Opinión

O Bloqueo, arma para someter e saquear

“A verdade é que, se se quere axudar a Cuba, o primeiro que se debe facer é suspender o bloqueo, como están a solicitar a maioría dos países do mundo. Iso sería un xesto verdadeiramente humanitario. Ningún país do mundo debe estar cercado, bloqueado; iso é o máis contrario que pode existir aos dereitos humanos”. Estas foron as declaracións de López Obrador, o presidente de México, aos xornalistas que lle preguntaban sobre as protestas na illa, que tanto Biden como os grandes medios aproveitaron para alentar, así como para condenar a “represión dunha ditadura comunista”.

A de López Obrador, un demócrata progresista, antiimperialista, foi unha contestación axeitada, porque os graves problemas que padece a illa, cortes na electricidade, falta de medicamentos e de medios para a vacinación contra o covid-19, malia ter dúas vacinas de creación propia, son consecuencia directa de seis décadas de bloqueo imposto polos Estados Unidos, e dos efectos económicos da pandemia (por exemplo no turismo como fonte de divisas). Unha medida de Washington que sanciona a empresas proias máis tamén doutros países que teñan algunha relación comercial con Cuba (cando as ten ademais con esta potencia).

As protestas mobilizaron un sector da povoación, e que colleron por sorpresa ao Governo cubano

Resulta evidente que as protestas mobilizaron a un sector da povoación, e que colleron por sorpresa ao Governo cubano. Agora ben, tamén ten importancia coñecer cal foi a dimensión destas mobilizacións, e neste aspecto as fontes de maior confianza falan de varios milleiros de persoas en 12 puntos do país, con moita escenificación internacional, especialmente nas redes. Seica as convocatorias foron feitas dende o exterior por twitter, e as pancartas nas concentracións tiñan todas elas a mesma simboloxía e consignas. Ou sexa, que se tratou de manifestacións que non eran espontáneas senón planificadas.

Ao respecto deste tema dinos o prestixiado sociólogo arxentino Atilio Boron: “Algunhas protestas actuais son comprensibles; outros, probablemente a maioría, son produto do diñeiro e da enorme campaña de desestabilización iniciada pola Casa Branca. Aínda que teñen unha magnitude moito menor do que di a corrupta prensa hexemónica, o liderado da Revolución fíxose cargo deles e explicou a xénese deses sufrimentos que mobilizaron á rúa a algúns centos de homes e mulleres cubanos. Que houbo erros na xestión macroeconómica; ou que as recentes medidas de unificación do tipo de cambio foron inoportunas, quizais serodias...” (https://www.pagina12.com.ar/354370-cuba-el-bloqueo-y-la-crisis).

A resposta do Governo cubano foi rápida a fin de desactivar as mobilizacións, por unha banda, a máis importante, tomando algunhas medidas de urxencia

A resposta do Governo cubano foi rápida a fin de desactivar as mobilizacións, por unha banda, a máis importante, tomando algunhas medidas de urxencia, como a de facer un esforzo especial para reparar e poñer en servizo todas as centrais eléctricas, ter vacinada un 80% da povoación a finais de agosto, etc. Ademais membros do Governo, e o propio presidente, desprazáronse a aqueles lugares onde se deron as protestas para dialogar directamente coa povoación, reflectindo interese e preocupación polas protestas e ofrecer solucións (dentro das limitacións que obriga o bloqueo e a situación excepcional da pandemia). Ao mesmo tempo, e para manter a orde e evitar que se repetisen accións de saqueo que se deron nalgunhas das concentracións de protesta, realizáronse detencións, unhas 125 persoas, unha cifra que amosa que a participación, cando menos dos sectores máis definidos, non era masiva, especialmente se temos en consideración que non se repetiron en días posteriores. Todo indica que tamén axudou a frear a protesta o feito de que se mobilizasen na rúa as persoas que apoian a Revolución, convocadas polo Presidente Díaz Canel.

Polo tanto, e para alén de que a prensa neoliberal pretenda instalar no imaxinario colectivo a Cuba como sinónimo levantamento popular contra o sistema e de dura represión, as imaxes dos acontecementos non reflicten que isto sexa o que está a suceder. A resposta  do Governo cubano cos manifestantes foi medida, polo que non se pode comparar coa represión en América Latina (Colombia, Chile, Ecuador, etc), e mesmo a que se deu en Estados Unidos contra o movemento Black Lives Matter, ou en Francia cos chalecos amarelos, por certo países todos eles que son considerados democracias, e os últimos dous póñense como exemplo. Daquela que non se utilicen imaxes de Cuba na información dos medios neoliberais (para alén daquelas nas que se realizan detencións) e o relato destaque polo parcial e a dureza dos cualificativos contra o Governo, caracterizado como unha “ditadura”.

Sen dúbida Cuba sacará ensinanzas destas protestas, mais tamén deberían facelo o resto dos países, especialmente aqueles que padecen as políticas agresivas do imperialismo. Non abonda con evitar a confrontación e non representar un perigo, a opresión e explotación é consubstancial co capitalismo, coa globalización neoliberal, e cando a oposición ás políticas imperialistas é moi forte, a primeira opción do imperio non é a negociación, senón a presión, e se é necesario a destrución, da que temos exemplo en Afganistán, Iraq, Libia, Siria,... O bloqueo e as sancións non reforzan a democracia, nen os dereitos humanos, senón que, como na Idade Media, buscan a conquista doutros territorios pola fame e carencia de medios esenciais, como medida previa ao sometemento e saqueo.

https://obloguedemera.wordpress.com/