Opinión

Brasil, o PT diante dunha decisión transcendental

O resultado das eleccións no Brasil, malia que foron moi axustados, son enormemente positivos para seguir avanzando cara un contexto internacional máis favorábel á clase obreira e ás loitas dos pobos a prol da soberanía.

O resultado das eleccións no Brasil, malia que foron moi axustados, son enormemente positivos para seguir avanzando cara un contexto internacional máis favorábel á clase obreira e ás loitas dos pobos a prol da soberanía. Dos límites e eivas do reformismo socialdemócrata dos gobernos do PT no Brasil non hai dúbida (algo que xa teño analizado noutros artigos que se poden atopar no meu blogue). A incapacidade para rachar co sistema, mudar a correlación de forzas e o problema da corrupción, reflectiuse no desencanto dun sector da poboación que optou pola abstención na segunda volta. Porén, mesmo con estas eivas nas políticas internas, resulta evidente que xunto aos países dos BRICS, o ALBA, e algúns poucos estados máis, no ámbito internacional, o Goberno de Dilma Rousseff contribúe a cuestionar a hexemonía imperial dos Estados Unidos e dos seus aliados, dando pulo a un mundo máis plural. 

"No ámbito internacional, o Goberno de Dilma Rousseff contribúe a cuestionar a hexemonía imperial dos Estados Unidos e dos seus aliados, dando pulo a un mundo máis plural". 

Todo indica que no eido internacional non haberá cambios durante este novo período de Dilma, e que se consolidará como prioritario un comercio exterior menos dependente dos Estados Unidos, a UE, Xapón e outros estados que forman parte desta corporación imperialista hexemónica (no militar, tecnoloxía, informacional, finanzas, etc.). Neste intre China é o primeiro parceiro comercial de Brasil. Agora ben, o que non fica tan claro é que o PT se incline no interno no futuro para a esquerda ou que o faga cara o centro, procurando deste xeito recoller parte da base electoral do PSDB de Aécio Neves. 

Unha viraxe á esquerda implicaría, como mínimo: cuestionar o agro negocio, como pide o MST; dar folgos ao movemento obreiro, afectando a taxa de lucro do sector industrial do sul do país;  nacionalizar sectores estratéxicos como a banca, enerxía e comunicacións, encetando polo  capital estranxeiro que é moi forte no sector bancario e das telecomunicacións; substituír as axudas aos sectores marxinados por unha distribución xusta do traballo e da riqueza producida (achegas que foron nun principio necesarias e positivas, mais que entendidas como algo normal xeran pasividade e dependencia). Porén estes son cambios imposíbeis de realizar, neste contexto histórico onde a corrente empurra cara a globalización e o neoliberalismo, sen confrontar co capitalismo, ou sexa: coas corporacións e grandes fortunas. 

"Para acadar mudanzas sistémicas fai falla sobre todo vontade política, e non semella que o PT e os seus parceiros teñan a fortaleza ideolóxica e a militancia necesaria para realizar esta andaina"

Para acadar mudanzas sistémicas fai falla sobre todo vontade política, e non semella que o PT e os seus parceiros teñan a fortaleza ideolóxica e a militancia necesaria para realizar esta andaina, xa non son as forzas de hai dúas décadas. Asemade, un Parlamento máis complexo e adverso na súa composición alenta as actitudes mornas, que os medios ao servizo das clases dominantes predican acotío. Agora ben, a reforma constitucional, prometida por Rousseff podería ser unha vía para rachar con este círculo vicioso, e comezar a mudar significativamente a correlación de forzas nas institucións. Terá o atrevemento necesario para facelo? Ou sinxelamente dedicarase a xestionar a parcela cada vez menor que lle deixan ao Estado os donos/as do diñeiro? O PCdoB condicionará o seu apoio a Dilma a que realice mudanzas significativas?

http://manuelmera.blogaliza.org/