Opinión

Axuste social, entre a exixencia e a complicidade

Máis unha vez asistimos á repetitiva escenificación de duras exixencias da Comisión Europea para rebaixar o déficit público, que o Goberno central (coitadiño el) vese obrigado a aceitar, para non perder as transferencias de recursos da Unión que, por certo, foron previamente entregados polos Estados a Bruxelas. Como o novo axuste nas pensións xa está decidido, nesta xuntanza para valorar os orzamentos do 2014 dos Estados da eurozona, fíxose especial énfase nas condicións laborais. A pretensión é reducir noutros 2.500 millóns de euros os gastos, para cumprir así co pacto dun déficit público do 5,8% no Estado español o vindeiro ano. 

Máis unha vez asistimos á repetitiva escenificación de duras exixencias da Comisión Europea para rebaixar o déficit público, que o Goberno central (coitadiño el) vese obrigado a aceitar, para non perder as transferencias de recursos da Unión que, por certo, foron previamente entregados polos Estados a Bruxelas. Como o novo axuste nas pensións xa está decidido, nesta xuntanza para valorar os orzamentos do 2014 dos Estados da eurozona, fíxose especial énfase nas condicións laborais. A pretensión é reducir noutros 2.500 millóns de euros os gastos, para cumprir así co pacto dun déficit público do 5,8% no Estado español o vindeiro ano. 

"A Comisión Europea, fiel servidora das clases dominantes da Unión Europea, vai para alén de equilibrar os orzamentos dos Estados"

O único axuste posíbel en materia laboral sería unha redución do tempo é contía das prestacións e subsidios por desemprego, e diminuír salarios e cadro de persoal do sector público. Outro método (indirecto) é renegociar á baixa os contratos de xestión de determinados servizos públicos privatizados, recortando salarios e persoal contratado. Os conflitos nas empresas de recollida ou reciclaxe de lixo, e outros servizos básicos, son consecuencia desta presión para reducir o gasto a costa da clase traballadora. 

Agora ben, todo fai pensar que a pretensión da Comisión Europea, fiel servidora das clases dominantes da Unión Europea, vai para alén de equilibrar os orzamentos dos Estados. Sendo o sector público o que ten por norma as mellores condicións laborais e salarios, un recuar das mesmas ten un efecto directo sobre a actividade privada, máxime nun contexto de peche e deslocalización de empresas, redución dos cadros de persoal, e coa presión constante dunha man de obra de reserva mundial, alentada por unha forzada e masiva migración. Deste xeito diminúense os salarios directos e indirectos (cotizacións, prestacións), medra o ritmo de traballo e a xornada laboral, aumentando a taxa de beneficio (só no ano 2012 creceu un 12% o número de millonarios no Estado español). Ademais, o deterioro dos servizos públicos ou a privatización da súa xestión, permite abrir novas áreas de negocio en prestacións esenciais para as persoas (nacidas da complicidade co poder político), para ampliar o lucro empresarial e aumentar seu poder directo na sociedade. 

"A evolución da poboación galega nos últimos trinta anos, neste mesmo marco político-económico, foi negativa en relación coa media do Estado español e moi especialmente con respecto a Madrid"

Ademais deste proceso de concentración da riqueza e do poder, as políticas neoliberais aplicadas pola Troika e cada un dos Estados da Unión Europea, sen ningún tipo de contemplacións, acentúa a centralización en prexuízo dos países máis débiles e/ou dependentes, que sofren deste xeito unha sobre-explotación. Un tema analizado por Ruy Mauro Marini, e outros intelectuais marxistas que desenvolveron a chamada Teoría da Dependencia, sobre o que teño escrito algún artigo neste mesmo xornal. Tal é o caso da nosa nación, Galiza. É verdade que se analizamos as porcentaxes de desemprego ou do crecemento do PIB, non se notan grandes diferenzas cuantitativas coa media do Estado español. Mais esta sería unha análise simplista, porque hai datos máis abranguentes, como por exemplo, o avance ou recuar demográfico. Por outra banda, non se pode ignorar que as mudanzas estruturais (negativas) que se están a realizar agora van ter unha expresión máis acentuada na sociedade a medio prazo; e poden marcar unha tendencia  irreversíbel, se non se produce un cambio radical no político, na cultura e nas relacións económicas e sociais.

A evolución da poboación galega nos últimos trinta anos, neste mesmo marco político-económico, foi negativa en relación coa media do Estado español e moi especialmente con respecto a Madrid. Sempre poño como exemplo Madrid porque é a que usufrutúa fundamentalmente as riquezas das áreas dependentes, polo que medra e se desenvolve a gran ritmo malia carecer de riquezas naturais destacábeis, máxime cando se compara con Galiza (aínda que en ambos casos avance a concentración da riqueza). Analizo a evolución da poboación porque, no mesmo contexto xeográfico-económico-político, o seu medre ou diminución expresa o grao de desenvolvemento dun territorio, como non pode facelo ningún outro dato. Xa que por exemplo, o PIB por habitante pode ser alto a costa de forzar a emigración dunha parte da poboación, non ter fillos/as desexados, alongar a xornada e o ritmo de traballo, e polas remesas exteriores. 

"As consecuencias da crise (re-axuste económico-social e no ámbito do poder) son gravísimos para Galiza, tanto pola destrución de sectores produtivos e de emprego, como polo medre da desigualdade social e a alienación cultural"

Ollemos as cifras. No censo de 1981, Galiza tiña 2.811.942 habitantes (7,46% do Estado español), Madrid 4.687.083 (12,44%) e o Estado español 37.683.362. Segundo o padrón do 1 de xaneiro de 2013 os datos eran os seguintes, Galiza 2.761.000 (5,78%), Madrid 6.409.000 (13,72%) e o Estado español 47.704.000 (entre aspas a porcentaxe de poboación en relación ao Estado español). Madrid creceu porque ofrecía posibilidades, mentres que o noso país perdía habitantes tanto en cifras absolutas como en termos relativos, porque non as ofrecía, malia ter grandes potencialidades (enerxía, gandería, madeira, pesca, minaría, transformación de aluminio, material de transporte, etc.). Por esta mesma razón, as consecuencias aparentes da crise, especialmente no desemprego, son menores ¡non se pode restar moito de onde hai moi pouco! Malia que Núñez Feijóo converta esta traxedia, consecuencia da dependencia (colonización económica e cultural), nun éxito da xestión da dereita, facendo unha leitura retorcida dos datos. Ademais hai que ter en consideración que a desigualdade entre territorios acentuouse dende a entrada na Unión Europea, amosando a exactitude da consigna do nacionalismo frontista: Mercado Común Europeo, ruína do povo galego!

Sen dúbida as consecuencias da crise (re-axuste económico-social e no ámbito do poder) son gravísimos para Galiza, tanto pola destrución de sectores produtivos e de emprego, como polo medre da desigualdade social e a alienación cultural. Dous datos. En Madrid dende 2008 ate 2012, segundo a EPA, a poboación ocupada baixou un 10,55%, e na Galiza un 13,41%. No sector industrial, que é chave para a nosa economía,  entre o 3º trimestre de 2008 e o mesmo momento de 2013 produciuse unha queda do 29,1% do emprego na Galiza, fronte a un 25,5% en Madrid e unha media do 28,6% no Estado español. Non se pode ignorar que Madrid e a área do mediterráneo ten no turismo unha actividade básica, e que no noso país xoga un papel menos importante. A desfeita no sector industrial non é doado de substituír na Galiza. Asemade, resulta sintomático, que malia que o noso país non viviu a burbulla inmobiliaria coa intensidade de Madrid e a costa mediterránea, sufriu todas as suas consecuencias, evidentemente porque lle foi transferida unha parte dos custes doutras áreas.

"A emigración masiva da mocidade tamén ten consecuencias de carácter estratéxico. Por certo, dáse en maior porcentaxe que en calquera outra parte do Estado español"

Mais, o aspecto de maior transcendencia, xa que representa unha nova e pesada lousa para o futuro das clases populares da Galiza é a apropiación por parte da alta burguesía localizada en Madrid (e por extensión en España) de practicamente todas as grandes e medianas empresas galegas, a destrución de parte do tecido produtivo básico, e a emigración masiva da mocidade. Non me vou deter no tema, porque é abondo coñecido por todos e todas. Lembremos a situación do naval, das empresas líderes na pesca, do sector da enerxía, ou do que aconteceu coa  NovaCaixaGalicia. Neste último caso é sintomático como se impulsou e agora estase a dirixir nun determinado sentido a súa privatización; sen dúbida este foi o obxectivo que determinou todas as exixencias e cambios de normas por parte do Goberno central, tanto do PP como do PSOE no seu día. Apropiación ou destrución, son as únicas saídas para unha boa parte do sector empresarial galego. Vexamos quen se beneficia e saberemos cal é a man que mexe os fíos. 

A emigración masiva da mocidade tamén ten consecuencias de carácter estratéxico. Por certo, dáse en maior porcentaxe que en calquera outra parte do Estado español, aínda que no noso país morra máis xente que nace, a inmigración sexa menor, e teñamos (na medida EPA) menos taxa de desemprego. Terá consecuencias dramáticas (xunto co desemprego e as malas condicións laborais) sobre o desenvolvemento económico, o consumo e o emprego. Son mozos e mozas que emigran despois de máis de vinte anos de formación, con todo os custes que implica, e que van  contribuír a crear riqueza noutros países do mundo. Exportamos man de obra cualificada e importamos inmigrantes que, fuxindo da miseria máis absoluta, son atraídos por condicións laborais  precarias. Hai, aínda que por diversas razóns non se queira admitir, unha substitución de poboación; así de real e duro, con todo o que implica no relativo a manter unha identidade constantemente atacada, mesmo que non sexa a principal causa (en todas as partes, o capital aposta pola desestruturación social).

"Nesta etapa senil do capitalismo (como a caracteriza Samir Amin) non hai marco para unha reforma do capitalismo como a que pretenden realizar os keynesianos e socialdemócratas"

Outro aspecto que tampouco non se pode ignorar, é que todo reflicte que entre os emigrantes a porcentaxe de galego/ga falantes e de votantes do nacionalismo, neses tramos de idade é moi alto; polo que o axuste non é neutral (Canto máis? Non é algo secundario muda arreo a correlación de forzas). Trátase dun aspecto que non se debía obviar cando se analiza a crise e a emigración. Daquela, se padecemos coa mesma intensidade na Galiza a concentración e centralización da riqueza e do poder, non é unha casualidade, porque clase e nación son interdependentes nos países coloniais, semicoloniais, neocoloniais e dependentes. Ademais, non se pode ignorar, que, como diciamos na Arxentina a finais da década dos sesenta: a dependencia recrea o atraso, e non se soluciona con políticas “desenvolvementistas”. Mais non só isto, as consecuencias do axuste sobre Cataluña e Euskadi non son iguais que sobre o noso país, aínda que cada vez teñamos máis aspectos en común no relativo ao tipo de dependencia, xa que a intensidade do proceso de colonización cultural, apropiación económica e rapina son moi superiores; e as diferenzas non pouco teñen que ver  co carácter colonial (ou características coloniais) da dependencia da nosa nación. 

O capitalismo sempre tivo un carácter expansionista e depredador, especialmente nesta etapa por mor da globalización neoliberal que se apoia na revolución informacional. As grandes fortunas non só impoñen políticas aos gobernos, senón que ademais os chantaxean con deslocar capitais e empresas, aproveitando a falta de control sobre o movemento de capitais, o peso da economía delituosa e da especulación financeira. Daquela, nesta etapa senil do capitalismo (como a caracteriza Samir Amin) non hai marco para unha reforma do capitalismo como a que pretenden realizar os keynesianos e socialdemócratas, e polo tanto das estruturas que se montaron ao servizo dos grandes grupos económicos, como a Unión Europea. Non existe ningunha posibilidade de reforma para desenvolver políticas que favorezan ás clases populares e as nacións máis débiles ou carentes de soberanía, e nen sequera que permitan frear un proceso ascendente de explotación e opresión (con medidas cada vez máis duras e outras que restrinxen os dereitos democráticos). 

"A nova reforma laboral anunciada, como as anteriores e outras medidas de axuste, farase co consenso do Goberno español, da Xunta e das clases dominantes, para alén das lóxicas diverxencias entre socios" 

As clases dominantes de todos e cada un dos países que conforman a Unión Europea sóbense ao carro porque esperan obter maiores beneficios, mesmo sabendo que as clases populares dos máis débiles terán que pagar uns custes máis elevados. Saben que a pertenza á Unión é unha vacina contra calquera proceso de revolución social ou de cambios políticos que impliquen modificacións sistémicas que procuren sociedades máis xustas, que afectarían aos intereses das clases dominantes. Polo tanto, para alén da escenificación teatral para o consumo da maioría social, todos e cada un dos acordos son aceptados (aínda que uns lles gusten máis que outros), pola alta burguesía española, porque en conxunto favorécenlle. Os feitos así o amosan: a socialización das perdas da banca, os beneficios das grandes empresas en plena crise, as reformas para rebaixar a presión fiscal sobre elas e as grandes fortunas, a privatización da sanidade, ensino, pensións e outros servizos e prestacións públicas, e redución de salarios e cotizacións sociais, etc. Como non van apostar pola Unión Europea, os poderosos, se nunca lles foi mellor, e ademais fragmentaron e debilitaron a clase obreira, a esquerda política, e os movementos de liberación nacional asentados sobre as clases populares?

A nova reforma laboral anunciada, como as anteriores e outras medidas de axuste, farase co consenso do Goberno español, da Xunta e das clases dominantes, para alén das lóxicas diverxencias entre socios e de que todos queiran obter a máxima tallada no reparto cos menores custes, para minguar a confrontación de clases. Están d'acordo no fundamental, nos obxectivos, malia que debatan  sobre os ritmos e os modos, segundo a correlación de forzas internas en cada Estado. Tampouco se pode ignorar que no contexto actual, dado o grao de desenvolvemento do capitalismo e de disputa entre potencias, non existe posibilidade para unha reforma consensuada da Unión Europea. Non hai ningunha oportunidade para as clases populares, e por suposto para as nacións carentes de soberanía coas características de Galiza, sen un cambio radical da correlación de forzas que obrigue a unha mudanza sistémica. 

Por este motivo é correcto afirmar que a loita pola soberanía nacional e a xustiza social están unidas na nosa nación (dende hai séculos) e hoxe en practicamente todos os países dependentes ou periféricos. Daquela, a construción do poder popular depende de unir acotío, en toda reivindicación e loita reivindicativa, o discurso táctico co estratéxico, para marcar con total claridade argumental os obxectivos e a folla de ruta, contribuíndo a xerar conciencia política, mellorar os métodos de traballo, acumular, fortalecer o partido da clase (algo esencial), e cambiar a correlación de forzas. Repito, e todo o demostra, as clases dominantes españolas (o Estado español) e as dos outros países da Unión Europea comparten obxectivos: a maximización do lucro. E esta obtense por dúas vías: a concentración e a centralización do poder e da riqueza. Daquela, a liberación nacional nunca pode obviar esta íntima asociación, ou ficará reducida ao discurso. 

"En todos os escenarios posíbeis ¡en todos! o obxectivo estratéxico debe ser a liberación nacional e a xustiza social (ou sexa unha democracia popular no camiño do socialismo)"

É verdade que non hai un camiño único, porque depende de moitas variábeis. Pódese avanzar procurando a independencia da Galiza dentro da UE, e despois saír para acadar a xustiza social. O camiño tamén pode ser procurar a desaparición ou a saída da UE, para logo continuar a loita dentro do Estado pola soberanía nacional, nunha mellor correlación de forzas. Ambas posibilidades son abondo complexas, mais non imposíbeis. Mesmo pódese dar un estoupido da UE, que desestabilice os Estados que a compoñen, dadas as moitas contradicións internas, e daquela poder conquistar a independencia e a xustiza social para a nosa Patria. Porén, en todos os escenarios posíbeis ¡en todos! o obxectivo estratéxico debe ser a liberación nacional e a xustiza social (ou sexa unha democracia popular no camiño do socialismo). E para iso cómpre unha forza con vocación maioritaria e cunha política de alianzas sólida a nivel da UE (encetando por Portugal), con aquelas forzas que aposten por unha ruptura democrática. 

Resulta evidente que na Galiza existe unha relación dialéctica, de interdependencia, entre a cuestión nacional e a explotación de clase, mais non sempre a confrontación dáse coa mesma intensidade en ambos os aspectos. Agora ben, isto non exime de que sempre ¡sempre! se fixen con claridade estes obxectivos estratéxicos, folla de ruta e métodos de traballo. Só así é posíbel acumular fozas para unha liberación nacional real. De non unir axeitadamente pobo e nación, unha e outra vez aumentarán a explotación e a opresión, porque son o alicerce deste sistema, e séculos de dominación e colonialismo non foron en balde.

http://manuelmera.blogaliza.org/