Opinión

Bos prognósticos para o BNG

Todo indica que o BNG vaise consolidar non só como terceira forza nas eleccións municipais senón que ademais aumentará a porcentaxe de votos, dado que todas as enquisas danlle un avance significativo en todas as cidades galegas, e seguiría a governar Pontevedra.

Unha tendencia que sería o lóxico que se estenda a moitos máis concellos do país tendo en conta a actividade realizada durante estes anos no Parlamento galego, no Congreso dos deputados en Madrid e no Parlamento da UE, e fundamentalmente participando activamente na rúa nos reclamos do povo galego (laborais, sociais, culturais, pola igualdade, ecolóxicos....).

Sendo así manteríase a evolución ascendente da fronte nacionalista que xa se deu nas pasadas eleccións de 2019 nas que acadou un 12,47% dos votos, e 451 concelleiros/as; case que o dobre de representación que en 2015 nas que atinxiu só o 6,5%. Lembrar que o recuar de hai unha década foi por mor da conflitividade interna e a ruptura de 2012.

Menos claros están cales van ser os resultados do PP e do PSOE, xa que ambos carecen de referentes fortes a nivel nacional galego, e desenvolven unha acción exclusivamente institucional, mais con inmensos apoios nos medios de comunicación sistémicos. Esta eiva relativizase demasiado cando se trata dos concellos, xa que nestas eleccións teñen un grande peso as referencias dos/as candidatos locais, mais a carencia dun proxecto e de figuras nacionais que impliquen un plus teñen un valor que non se debe desprezar. Máxime nun intre tan complexo a nivel global e con tantas incertezas cara o futuro.

Daquela que as substitúan polo relato estatal e europeísta, onde copan o protagonismo, aínda que sexa en gran medida de puro seguidismo das decisións da potencias hexemónicas.

Nas pasadas eleccións o PP e o PSOE practicamente empataron co 33,35% dos votos e o 33,76% respectivamente, e 1.629 e 1.181 concelleiros/as, dado que a dereita ten maior peso nos concellos máis pequenos. Todo fai pensar que estes partidos mesmo poderían baixar uns puntos, tendo en consideración que ambos teñen responsabilidades de governo, e por distintos motivos son moitas as persoas desgustadas coa situación (inflación, medre da desigualdade e precariedade), aínda que unha franxa destes hipotéticos votantes, que coidan que non hai alternativa, poden optar pola abstención, que non deixa de medrar (30,52% en 2015 e 32,19% en 2019), e que sempre é a alternativa máis negativa, polo que implica de afastamento das solucións colectivas.

Sen dúbida unhas das maiores incógnitas, nas forzas progresistas, está en cal vai ser o grao de recuar dese fragmento da sociedade que na última década xirou arredor da alternativa formada polas Mareas, Esquerda Unida e Podemos. Unha folla de ruta que mantendo certa autonomía deixaba a estratexia en mans dos partidos estatais tendo en consideración o papel subordinado do noso país (unha contradición que non resolveron, e que debilitou a autoorganización das forzas de ámbito galego incorporadas a esta estratexia).

Co achegamento desta opción ao poder institucional e o abandono da ruptura co sistema, aumentaron as contradicións internas, polo que parte deste electorado optou nas xerais e autonómicas polo BNG e PSOE ou ficar na casa. A esta altura todo indica que, cando menos nas cidades, serán poucas as candidaturas conxuntas, o que amosa que as diverxencias van a máis, especialmente entre as Mareas e Podemos. Diverxencias que son moi evidentes diante do seu electorado, polo que aínda que haxa candidaturas de consenso, e como única opción para obter representación, en moitos concellos é moi difícil que sexan quen de mudar a tendencia descendente, especialmente nas cidades e grandes vilas.

Coido que no proceso electoral o nacionalismo galego (democrático e popular) ademais de rendabilizar o traballo realizado en cada concello e a nivel nacional facendo unha campaña atractiva, coa participación activa da veciñanza, e presentando as mellores candidaturas, ten dous retos importantes no proceso electoral.

O primeiro é seguir dándolle valor ás problemáticas dos concellos mais evitando caer no localismo, máxime cando o que suceda na inmensa maioría deles dependerá en gran medida como se resolva o papel que teña Galiza na cadea de valor, ou sexa, do grao de soberanía, do triunfo do multilateralismo, e como se reparta o PIB entre as clases sociais, ou sexa, a xustiza social, así como da igualdade, a protección da natureza, a paz, a solidariedade...

En poucas palabras, para mudar a realidade é necesario facelo tamén desde os concellos, e vinculando o institucional coa mobilización, coa propaganda e axitación, cos análise e formación da conciencia política,... coa organización, participación e protagonismo das clases populares.

O segundo, que semella neste intre como algo seguro: superar a representación das anteriores municipais, para que o BNG se fortaleza máis diante da sociedade, mesmo de sectores que non se definen como nacionalistas, como principal referencia para o cambio e protagonista necesario.