Opinión

Boas palabras e malas sinais

Se hai algo negativo para a democracia é cando se afasta ao povo das decisións que lle atinxen, e as forzas políticas e sindicais que en teoría terían que representalo e defendelo, reducen a participación da xente ao de simple espectador. E mesmo danse casos, especialmente en conxunturas complexas nas que se xogan aspectos estratéxicos, como é a actual, nos que as clases populares nen sequera teñen este papel. É así porque nestas reunións entre cúpulas as posturas e diverxencias mantéñense en segredo até que exista un acordo ou se produce a ruptura, e como compensación filtrase algunha información a través dos medios de comunicación.

Este é un xeito de axer que se considera normal nos pactos sociais, na chamada concertación, porén que resta credibilidade aos sindicatos e partidos que a practican é que desmobiliza. Unha situación moi negativa para os intereses da clase traballadora, que é a maioría social, xa que a protesta na rúa, e a folga, son as súas principais armas de presión. E non se pode ignorar que teñen un valor cualitativo nos procesos previos e iniciais, porque marcan o terreo de xogo e a capacidade e grao de compromiso das centrais sindicais e forzas da esquerda. Isto é moi importante xa que as mobilizacións laborais e populares teñen un carácter temporal, mentres que as clases dominantes premen arreo ao Governo e outras institucións políticas, xa que contan con múltiples recursos: Bolsa, institucións e grupos económicos, medios información, outros poderes sistémicos.

Hai follas de ruta e métodos de traballo, que amosaron historicamente que son unha vía que leva a un recuar en dereitos laborais e sociais

Para alén das boas intencións o importante é a práctica, e hai follas de ruta e métodos de traballo, que amosaron historicamente que son unha vía que leva a un recuar en dereitos laborais e sociais. Aínda que a principal responsabilidade sexa da gran patronal e dos governos que aplicaron os axustes, houbo centrais sindicais e partidos da “esquerda” que facilitaron  estes retrocesos coa escusa do “mal menor” ou de que eran os “únicos avances posíbeis” nese intre.

Tendo en conta estas consideracións previas, que poderían ser aplicadas como anel ao dedo ao xeito de proceder de CCOO e UGT, chama a atención que a postura sistémica se reforce co contrato por parte do Governo de cen expertos de distintos ámbitos para realizar propostas sobre o proceso de reconstrución. Os xornais destacan que se trata de “expertos dun amplo espectro ideolóxico”, mais engaden que a maioría están ligados a grandes empresas, universidade e organismos sistémicos (Fedea, ONU, OCDE, BBVA,..) polo que seica serían favorábeis a manter a reforma laboral. Lembremos que esta prioriza o convenio de empresa sobre o de sector, elimina a ultraactividade dos convenios, aumenta as causas de despedimento obxectivo, facilita cas empresas se desliguen dos convenios... Será unha axuda ao gran capital. Un paso atrás importante, polo que seica hai sectores do PSOE preocupados, e supoño que tamén en Podemos. Fóiselles das mans a composición? Non o creo, ninguén dá puntada sen fío neste contexto. Estarase facendo boa letra para conseguir as transferencias de recursos dende a Unión Europea?... O tempo dirá, aínda que non é unha boa sinal.

Semella que máis unha vez estamos nunha reprodución da escenografía doutros pactos sociais

Semella que máis unha vez estamos nunha reprodución da escenografía doutros pactos sociais, malia as promesas do PSOE e do sindicalismo estatal de realizar cambios, aínda que non se pode obviar que se gaba acotío as vantaxes do pacto social, confundindo dialogo con entreguismo. Unha vía da que UP non dá saído (carece de capacidade mobilizadora propia para contrastar este guión). E todo isto nunha conxuntura na que a patronal e as grandes empresas, aproveitando os efectos da pandemia, buscan evitar a derrogación da reforma laboral e Lei Mordaza, nun contexto de crise no que a a precariedade e caída dos salarios se multiplicaría; e no que ao mesmo tempo queren bloquear un aumento das tributacións aos beneficios empresariais e grandes fortunas. Ou sexa, buscase reproducir con novas escusas o proceso da crise-axuste de 2008, que aumentou a desigualdade entre clases sociais e entre territorios, polo que mentres crecía a xornada real e a intensidade dos ritmos de traballo, mantíñase elevada a taxa de desemprego e a temporalidade.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios