Opinión

O avance institucional do BNG está ligado á mobilización

O BNG está a facer rectificacións no sentido correcto. Aínda que levará tempo ollar os resultados completos porque o metabolismo social ten os seus ritmos, máxime cando os grandes medios de comunicación xogan en contra. Coido que nesta andaina axudaría que clarifique máis na súa mensaxe a utilidade da fronte para as clases populares, teña ou non representación parlamentar, xa que o proxecto non debe estar supeditado ao calendario electoral. Neste aspecto, resulta esencial manter vivas no imaxinario colectivo os centos de loitas e tarefas, as defensivas e as ofensivas, que terminaron cun éxito total ou parcial durante as últimas décadas. Non se pode entender a historia da Galiza presente sen o papel político, social, laboral e cultural do nacionalismo anticolonial! Este é o maior éxito do BNG!

Polo tanto sería trabucado (e negar a realidade) condicionar a utilidade do BNG a unha maior ou menor presenza nas institucións, máxime cando, con este discurso, non se suman complicidades. Mesmo resulta sinónimo de debilidade, de desesperación, especialmente cando nos últimos anos se pasou por unha vaga de retrocesos en determinadas institucións e se compite con discursos que ofrecen cambios sen sacrificios militantes e cun activismo mínimo. Isto non nega que a representación institucional axuda, e que polo tanto forme parte do discurso: que permite cumprir máis eficazmente os obxectivos e as tarefas necesarias (en relación coa protesta social, a xestión municipal, etc.). Porén, tería custes moi grandes, se para gañar presenza institucional, o BNG se sumase á mensaxe fácil, que afoga os contidos coa escenificación, sementando espellismos que logo non son realizábeis cunha sociedade pasiva que coida que para cambiar o sistema abonda co voto, a participación telemática, e medidas de atención aos sectores máis golpeados. Medidas que se terminan convertendo en clientelismo, cando non se fan cambios nun sistema ao que lle é funcional a explotación e a opresión. Sería un erro que se pagaría caro, como pasou noutros países do mundo, por exemplo na Arxentina e Brasil.

Sería trabucado (e negar a realidade) condicionar a utilidade do BNG a unha maior ou menor presenza nas institucións

Na historia das últimas catro décadas destaca o papel dinamizador do nacionalismo de esquerda na mobilización e na organización das clases populares galegas, na defensa intransixente das súas reivindicacións sociais e nacionais. Esta valoración tamén é valida para este período de axuste, polo que hai que tela en consideración e recuperar a iniciativa do BNG, así como a mobilización con contidos políticos. Existe unha relación directa entre obxectivos e suxeito. E neste contexto e neste país isto implica que o BNG, como organización que quere representar os intereses do povo galego (e que polo tanto reivindica a soberanía nacional) debe manter unha mensaxe propia, coherente, atrevida, realmente de esquerda, anticapitalista. Un discurso que confronte dialecticamente, dende o respecto e con argumentos, con aquelas follas de ruta que todo o reducen á presenza institucional, e que prometen cambios radicais dentro do sistema que o tempo converte en espellismos (ollemos o exemplo de Syriza).

O mellor xeito de dar este debate político é mediante o contraste entre a teoría e a práctica, especialmente cando atinxen á esquerda, para que permitan desbotar as ideas trabucadas e construír organización e conciencia. Este é o caso en relación con Podemos e as confluencias, dadas as súas ambigüidades calculadas, democracia telemática, e ruptura estética. Mais, en caso de governar, se non cumpren as promesas realizadas de mudalo todo sen tocar as bases do sistema, ficarán en evidencia na práctica as incoherencias e eivas do proxecto, especialmente da folla de ruta. Agora ben, isto non implica mecanicamente un avance do nacionalismo anticolonial. Tampouco existe este nexo nun escenario no que Podemos e as confluencias terminen perdendo vitalidade, e polo tanto eficacia, por non acceder ao Governo das institucións.

O mellor xeito de dar este debate político é mediante o contraste entre a teoría e a práctica

En calquera destes escenarios teóricos, así como no actual contexto, a presenza parlamentar do BNG sempre sería unha garantía de que en calquera situación os intereses de Galiza, e da clase traballadora e outras camadas populares, van estar presentes nos debates institucionais. E que a fronte vai facer destes temas a súa tarefa prioritaria, xa que así foi mentres tivo representación no Congreso e o segue a facer no Parlamento galego. Outras forzas nacionalistas, como Anova, neste aspecto teñen o corazón dividido, e optaron por se sumar ao proxecto común estatal deixando a formación dun grupo parlamentar propio á futura composición e decisión da Mesa do Congreso. Unha actitude moi distinta á de Compromís e de Em Comú Podem. Son incoherencias no eido do programático.

A presenza institucional debe servir de caixa de resonancia das reivindicacións populares, conxunturais e estratéxicas

A presenza institucional debe servir de caixa de resonancia das reivindicacións populares, conxunturais e estratéxicas, e sobre todo contribuír a lle dar folgos á mobilización laboral e social, e a formar conciencia de clase e nacional. Isto non está a acontecer co ascenso de Podemos e confluencias. Por algo será. En troques, como amosa a historia das últimas décadas, existe unha relación directa entre un BNG forte e o ascenso do movemento de masas, que ademais gañou en protagonismo político. Esta é unha diferenza cualitativa a respecto doutras forzas nacionalistas ou da esquerda estatal na Galiza. A fronte anticolonial aínda mantén un nexo organizativo importante co sindicalismo e as organizacións sociais, malia que é obvio que se foi debilitando. Corrixir esta tendencia regresiva ten importancia, xa que se trata dun aspecto fundamental para definir correctamente a folla de ruta e construír poder popular. Dáse un nexo moi forte entre mobilización e presenza institucional, para as forzas que confrontan co sistema, ou este considera que o fan.

http://manuelmera.blogaliza.org/