Opinión

BNG, voto útil e cambio estratéxico

O pasado domingo o BNG celebrou a súa Asemblea Nacional, na que participaron varios milleiros de persoas, o que é un éxito tendo en consideración o momento, tanto sanitario como político. Polo que era un bo momento para lanzar a proposta de gañar a presidencia da Xunta de Galiza nas eleccións de 2024. Foino tanto pola unidade amosada, como para contar co tempo necesario para fixar este obxectivo na conciencia colectiva, tendo en consideración os estereotipos negativos que sobre ao nacionalismo teñen creado os medios sistémicos. No lado positivo, axúdalle neste obxectivo á fronte nacionalista ter unha longa traxectoria a prol das clases populares (clase traballadora, autónomos/as e pequenos empresarios/as). O nacionalismo popular (como se caracterizaba non hai tanto tempo) reclamou e mobilizouse dende seu nacemento, e tamén perante a pandemia, na defensa de reivindicacións económicas, sociais, culturais e lingüísticas, de igualdade de xénero, contra a desfeita ecolóxica, pola plena soberanía da nación galega, pola paz, pola democracia popular...

O aumento do número de afiliados/as, acadar ser a segunda forza e polo tanto cabeza da oposición son logros nos últimos anos que non se poden obviar

O aumento do número de afiliados/as, acadar ser a segunda forza e polo tanto cabeza da oposición son logros nos últimos anos que non se poden obviar. Sei que axudaron os erros doutras forzas da esquerda e do nacionalismo, súas incoherencias, e a intensidade das súas contradicións que se evidenciaron nos debates e rupturas. Mais, aínda así, resulta evidente, que ademais dunha mochila cargada de loitas colectivas e entregas persoais, perante décadas, o BNG foi quen de chegar a amplos sectores como unha forza na que confiar o voto, e de transmitilo con eficacia. Foino tanto para os/as nacionalistas convencidos como para os/as que estaban a buscar unha alternativa que garantise transformacións, ou sexa, que incidise tanto nas institucións como na rúa. O único xeito de empurrar os cambios necesarios e posíbeis nesta conxuntura, con esta correlación de forzas no Estado, na UE e no mundo.

Uns e outros, activistas e simpatizantes, esperan que o voto sexa útil en todo momento. E neste sentido axuda moito propoñer un obxectivo que dea folgos ao optimismo, como é o reto de presidir un Governo progresista nas vindeiras eleccións autonómicas. Por que non?... Os partidos, as frontes,  teñen que exercer o governo para lograr o máximo de cambios en cada momento, a súa tarefa non é a de exercer de permanente oposición, aínda que sexa súa obrigación facelo cando a correlación de forzas é negativa. A cuestión central respecto dos obxectivos é que a folla de ruta sexa críbel, e que vai para alén da boa xestión realizando transformacións, ou cando menos iniciándoas se as alianzas e a oposición sistémica atrancan os cambios estratéxicos. Avanzar no estratéxico e na acumulación de forzas é básico, esencial, é o que marca a diferenza!!! Hoxe o BNG xa governa en varios concellos, e ten 28 alcaldías, é cabeza da oposición á dereita no Parlamento Galego. Pola súa banda o PSOE, ten forza municipal e bos resultados nas xerais, mais carece dunha liña propia para o país, e o PP limitase a xestionar e Núñez Feijóo poñer boa cara diante do electorado, no que lle axudan os medios de comunicación sistémicos. 

Este panorama político institucional forma parte do cotiá, non se pode esquecer ou obviar. Agora ben ficamos nunha conxuntura de grandes convulsións no mundo, e na que se decide na UE, e no mundo, a quen vai afectar e canto o reaxuste, tanto entre as nacións como entre clases sociais. Un axuste que está condicionado polos efectos da pandemia a confrontación entre potencias, e que causa desigualdade social, as migracións masivas, etc. Ao que se engade no noso país: o desmantelamento industrial, a exportación de capital e persoas cualificadas, a problemática cultural e lingüística,a destrución do tecido rural, o recuar demográfico (propios dunha colonia). En resumo, o sistema está esgotado, mais segue a manter a súa hexemonía no ámbito das ideas (globalización, privatización, individualismo, actitude cosmopolita...). O medre da abstención, dos cambios do voto, da fragmentación social, son a expresión deste momento de incertezas, da etapa senil do capitalismo, porén tamén amosan a debilidade dun proxecto de transformación a nivel internacional, na Unión Europea. Isto é o común, aínda que en cada país a resposta teña particularidades.

O esencial é que a xestión e os avances concretos empurren polos cambios estratéxicos. Daquela a importancia da loita no campo das ideas e a mobilización

Polo tanto, nesta correlación de forzas, mesmo que medrasen as contradicións do sistema e se debilitasen seus alicerces, o reto segue sendo, ademais de ocupar as institucións, o de acumular forzas e mobilizarse. E facelo ligando o concreto co xeral, os obxectivos da lexislatura coas metas intermedias e estratéxicas. Que sexa así é esencial para quen rema contra corrente, para quen loita contra a explotación e opresión. Claro que cómpre matizar como facelo en cada discurso, análise, entrevista, para que se entenda como un proceso de acumulación, de aumento da participación e do protagonismo do povo, de organización e activismo, tendo presente a correlación de forzas, o estado de animo da xente, e socializar as sucesivas metas da folla de ruta. Non é doado lograr este obxectivo, mais é posíbel. O esencial é que a xestión e os avances concretos empurren polos cambios estratéxicos. Daquela a importancia da loita no campo das ideas e a mobilización, para sumar participación e protagonismo popular. Unha forza política antisistémica pode ficar atrapada no institucionalismo, e noutros xeitos de economicismo na xestión das institucións, porén tamén no eido sindical, social, cultural, de xénero...

Do que se trata para lograr a presidencia da Xunta, de intentalo con optimismo e atrevemento, con teimosía e autocrática positiva. Entendendo este ouxetivo como unha ferramenta máis, esencial, porén igual de importante que un partido e unha fronte poderosa, un respaldo social consciente e mobilizado, para iso cómpre gañar a batalla no eido das propostas, dos conceitos, da iniciativa.

https://obloguedemera.wordpress.com/