Opinión

Brasil, a opción menos mala

Se cadra o máis preocupante da situación electoral de moitos países sexa que a única opción posíbel para frear o avance da dereita ou da extrema dereita, é o triunfo do reformismo, incapaz de ofrecer un proxecto de distribución do traballo e da riqueza xusto, e que garanta a soberanía nacional e popular. Daquela que os avances sexan conxunturais, xa que non mudan a correlación de forzas e o estado da conciencia en profundidade: non cambian un sistema consubstancial coa explotación e opresión. 

Este é o caso de Brasil, mais tamén da Arxentina e moitos outros países do mundo. Neles a esquerda transformadora foi perdendo peso social, iniciativa, ou reconverteuse completamente nun proxecto electoral, de cúpulas, para democratizar o capitalismo (como se fose posíbel, máxime neste etapa de globalización neoliberal). Neste aspecto Serge Halimi e Pierre Rimbert din nun interesante artigo “Liberais contra populistas, unha división enganosa”, en Le Monde. Artigo que non comparto en todos seus estremos, mais que aporta análise: “non se suspendeu o dereito a voto”. Nel aclara que se repetiron aquelas votacións que non eran as que esperaba o sistema (Dinamarca respecto do Tratado de Maastricht; Irlanda en relación co de Niza; Francia e Holanda respecto do Tratado Constitucional Europeo; etc). Destacan criticamente, que a: “esquerda reconverteuse en partido da burguesía titulada” (a famosa meritocracia), e apostan por unha esquerda política capaz de combater ao mesmo tempo aos “tecnócratas ilustrados” e “os multimillonarios furiosos”, dous bloques que “cada un da súa maneira, poñen en perigo a humanidade”.

As reflexións anteriores son moi válidas no caso de Brasil, xa que por unha banda, as dúas opcións con máis apoio electoral neste intre, Lula da Silva, socialdemócrata, e Bolsonaro, extrema-dereita, representan alternativas moi distintas. Tanto en como exercer o governo, e tamén nos criterios de distribuír a riqueza, mais ambas avalan os piares do sistema económico e social actual. 

Lula da Silva, socialdemócrata, e Bolsonaro, extrema-dereita, representan alternativas moi distintas

 

Os avances sociais durante os governos do PT son evidentes, especialmente na etapa de Lula, menos no de Dilma, no que os prezos de materias primas caeron, como consecuencia de que as potencias hexemónicas trasladaron unha boa parte dos custes da crise á periferia. Aínda que o PT puxo en práctica prestacións que transferiron recursos aos sectores máis desfavorecidos, estas non permitiron eliminar as situacións de exclusión e dependencia máis que en parte. Un estudo da CEPAL, en referencia a toda América Latina, en relación coa redución da pobreza neste período, salienta que se debeu fundamentalmente ao aumento dos ingresos salariais (coa excepción da Arxentina). O que reflicte o carácter central das condicións de traballo e da súa distribución, e cuestiona o argumento daqueles que fundamentan sobre todo nas prestacións públicas: medidas estas últimas que deberían ser excepcionais, cando se trata da povoación activa.  

Polo tanto resulta lóxico que a etapa de Lula sexa vista polo povo como a contraposición ao desastroso governo de Temer, tendo en consideración o retroceso económico, social e democrático. Durante este último período a caída do PIB por habitante foi de -4,3% en 2016, e cun avance de só o 0,2% en 2017. Un etapa na que se restrinxiron as prestacións sociais e aumentou o desemprego. Na que medrou a desigualdade e a precariedade, e polarizouse a sociedade brasileira, confrontando dúas interpretacións do capitalismo, que se expresan non só a través do modelo económico e social, senón ademais do grao de liberdades democráticas e do papel que deben ter as clases populares. Daquela a xudicialización da política, restándolle papel e forza ao voto popular. E a condena de Lula, cuestionada pola falta de probas no interior e nos organismos internacionais. Unha utilización de clase que usa a xustiza para non dar oportunidades na competencia electoral a unha alternativa que xa non pode admitir o capital (en momentos de competencia tan desapiadada, con retroceso do investimento exterior, e na que este quere utilizar todos os mecanismos para optimizar beneficios). 

Medrou a desigualdade e a precariedade, e polarizouse a sociedade brasileira, confrontando dúas interpretacións do capitalismo

 

Sen dúbida as eleccións brasileiras de outubro terán unha importante repercusión no mundo, dado que se trata dun país que representa o 40% da economía rexional. Tanto se o substituto de Lula, Fernando Haddad, é capaz de recoller todo, ou a maior parte, da intención de voto que este recollía (un 39% segundo as enquisas), como se Jair Bolsonaro termina por se impoñer en segunda volta coa apoio da dereita brasileira. Teñamos en consideración que este candidato da estrema-dereita chama a eliminar aos/as militantes do PT, aos comunistas e outras forzas da esquerda. Até que punto axudará a Bolsonaro o atentando que sufriu hai uns días? En calquera caso tanto este feito, como a prisión máis que cuestionábel de Luiz Ignacio Da Silva “Lula”, polariza o voto nestas alternativas. Tal como o destaca Amir Sader:só dúas ideas forza teñen peso, a representada por Lula e a representada por Bolsonaro. Soamente estas dúas perspectivas despertan interese e paixón, mobilizan mentes e corazóns, en direccións totalmente antagónicas”. En último estremo quedaría a opción da intervención directa do exército. Xa houbo mandos que se manifestaron neste sentido.

Só dúas ideas forza teñen peso, a representada por Lula e a representada por Bolsonaro. Soamente estas dúas perspectivas despertan interese e paixón, mobilizan mentes e corazóns, en direccións totalmente antagónicas

 

Estes son os escenarios a curto prazo. O triunfo de Bolsonaro agravaría a problemática social e non daría saída ás dificultades económicas do país, só salvaría os intereses das grandes corporacións e fortunas, e aumentaría aínda máis a confrontación de clases. Para as clases dominantes o mellor escenario sería que Haddad non chegase á segunda volta, e que está se decidise entre Bolsonaro e Alckmin, do PSDB (o partido de Cardoso que tan ben serviu ao capital durante décadas). 

Neste contexto a elección de Haddad sería a mellor opción para as clases populares brasileiras. Agora ben, iso non significa que se vai avanzar decididamente cara un modelo de redistribución do traballo e da riqueza, de atención inmediata das situacións de pobreza e marxinalidade. Seguramente tomaranse medidas neste sentido, mais de menos intensidade que nos governos de Lula. Todo indica que será así, porque o momento internacional e a situación económica global non é a de hai unha década. Para levar adiante as transformacións necesarias fai falla un suxeito político e social máis forte e con maior iniciativa que o actual (que non é comparábel ao de hai dúas décadas), que prema ao governo, tanto sexa favorábel, como especialmente, se é contrario aos intereses das clases populares. 

O triunfo de Bolsonaro agravaría a problemática social e non daría saída ás dificultades económicas do país

 

En resumo. En calquera dos escenarios posíbeis, no Brasil e noutros países do mundo, tanto para avanzar nas conquistas sociais, como para evitar novos retrocesos, fan falla forzas organizadas, mobilizadas, complicidade social, capacidade para formar conciencia política. E neste aspecto a esquerda non está a facer os deberes, ben por ultra-esquerdismo, ben por economicismo e/ou electoralismo (reformismo). Nesta cuestión, e superando o concreto, convén reler o “Que Facer?” de Lenin. Cómpre dedicar importantes esforzos a crear poder popular. Nunca é tarde.

https://obloguedemera.wordpress.com/