Opinión

Ou te axeonllas ou plantas cara

O arroupe de Artur Mas por milleiros de persoas

O arroupe de Artur Mas por milleiros de persoas, entre as cales máis de 400 alcaldes, diante da cita xudicial por mor do referendo do 9-N, representa un pulo cualitativo na loita do povo catalán a prol da soberanía. Dende os medios hexemónicos, non podendo negar a evidencia do apoio popular, optaron por destacar que a manifestación foi un espectáculo preparado, como se os partidos sistémicos e os grupos de poder, comezando polos de comunicación, non organizasen os actos nos que participan. Asemade, acúsase os soberanistas de ameazar a xustiza, seica un poder independente, como se isto fose críbel nesta altura. Deste xeito négase o dereito a se opoñer á criminalización das consultas populares. Mentres, dende o Goberno central, como se fose algo normal, refórmanse as leis para quitar dereitos de protesta e expresión, fanse declaracións sobre a intervención da autonomía con todos os medios de que dispón se o considerasen necesario. 

Causou arrepío no Governo central unha masa de xente tan representativa, denunciando a utilización perversa do sistema xudicial e das institucións do Estado

A diferenza doutros actos políticos baseados no mediático, tan comúns hoxe como secuela do efecto Podemos, neste caso houbo unha participación masiva da xente. Non era o teatro duns poucos para falar de temas xerais, ou un debate de cúpulas sobre o reparto do poder institucional. Por esta razón, causou arrepío no Governo central unha masa de xente tan representativa, denunciando a utilización perversa do sistema xudicial e das institucións do Estado, así como a actitude do Presidente da Generalitat desafiando poderes que se senten donos de nacións e persoas. Amosa que non se trata dunha arroutada, dunha escenificación electoral ou dunha postura conxuntural. O grao de enfrontamento até o que chegou o conflito, pola actitude centralista dos poderes do Estado e negadora da capacidade a decidir do povo catalán, fica patente na resposta de Artur Mas nunha entrevista realizada por un xornal de Barcelona, cando afirma: “con estas actitudes do Governo español, ou te axeonllas ou plantas cara”. Debo dicir que dubidei de que CDC e Mas mantivesen o pulso, máxime coas súas hipotecas de clase, porén, por sorte, non é a primeira vez que o futuro non reproduce o pasado, senón que serve para superalo. Aínda que non está dita a última palabra, até hoxe esta semella ser a valoración correcta.

Outro aspecto que evidencian estes actos xudiciais é que se están a confrontar tanto obxectivos como modos de proceder diverxentes, polo que non hai espazo para as ambigüidades, tan comúns en moitos partidos do progresismo. Por iso os protagonismos son para o soberanismo, defendendo a vontade democrática do povo catalán, e o españolismo de dereita, PP e Ciudadanos, querendo facer valer o poder do máis forte, dos dereitos de conquista, da lei da selva. Daquela que o PSOE, Podemos e ICV-EUiA non sexan quen de atopar espazo para unha terceira vía, para o reformismo sistémico no nacional e no social, para mudar algo para que non cambie ren. 

Todos os intentos de confrontar o nacional e o social por parte desta terceira vía, rachando a unidade soberanista, foron ate este momento infrutuosos

Todos os intentos de confrontar o nacional e o social por parte desta terceira vía, rachando a unidade soberanista, foron ate este momento infrutuosos, tal como a candidatura de CatalunyaSíqueesPot comprobou coa obtención duns pobres resultados nas eleccións autonómicas do pasado 27-S. Que a secretaria xeral de Podemos e varios membros máis da dirección dimitisen acusando o partido de falta de catalanismo, é a demostración máis evidente de que o nacional non se pode obviar ou secundarizar neste momento histórico naquel país. O último intento de abrir espazo a esta terceira vía semella ser o de Ada Colau de Barcelona en Comú, que espera repetir o éxito das municipais nas xerais, mantendo un perfil catalanista, sen dependencias de Madrid (que pretende facer críbeis poñendo publicamente condicións a Podemos e ICV-EUiA). Mais segue a manter unha ambigüidade calculada a respecto dun compromiso firme coa independencia. Véxase que a folla de ruta e a escenificación, para alén das correlacións de forzas e de como se manifeste a confrontación de clases, non é moi distinta á das mareas na Galiza e á estratexia de Anova. 

Na Catalunya as clases populares serían as grandes beneficiarias da conquista da soberanía, dada a oposición da burguesía á independencia, polo que a terceira vía representa un atranco tamén no eido social, así como un paso atrás nas contradicións de clase no aspecto nacional (ou sexa o da opresión). É así, porque Podemos, ICV-EUiA, e tamén Barcelona en Comú, utilizan as contradicións sociais de xeito perverso ao contrapoñelas á loita pola soberanía, usando como unha das escusas as políticas económicas e sociais de CIU, confundindo o táctico co estratéxico, cando a razón de fundo é que apostan por un proceso constituínte do Estado español, facer reformas para manter a unidade.  Fano, malia que non se vexa como posíbel a medio prazo un Estado confederal (tampouco un cambio do sistema socio-económico), mentres que a loita pola independencia é unha resposta concreta neste intre ás contradicións de clase en Catalunya. A terceira vía colleu conscientemente o camiño máis longo no nacional, malia ser hoxe o eixo da confrontación e da mobilización popular, mentres que no social só se propoñen reformas inmediatas para atender os casos máis estremos de pobreza, dependencia, exclusión,... que non cuestionan a concentración e centralización da riqueza e do poder, polo que a desigualdade se reproducirá unha e outra vez, e déixase o identitario en segundo plano. 

A terceira vía colleu conscientemente o camiño máis longo no nacional, malia ser hoxe o eixo da confrontación e da mobilización popular

Na práctica, esta terceira vía estalle a dar tempo histórico ao españolismo, ás forzas sistémicas, xa que son unha cuña que pode restar espazo ao movemento de liberación nacional, por iso contan con certo arroupe nalgúns medios de comunicación cara as vindeiras eleccións xerais. Semella que por parte de Anova e outras forzas do nacionalismo galego quérese aproveitar esta actitude dos donos do poder para gañar espazo electoral. Non deberían esquecer que isto tamén sementa ideas que debilitan a autoorganización, a conciencia nacional, e polo tanto a loita pola soberanía. O tacticismo, o oportunismo, sempre ten custes, e ás veces son estratéxicos.

Daquela que sexa importante lembrar que a loita de clases, as contradicións entre traballo e capital, dánse en todos os aspectos da vida humana, no económico, social, cultural, lingüístico, ecolóxico, xénero... a non ser que se pense que as clases populares só teñen estómago. E, en relación coa dependencia nacional e a contradición de clase no aspecto laboral reproduzo un anaco do texto da Dialéctica da Dependencia do teórico marxista brasileiro Rui Mauro Marini:

As contradicións entre traballo e capital, dánse en todos os aspectos da vida humana, no económico, social, cultural, lingüístico, ecolóxico, xénero...

O problema que coloca o intercambio desigual para América Latina non é precisamente o de contrarrestar a transferencia de valor que implica, senón máis ben o de compensar unha perda de plusvalía, e que, incapaz de impedila a nivel das relacións de mercado, a economía dependente reaxe compensándoa no plano da produción interna. O aumento da intensidade do traballo aparece, nesta perspectiva, como un aumento de plusvalía, conseguido a través dunha maior explotación do traballador/ra e non do incremento da súa capacidade produtiva. O mesmo pódese dicir do alongamento da xornada de traballo, é dicir, do medre da plusvalía absoluta na súa forma clásica (...). Cómpre sinalar, finalmente, un terceiro procedemento, que consiste en reducir o consumo do obreiro para alén do límite normal (...) implicando así un modo específico de aumentar o tempo de traballo excedente”. 

http://manuelmera.blogaliza.org/