Opinión

A auto organización, aspecto central para a autodeterminación

Sempre considerei que a autorganización, ou sexa, contar con forzas propias a todos os niveis é esencial nunha nación sen estado propio (véxanse as bases de ERGA, e a postura que mantiven respecto da creación da ING, e en relación coas Mareas-Podemos). A autoorganización é o alicerce, o primeiro paso, do dereito de autodeterminación, un obxectivo que nunca foi doado de conquistar para ningún povo. Daquela que moitos países mesmo acadando unha independencia formal na práctica padezan unha situación neocolonial. Aínda que ter este dereito formal non deixa de ser transcendental, xa que implica un gran avance no imaxinario colectivo, que fai máis doado convertelo en real. 

Ademais, e isto é fundamental, a autoorganización non depende da correlación de forzas, nen da situación obxectiva, nen do estado de animo das masas, senón única e exclusivamente da vontade dun colectivo de persoas de constituír unha organización cuns obxectivos e unha folla de ruta. E, en función deles concretar o relato e as tarefas, para mobilizar á sociedade, para fortalecer o aspecto nacional e a xustiza social no subconsciente colectivo, e construír unha alternativa ao sistema imperante de opresión e explotación. Evidentemente canto maior sexa a inquedanza social por asociarse, organizarse (realidade obxectiva de tipo nacional, de clase, etc) mais doado será a autoorganización sindical, social e política. Trátase dun proceso de retroalimentación que polo tanto non depende só das condicións obxectivas, senón que o suxeito colectivo ten moita importancia.

Neste aspecto tanto a UPG, como aqueles partidos que se derivaron dela, fose á súa dereita como á súa esquerda (ou nas organizacións sindicais e sociais nas que tiñan incidencia), sempre houbo unha postura moi firme sobre este tema. Daquela, que os acordos con outras forzas de ámbito estatal foran conxunturais e sobre temas específicos, sabendo, como sucedeu con aquelas forzas que non procederon con esta firmeza que, para alén da teoría e dos discursos, o modelo dominante terminaría impoñendo e dando folgos á unha visión centralista das propostas e folla de ruta. De pouco vale o recoñecemento teórico do dereito de autodeterminación cando na práctica se acepta o marco estatal, tamén no organizativo, para seica no futuro rachar o centralismo (obviando que fortalece este tipo de dinámica e prioridades). Unha contradición entre a teoría e a práctica, que terminou por estoupar. Debilitando ás organizacións de ámbito galego que a levaron adiante, por mellores que fosen no inmediato os resultados electorais, e grande a entrega e número de militantes.

De ren vale teorizar sobre a independencia, e acusar a outras forzas de autonomismo, cando despois, aos niveis máis primarios que dependen da vontade dun sector da vangarda política, a solución pasa por unha alianza estratéxica, no organizativo e no relato, con forzas do Estado colonizador, opresor (Que contradición. Por certo: o pacto do Partido Galeguista coa Fronte Popular, cun golpe militar ás portas non o xustifica en toda situación, máxime noutro tempo histórico). Así non se fortalece no subconsciente colectivo o feito de que a autodeterminación é unha necesidade e un dereito, senón tamén de que temos capacidade para nos autogovernar, mesmo neste contexto de globalización neoliberal, apoiada polos poderes sistémicos tanto no EE como na UE.

Cómpre a autoorganización a todos os niveis, a participación e o protagonismo, a iniciativa, marcar obxectivos a curto, medio e longo prazo, ligar o concreto co xeral, socializar os conflitos facendo deles unha escola política, marcar na práctica as contradicións e analizar as tácticas e estratexias de cada organización e de cada clase, axustar a folla de ruta e as tarefas para que nos permitan avanzar. En resumo: gañar co relato a conciencia colectiva e organizar, para transformar a realidade.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios