Opinión

BNG, unha segunda oportunidade

Máis unha vez, o PP gañou as eleccións ao Parlamento galego. Teremos que roer as políticas antiobreiras e antigalegas da dereita catro anos máis. Hai un mes, Feijóo non o tiña tan claro. Daquela que fixese unha campaña agochando as siglas ao máximo, para marcar distancia de Madrid, e utilizase o mapa de Galiza e a bandeira galega oficial. En realidade, o seu triunfo debeuse, máis que ás virtudes do candidato, a que os partidos que encabezaban a oposición (segundo as enquisas) non foron quen de ofrecer un programa alternativo rupturista, sólido é viábel. A iniciativa estivo na equipa de Feijóo durante a maior parte da campaña, coa inestimábel colaboración dos medios de comunicación hexemónicos.

Destes resultados electorais hai que destacar, ademais, que En Marea superase en votos o PSOE, converténdose en referente da oposición (discutido, dado que hai empate en deputados/as). Aínda que este éxito ten un carácter agridoce, ao quedar moi lonxe das expectativas (18-20 deputados/as) xa que En Marea perde moitos votos en relación ás Eleccións Xerais. O de “tomar o ceo por asalto” non é tan doado, complícase. Polo que Luís Villares xa adía o reto para o 2020 (algo hai que dicir para xustificar unha folla de ruta trabucada, construída sobre espellismos).

En Marea perde moitos votos en relación ás Eleccións Xerais. O de “tomar o ceo por asalto” non é tan doado, complícase. Polo que Luís Villares xa adía o reto para o 2020

Incidiron neste recuar de En Marea os conflitos internos no proceso previo, e unha actitude e propostas cada vez máis mornas, axustadas ao sistema. Tamén foron negativos os debates de liña e protagonismos en Podemos, entre Errejón e Pablo Iglesias e os seus seguidores. Tampouco axudou que se apostase todo á vía institucional como garante dos cambios necesarios, deixando nun lugar secundario, residual, a mobilización e a clase obreira. Ademais, estes resultados por debaixo das expectativas, e un novo Governo da dereita, non axudan a pechar as diverxencias e feridas dunha alianza entre Podemos e as Mareas que foi moi complexa. Que dos 14 deputados/as a metade sexan de Podemos, que entrou mal e tarde no proxecto, e só haxa catro nacionalistas, os máis activos na sociedade e no debate das ideas, xera fendas que non é doado pechar, contradicións que o tempo irá agrandando, máxime cos resultados obtidos polo BNG. Destas contradicións, e da iniciativa política do BNG, dependerá a recomposición do nacionalismo galego.

Un aspecto salientábel, con consecuencias estratéxicas para o país, é que o BNG acadase seis deputadas/os e grupo parlamentar. É un éxito do nacionalismo de esquerda, xa que a perda de votos nas últimas tres eleccións facía moi difícil conseguilo e as enquisas non o contemplaban. Significa un cambio de tendencia, que terá consecuencias na mobilización laboral e social, na loita das ideas, e na relevancia da centralidade da cuestión nacional cunha perspectiva popular. Os bos resultados electorais débense a que se rexeitou o derrotismo da anterior etapa, no que o futuro do BNG se supeditaba a unha reunificación do nacionalismo que pasaba por Anova, convertendo esta escisión da fronte en elemento esencial para o avanzar. É un mérito da nova equipa dirixente, que foi coherente coas decisións da militancia. Tamén tivo importancia, que no debate electoral na televisión entre os/as candidatos, Ana Pontón fose a que reflectiu un maior achegamento aos problemas da xente, e que o fixese con enerxía e respecto. Estes dous aspectos foron fundamentais para os resultados do BNG. Tamén axudou que son eleccións galegas, unha militancia moi grande e entregada, e moi especialmente, décadas de práctica social e acción institucional ao servizo do povo. Todo isto, que non é pouco, está no lado positivo.

Os bos resultados electorais débense a que se rexeitou o derrotismo da anterior etapa, no que o futuro do BNG se supeditaba a unha reunificación do nacionalismo

Mais, hai aspectos que se deben mellorar. Por exemplo, non é o mesmo enfrontar a loita política, a dureza da situación económico-social-cultural-lingüística (etc.) con sorrisos que con optimismo. Tampouco é igual a felicidade que a xustiza social. E por suposto, de pouco vale xerar emprego se é cada vez máis precario, con xornadas extenuantes e salarios baixos. As condicións laborais, os servizos e prestacións públicos, a fiscalidade, os dereitos individuais, a ecoloxía, son cuestións básicas. Agora ben, para facer estas mudanzas hai que rachar coa OTAN, coa UE, cos tratados de libre comercio, coa especulación financeira, co sistema de acumulación, reverter as privatizacións e nacionalizar sectores como o crédito, enerxía e telecomunicacións. É necesario un programa rupturista no económico e no social, e conquistar a soberanía nacional. Ou sexa, débese construír poder popular, que o protagonismo resida nas clases populares (esencialmente na clase traballadora). Cómpre ter medios de comunicación con calidade, equipas con praxe, pluralizar os/as referentes (non hai salvadores supremos), para representar todas as sensibilidades. Hai que ter en conta o valor do numérico, da maioría social, mais tamén a xusteza das reivindicacións das minorías, unindo así o cuantitativo e o cualitativo.

Débese construír poder popular, que o protagonismo resida nas clases populares (esencialmente na clase traballadora)

O BNG foi quen de obter un éxito electoral neste contexto tan complexo e regresivo. Hai que valoralo moi positivamente, socializalo, felicitar a todos e todas os que o lograron. Porén, o realmente importante é analizar acertos e erros da campaña, da mensaxe, das propostas, para facelo cada vez mellor. Só así se terá a capacidade necesaria para transformar a realidade, e liberar as clases populares. Porque esencialmente elas son a nación.

http://manuelmera.blogaliza.org/