Opinión

O Brasil que acolleu aos militantes do DRIL

O dous de outubro de 1960, hai agora seis décadas, Janio Quadros gañaba a elección á presidencia do Brasil, vencendo ao mariscal Henrique Teixeira Lott. No mes de xaneiro de 1961 asumiu o cargo coincidindo co secuestro do barco de pasaxeiros portugués Santa María polo Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL). Esta acción terminou co exilio político no Brasil de dúas ducias de galegos e portugueses que participaron na ocupación armada da nave. Foi unha acción moi atrevida, que fracasou nos seus obxectivos, aínda que conseguiu denunciar a nivel internacional os réximes de Franco e Salazar.

A ocupación do Santa María denominouse Operación Dulcinea. Na planificación e execución da acción formaron parte figuras como o portugués Henrique Galvão, e os galegos Fernando Fernández Vázquez (Comandante Sotomayor), e Xosé Velo, cuxo alcume era Junquera de Ambía. Este último todo indica que foi o cadro máis destacado da acción e do DRIL. O obxectivo era dirixirse á África Portuguesa dando pulo deste xeito ao proceso de liberación en Angola. Mais o barco foi interceptado no Atlántico por buques da armada norteamericana, polo que terminou dirixíndose ao Brasil, onde o governo progresista de Janio Quadros, que acababa de asumir o cargo, recoñeceunos como refuxiados políticos.

Cómpre lembrar que Xosé Velo, e seu irmán Carlos, un recoñecido director de cine, eran de Celanova. Alí comezou a militar cedo no galeguismo, e en abril de 1935 sería elixido secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguistas. Xosé Velo, como Ferreiro, Pazo, Santiago Fernández, entre outros pertencían á tendencia independentista da FMG.

Sen dúbida a postura do Presidente do Brasil foi decisiva para a concesión do exilio como unha saída digna para os militantes do DRIL

Incidiu nunha saída tan benigna para os militantes do DRIL, a oposición internacional á colonización, e o rexeitamento aos réximes ibéricos, dada a ligazón que existiu entre a ditadura de Franco e o fascismo; aínda a Segunda Guerra Mundial estaba moi presente. Porén, sen dúbida a postura do Presidente do Brasil foi decisiva para a concesión do exilio como unha saída digna para os militantes do DRIL, máxime tendo en consideración os custes internos, dado que a campaña electoral estaba moi próxima e foi das máis axitadas da historia brasileira. O recen electo presidente do Brasil tiña un discurso revolucionario e antiimperialista, que mesmo contrastaba coa liña do seu partido, a Unión Democrática Nacional (UDN). A súa atracción electoral era máis persoal que partidaria. Agora ben, o programa que defendía era ecléctico e quería satisfacer a todas as clases sociais. Na elección de vicepresidente, que foi independente, João Goulart venceu ao candidato da UDN.

O governo Quadros-Goulart atopou un país cunha débeda exterior moi grande e cun déficit público importante. Diante deste panorama o presidente optou por medidas de austeridade, o que afectou negativamente ás clases populares. Porén, no eido internacional mantivo unha política independente dos Estados Unidos (governado por Kennedy) recoñecendo e abrindo relacións comerciais cos países socialistas, e concedeulle a Orde da Cruz do Sul Brasileira ao Che Guevara. Estas medidas contraditorias, no económico e político, restaríanlle tanto o apoio popular como da burguesía, polo que illado termina renunciando á presidencia o 25 de agosto de 1961.

As forzas armadas intentan impedir que Goulart ocupe a presidencia, afirman que é “un axente do caos, da desorde, da desunión e anarquía”. A mobilización popular, especialmente en Rio Grande do Sul, onde se pon á cabeza da protesta o governador Leonel Brizola, fixo que o golpe fracasase. Neses días de disputa os militares amosan unha actitude violenta, reprimindo e torturando a miles de militantes (no foi un antecedente do acontecido na ditadura militar posterior). Os golpistas conseguen impoñer unha reforma da constitución que lle resta poderes ao presidente.

Goulart nacionalizou as sete distribuidoras de petróleo existentes no Brasil, legalizou ao Partido Comunista, comezou o proceso de reforma agraria

Goulart decide aumentar o déficit público para dar folgos á economía, e consegue arrincar ao Congreso unha Lei pola que as compañías estranxeiras deben limitar os  lucros ao 10% do capital investido. En 1963 logra por medio dun referendo a devolución de todos os poderes presidenciais. Aínda que a oposición interna e externa era moi forte, Goulart nacionalizou as sete distribuidoras de petróleo existentes no Brasil, legalizou ao Partido Comunista, comezou o proceso de reforma agraria, e concedeu o dereito a votar aos analfabetos. Os seus dous anos e medio de governo foron de grandes avances. Mais, ao non afondar nas reformas non acadou apoio social abondo, enfrontouse a Brizola, e ademais tiña a burguesía e o exército en contra. En abril de 1964 prodúcese un golpe militar, e a Cámara de Deputados elixe como presidente ao mariscal Humberto Castello Branco, que meses despois suprime gran parte das liberdades democráticas.

Con todas as súas contradicións este período de governo Quadros-Goulart foi de avances políticos e sociais, como se reflectiu no referendo de xaneiro de 1963 que deu unha grande vitoria ás clases populares brasileiras, ao acadar un 80% de apoio a devolución de poderes ao presidente. A povoación daba alento deste xeito a política socialista que Goulart prometía levar adiante. Vencéronse nese momento os temores da xente fronte ao macartismo de Lacerda no Estado de Guanabara, e belixerancia de Adhemar Barros que armou un exército privado de 40.000 homes no de Sao Paulo. Posteriormente faltoulle a Goulart atrevemento, e terminou abrindo camiño á represión e ás forzas reaccionarias.

Naquela conxuntura histórica a Galiza, Portugal e Brasil, estiveron estreitamente ligados durante unhas semanas por mor da ocupación armada do Santa María. Esta foi unha acción atrevida, revolucionaria, que asemade reflectía que a emigración galeguista, ademais da actividade cultural, tamén era quen de  tomar a iniciativa política con accións contundentes. O vindeiro mes de xaneiro fanse seis décadas daquel feito de tanta transcendencia.

Comentarios