo, converte en necesario seu gas na UE, e outros produtos estratéxicos,... vexase o pacto con Xapón e Países Baixos para controlar o comercio de chips avanzados. Ademais Washington quere tirar experiencias desta guerra que dean a certeza de que pode gañala, e fixar esta idea na conciencia colectiva. Un relato necesario para ordenar o mundo en función de recuperar a súa hexemonía en todos os eidos. Para isto conta coa colaboración, consciente, das potencias da UE, e outros aliados, que cumpren un papel subimperialista ou un rol destacado na cadea de valor.

Outro aspecto, que se debe ter en consideración, que coido central, é que, ademais de evitar a consolidación dun mundo multipolar, algo que non lle vai ser doado lograr aos Estados Unidos e aliados, existe outra razón pola que se está alimentando a confrontación en todos os eidos, mesmo nun tan perigoso como o militar entre potencias atomicas. Refírome ao esgotamento do capitalismo neoliberal e de materias primas esenciais, e á necesidade por parte do imperialismo, das grandes fortunas, de que os axustes económicos e sociais sexan pagados fundamentalmente polas clases populares e os países dependentes. Como sucedeu en todas as crises anteriores, mais neste caso nun contexto extremo e con consecuencias sociais, laborais e democráticas máis regresivas e permanentes,... e cun capitalismo senil, desprestixiado... iso non implica que haxa un relato alternativo hexemónico.

Polo tanto, nesta conxuntura histórica, non é unha cuestión menor que o control do imperialismo hexemónico, malia as súas intervencións, sancións e ofensiva permanente, que perdese terreo respecto a principios de século. Así o indica o fortalecemento de varias potencias rexionais, cunha política cada vez máis autónoma, moi no camiño dos non aliñados da década dos 70 do século pasado posterior á guerra de Vietnam.. Ademais, tanto nos países centrais de occidente, como en moitos da periferia, medrou a desigualdade, cun aumento da riqueza insultante nun segmento moi estreito da povoación, mentres hai amplos sectores da sociedade na pobreza e precariedade, e sen perspectivas de cambio no futuro, xa que esta tendencia negativa vai a máis e a todo bulir.

Agora ben, malia a debilidade organizativa do movemento obreiro e das forzas políticas antisistemicas (golpeadas polo auxe da globalización neoliberal tamén na construción do imaxinario colectivo),  está a medrar con forza a contestación social, tanto na negociación dos convenios, como na denuncia ao retroceso e privatización dos servizos públicos esenciais. Véxase a conflitividade por temas salariais no Reino Unido, e a protesta social contra a reforma das pensións en Francia (dúas potencias da OTAN). Ao que hai que engadir a maior autonomía dos países de Oriente medio respecto de occidente, o retroceso da incidencia de Francia na África subsahariana, e o avance das forzas progresistas en América Latina. Ao que se suman as novas potencias rexionais, como é o caso de India, Turquía, Indonesia, Iran, etc. que cada vez máis poñen por diante os propios intereses, fortalecendo na práctica o multilateralismo.

O mundo está cambiando. E todo indica que estas transformacións serán conflitivas xa que nun principio o imperialismo hexemónico apostará pola solución da forza para que todo siga igual que hai dúas décadas. Polo que seguirá coas intervencións militares, sancións económicas, e a confrontación no relato, mais tamén porque primará a rexionalización da economía ali onde teña un control determinante. Daquela, nesta etapa a rexionalización xunto co protecionismo será parte dos cambios na globalización neoliberal, impulsada por USA, co obxectivo de blindar os intereses das súas clases dominantes, e que este territorio “controlado” lle sirva como fortín desde o que recuperar o dominio mundial, hoxe en disputa.

Todo apunta a unha transformación profunda no modelo económico e social, malia todos os atrancos e eivas que pon o imperialismo para evitar a construción dunha alternativa solidaria, socialmente xusta e respectuosa coa soberanía dos povos (algo que vai para alén dos estados oficiais nacidos da conquista e da forza). Sen dúbida para logralo tamén debe mudar o comportamento da xente, dándolle prioridade á actividade colectiva e cooperativa (mesmo que se manteñan áreas do privado, como complemento). Ademais, como parte deste cambio: cómpre valorar como unha riqueza a diversidade cultural e lingüística da humanidade. Como bens a preservar, por riba da uniformidade que ten como única finalidade obter a máxima plusvalía e maximizar o individualismo para fragmentar a sociedade, á clase traballadora, aos povos oprimidos, impedindo que se transformen en suxeitos do e para o cambio. Esta é a cuestión de fondo, que máis cedo que tarde agromará con forza revolucionaria, porque só así será posíbel construír un mundo xusto e solidario. A esta altura non valen os parches, o planeta amosou os seus límites, no ecolóxico, nos recursos, na demografía...