Opinión

O BNG está en condicións de enfrontar os futuros retos

A presentación de 259 candidaturas polo BNG para as eleccións municipais é unha demostración de que a fronte superou as rupturas de Anova e Compromiso por Galicia, e tamén algunhas das súas consecuencias. 

A presentación de 259 candidaturas polo BNG para as eleccións municipais é unha demostración de que a fronte superou as rupturas de Anova e Compromiso por Galicia, e tamén algunhas das súas consecuencias. Son máis de catro mil candidatos/as en toda a Galiza! Isto implica que mantén unha militancia moi activa, que a mensaxe penetra alí onde chega, que existe un traballo recoñecido socialmente, e que como resultado, foi quen de gañar a moitos/as simpatizantes. Ningunha outra forza que cuestione o sistema, nen sequera algunhas que se consideran nun vertixinoso ascenso, foron quen de conseguir, sumándoas todas, nen a metade de candidaturas. Hai que recoñecer o esforzo feito polo BNG neste aspecto, comezando polos dirixentes da organización, e sobre todo, o acerto dos criterios definidos. Isto non quere dicir que non se podan mellorar, nen que non houbese algúns erros. Mais no fundamental, cumpríronse os obxectivos que a organización se marcou para estar presente en todos os recunchos da nación nas eleccións municipais.

"Hai que recoñecer o esforzo feito polo BNG neste aspecto, comezando polos dirixentes da organización, e sobre todo, o acerto dos criterios definidos"

Algo que coido transcendente é que, na inmensa maioría das candidaturas, renováronse as listas e incorporouse mocidade; nunha porcentaxe que o BNG valora nun 30% de menores de 30 anos. Unha mestura de experiencia e mocidade que permite confrontar mellor as tarefas presentes e ademais prepararse para os retos futuros; o que significa asumir na práctica que a liberación nacional e social pasa por varias etapas. Tamén é correcto que se destaque dos candidatos e candidatas a súa inserción no tecido social, como era normal no seu día na fronte, xa que liga as reivindicacións e loitas populares coas tarefas institucionais, e une o discurso coa práctica social. Así se fixo nas presentacións das candidaturas en Vigo e Redondela, e supoño que se está a facer en todo o país.

Tamén é positivo que se incorporasen ás listas moitos/as persoas que non están afiliadas, mais que simpatizan coa organización. Algo que por outra banda sempre se fixo no nacionalismo popular; non é unha novidade. O reto agora é que dean o seguinte paso. Mesmo hai concellos onde van nas listas persoas que pertencen a outras forzas. É positivo, xa que alenta a integración no BNG doutras organizacións do nacionalismo ou fixa fortes alianzas, algo que sempre fortalece. Isto reflicte que neste contexto, en comparanza con outras alternativas, o proxecto do BNG é o que ten unha liña máis correcta, e que o tempo vai axudando a clarificar o papel de cada quen. Neste aspecto coido que hai que manter a máxima abertura, ollando máis os aportes futuros que os erros pasados, que só deben servir como experiencia pra non volvelos cometer.

"Sobre todo, salientou no Encontro Nacional o ambiente acolledor, de camaradería, sentíase o calor da militancia"

O Encontro Nacional do BNG-AA en Pontevedra, o pasado día 25 reflectiu o traballo realizado e saber organizar ben un acto. Cun estrado representativo da fortaleza da fronte, e unha escenificación coidada e propia dunha forza de esquerda. Con todas as cadeiras ocupadas e xente sentada no chan e de pé nos corredores. Máis de mil persoas. Porén, o fundamental foron as intervencións, moi socializadas, frescas, fuxindo das poses, con mensaxes diversos, mais complementares e cun fío condutor común: liberación nacional, xustiza social, sustentabilidade, igualdade, democracia, participación. Sobre todo, salientou no Encontro Nacional o ambiente acolledor, de camaradería, sentíase o calor da militancia, como se reflectiu cando se cantou, cos asistentes de pé, Grândola Vila Morena e o Himno Galego. O máis aplaudido foi Lores, o alcalde de Pontevedra. É un detalle importante, que non se pode obviar. Este recoñecemento débese en boa medida ao bo traballo que no concello realizan os compañeiros e compañeiras da fronte, mais tamén porque ten un discurso claro, sen ambigüidades nen complexos, no que o proxecto estratéxico sempre está presente.

Na súa exposición en Pontevedra, como un día antes en Redondela, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, ligou este proceso electoral, cos vindeiros retos: as eleccións xerais e máis as autonómicas da nación galega. Foi unha mensaxe acertada porque marca unha folla de ruta, e pon as tarefas da militancia e simpatizantes en clave de futuro, e ademais racha coa visión sectorial, localista e conxuntural que se divulga acotío dende todas as esferas do poder, e que ás veces termina formando parte inconsciente do discurso dalgúns nacionalistas.

"Non hai dúbida que na práctica o BNG sempre ligou traballo institucional e mobilización social, mesmo tomando a iniciativa neste aspecto"

Porén, coido que a idea do portavoz nacional ficou incompleta. Debería facer un maior énfase neste aspecto, xa que é unha cuestión central para unha alternativa liberadora. Débese unir no discurso, con toda claridade, a folla de ruta institucional coas loitas populares, coa importancia de afortalar o suxeito político (ou sexa o BNG), e fixar na conciencia colectiva o proxecto estratéxico. Cando menos fai falla lembrar: que non acadaremos un desenvolvemento económico acorde coas nosas potencialidades, así como emprego e traballo digno, respecto pola nosa identidade e democracia real, sen unha ruptura democrática, sen soberanía nacional, a socialización das empresas estratéxicas e a potenciación do cooperativismo. E para isto, temos que completar varias etapas, construír conciencia, estado de ánimo, organización e poder popular. Trátase de que a fronte, os simpatizantes, o povo, saiban como axer no inmediato, pensando en clave estratéxica. Cómpre que a mobilización supere o seu carácter sectorial e circunstancial, defensivo. Non hai dúbida que na práctica o BNG sempre ligou traballo institucional e mobilización social, mesmo tomando a iniciativa neste aspecto, mais despois, parece que hai un certo medo a reflectir isto no discurso, semellando ás veces que só ten como única finalidade o apoio aos/as afectados no marco do problema concreto, esquecendo a finalidade estratéxica, de continuidade, da loita de clases.

Sen dúbida, nestas elección municipais terán moita importancia os medios de comunicación e o discurso. Hai cando menos catro razóns para que sexa deste xeito: as mudanzas sociolóxicas cun medre da individualización das relacións sociais; que as persoas pasan moitas horas en relación cos medios, ben sexa a TV, Internet, teléfono, radio, xornais (e isto ten un maior peso nas persoas menos politizadas); o proceso migratorio, tanto pola marcha forzada dunha parte da mocidade galega, como pola incorporación dunha numerosa inmigración; e que unha parte significativa da povoación vive nas cidades e grandes vilas do país onde o contacto directo é menos doado. Evidentemente, nos concellos máis pequenos seguirá a ter un peso fundamental a relación directa, e nas vilas haberá un certo equilibrio con respecto aos medios de comunicación.

"Non podemos ignorar esta realidade ou ficar paralizados, diante duns medios sistémicos que terán unha actitude cada vez máis agresiva co nacionalismo galego"

As anteriores son tendencias que van a máis, dando alento a que xurdan fenómenos políticos como Podemos e Ciudadanos. Non valen as copias, porque a actitude dos medios e do poder é moi distinta cara o BNG. Daquela, disputar con eles o espazo político esixe mellorar o discurso, ser bos/as oradores, e posuír medios de divulgación propios eficaces. Non abonda con estar presentes en todas as loitas sociais e ter unha militancia entregada. Se a nosa mensaxe e accións chegan só a unha fracción pequena e cada vez menor da sociedade, ter iniciativa, mobilizar, e ter ideas correctas, perderase en boa medida. Cómpre dar un pulo cuantitativo aos medios propios, ás redes sociais, mais tamén na calidade do que se produce e que teña un obxectivo claro. Non se trata de sumar boas vontades, senón de servir a vontade popular. A loita no eido das ideas non é unha cuestión menor, é parte esencial do proxecto estratéxico. Xa dicía Bolívar hai dous séculos: “é máis importante o Correo del Orinoco que 200 canons”. Non podemos ignorar esta realidade ou ficar paralizados, diante duns medios sistémicos que terán unha actitude cada vez máis agresiva co nacionalismo galego, e especialmente co BNG. Son medios que agocharán actos e propostas, e farán das pequenas debilidades e erros (das excepcións), puntos de apoio para sementar a desconfianza e desacreditar o nacionalismo.    

Ao fío das enquisas publicadas, e das que se van publicar, alén das peneiras polas que pasen, débese ter en consideración que é lóxico que o BNG soporte un voto agochado (véxase nas eleccións europeas), a diferenza de Podemos e Ciudadanos que son alternativas “guay” (como se puido comprobar nas Eleccións de Andalucía en relación aos partidos emerxentes). Asemade, debemos ter en consideración, que a abstención é moi grande e que, dado o nivel de confusión, na campaña vaise decidir moito voto. Mesmo así, non se pode ignorar que o BNG non pode repetir os resultados de hai catro anos, como se a ruptura de 2012 non se dese, non chegase tan distorsionada ao povo, e os procesos electorais posteriores non existisen, aínda que cada un teña identidade propia. É necesario ollar estas eleccións, as mobilizacións, o debate entre proxectos, no contexto histórico, e sobre todo transmitir esta análise á militancia e á sociedade galega.

"En calquera caso, do que se trata como forza revolucionaria é de seguir rectificando, mellorando, pra avanzar"

Que o BNG sexa, máis unha vez, a terceira forza en concelleiros/as e no número de votos sería un bo resultado, especialmente se mantén a maioría das alcaldías nas que governa hoxe. Amosaría que a organización comeza de novo a alargar o seu proxecto. Fixar obxectivos imposíbeis, sen dar tempo a que se vexan os resultados das melloras e rectificacións, impide facer efectivos os cambios pendentes, que se deben sustentar nos xa realizados, e asemade, pode deixar un sabor amargo e desalentar a militantes e simpatizantes, xusto cando o peor fica no pasado. O importante é a dirección, a tendencia; o ritmo depende de cada aspecto, do momento, da capacidade (e mesmo da situación interna). En calquera caso, do que se trata como forza revolucionaria é de seguir rectificando, mellorando, pra avanzar, superando as eivas propias e os atrancos que constrúe o sistema, pra conquistar así a liberación nacional e social do povo galego; ou sexa, da Galiza.

Hai cambios e tarefas que se están a facer hoxe no nacionalismo, mais que darán froitos no futuro, porque o metabolismo social ten un ritmo propio que é diferente entre vangarda, os sectores intermedios, e a fracción maioritaria da povoación, esa que normalmente está afastada do debate político. Daquela, a perspectiva histórica é fundamental para comprender estes procesos, evitar o derrotismo ou triunfalismo, para golpear con precisión no punto máis débil do sistema, e para facer de cada triunfo das clases populares, por pequeno que sexa, unha referencia. Lembremos asemade que as clases subalternas saben ate o cansazo, porque o sofren acotío en carne propia, que están esmagadas; a cuestión é como se liberan, ou sexa: contar coa folla de ruta, os métodos de traballo, o discurso, e a organización, axeitadas. En resumo, a clave para vencer o imperialismo, as clases dominantes, é a política de masas e axer no inmediato pensando no estratéxico.    

 "A revalorización do mundo obreiro e do rural, a súa unidade obxectiva a prol do cambio, sempre foi o noso novo bloque histórico!"

Por último dúas reflexións básicas. Dicía Gramsci encol da construción do novo Bloque Histórico, que consideraba esencial a unión entre a clase obreira do norte industrializado e o sur agrario. No caso galego o mundo urbán ten a forza da demografía, e da clase traballadora concentrada, porén a aldea (de tradición labrega, mariñeira e artesán) ten o valor de manter forte a identidade colectiva e formar parte da nosa herdanza subxectiva. A revalorización do mundo obreiro e do rural, a súa unidade obxectiva a prol do cambio, sempre foi o noso novo bloque histórico!

A segunda reflexión ten relación co feito de que militancia e os simpatizantes do BNG teñen unha participación e protagonismo importantísimo na contestación e iniciativa social, xa que a fronte nuclea un sector moi grande dos/as activistas político-sociais. Daquela, que non se entenda a historia contemporánea da loita de clases na Galiza sen o nacionalismo. Porén, a fronte ten menos peso nos sectores intermedios e aínda é máis baixo naqueles menos politizados, que son a maioría. Isto evidencia, que acerta na análise da realidade e nos obxectivos, porén é menos eficaz na divulgación do proxecto, e en tirar rédito político do traballo social. E as excepcións, que as hai, tanto locais como sectoriais, e mesmo conxunturais, non fan máis que confirmar a regra.

http://manuelmera.blogaliza.org/