Opinión

Atrancos, eivas e retos da cuestión lingüística

Máis un ano, a manifestación en Compostela a prol da defensa e promoción da lingua nacional de Galiza foi un éxito. Milleiros de persoas de todas as idades, do mundo urbano e rural, participaron dunha mobilización que denuncia a diminución do apoio ao idioma galego e á cultura propia do país por parte da Xunta do PP. Para alén das boas palabras na mensaxe ritual en datas significativas, na práctica, unha boa parte dos recursos públicos para este fin van destinados a xornais que apenas utilizan a lingua galega (como La Voz de Galicia e Faro de Vigo, que son subvencionados cun millón de euros ao ano). Esta non é unha cuestión menor, porque os medios en español son hexemónicos, contan co apoio do aparello do Estado, dos grandes grupos económicos, e son favorecidos polo proceso de globalización neoliberal.

Durante a presidencia de Núñez Feijóo, reduciuse o apoio á cultura galega nun 40%. Xa no ano 2013, as axudas eran un terzo menos que vinte anos antes. Esta política regresiva consolidouse co decreto de plurilingüismo. O portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceiras, definiu con claridade a situación no seu discurso: “de facto ao galego impónselle un 155 lingüístico, pois non se entende que o Tribunal Supremo diga que o catalán debe ter unha presenza mínima no ensino dun 75%, mentres que o galego está baixando do 33% grazas ao decretazo contra o galego e á LOMCE”. 

Agora ben, aínda que o Partido Popular ten unha responsabilidade importante no retroceso de galego falantes, non é menos certo que esta actitude sería impensábel, sen o apoio ou a pasividade que existe por parte de grupos de poder fundamentais. Este bloque abrangue desde o sector empresarial, en primeira liña, até o poder xudicial, a xerarquía eclesiástica, os medios hexemónicos, etc. Evidentemente hai excepcións, mais iso non é abondo para mudar a tendencia, nen para non sinalar publicamente as responsabilidades. Non quero con isto xustificar as persoas das clases populares que votan aos partidos que permiten ou axudan para que se afogue á lingua e a cultura da Galiza. Os discursos poden ser outra cousa, unha posta en escena. Tampouco pretendo xustificar aquelas persoas que deixan de usar a lingua ou que a negan ou llela furtan aos seus fillos e fillas, na procura de ascenso social. Mais neste caso, non sería xusto converter ás vítimas en responsábeis principais de actitudes que son alentadas mediante o dominio e a coacción polas clases dominantes.  

O Partido Popular ten unha responsabilidade importante no retroceso de galego falantes

 

Ao éxito da mobilización, como dos correlinguas, cómpre engadir o enorme número de actos que se desenvolveron en moitos concellos do país, máis alá dos governados polo nacionalismo. A lingua e a cultura nacional debería ser un patrimonio colectivo, transversal. Mais na práctica, o papel que xoga non é o mesmo para a burguesía que para as clases populares. A primeira ten un papel de dominio e as outras subalterno. Daquela que teña importancia que asistisen á mobilización os máximos dirixentes do BNG e das Mareas, da CIG e outras organizacións sociais e culturais. E moi especialmente o secretario xeral do PSOE, que había dous anos que non acudía, se non me fallan os cálculos. Representan a metade do voto cidadán! É un mérito de Queremos Galego, e racha coas falsas hipóteses sobre o sectarismo nacionalista. Asemade sería positivo que organizacións como CCOO, UGT e outras forzas sindicais e sociais se fixesen notar como tales na manifestación. 

O soberanismo galego nunca pretendeu acaparar a defensa da lingua e cultura do país, nen a identidade nacional. Foi a praxe a que colocou as organizacións de ámbito estatal á defensiva neste tema. Sería así por mor das súas renuncias, de que hipotecaron as reivindicacións nacionais para seica conseguir “avances máis amplos en beneficio de todos os povos de España e de Galiza”, que nunca se concretaron. Son actitudes que relegaron as reivindicacións propias, e contribuíron a cercar a lingua e cultura galega, a aumentar a desigualdade entre clases e entre territorios. Posturas simplistas, de submisión na práctica, que axudaron ao retroceso do peso de Galiza no Estado español, así como á caída demográfica en número de habitantes e sobre todo porcentualmente, tanto con governos da dereita como socialdemócratas.

O soberanismo galego nunca pretendeu acaparar a defensa da lingua e cultura do país

 

A lingua está viva en sectores moi grandes da sociedade galega, nas clases populares, nos barrios das cidades, nas vilas e no rural. Para que recupere todo o peso que lle corresponde, sendo importante o papel do ensino, o aspecto fundamental é darlle o valor que lle corresponde ao mundo rural e á clase traballadora. A cuestión central está no compromiso das institucións, no activismo das forzas políticas e sociais e da intelectualidade, porén sobre todo, nas referencias sobre as que se constrúe a conciencia colectiva. Abonda con ler os medios sistémicos, mais tamén algúns dos que procuran unha ruptura, para comprobar a pouca relevancia que lle dan ás clases populares. Estas están suplantadas, tanto na dereita como na esquerda, no ámbito político e da comunicación, pola burguesía e as clases medias acomodadas. Co que isto implica na construción do imaxinario colectivo, da formación da conciencia, especialmente na mocidade. 

En resumo, na Galiza, para que a lingua e cultura galega sexa prioritaria, para acadar a xustiza social e a soberanía, é unha cuestión central definir o suxeito social e político para o cambio

 

En resumo, na Galiza, para que a lingua e cultura galega sexa prioritaria, para acadar a xustiza social e a soberanía, é unha cuestión central definir o suxeito social e político para o cambio. As excepcións non son determinantes. Polo tanto, a contradición entre as persoas oprimidas e opresoras, entre explotadores e explotados, son fundamentais. Os países non son algo abstracto, os idiomas tampouco. Así de sinxelo. Daquela que, se non se analiza polo miúdo o contexto e se definen con claridade as contradicións, os suxeitos e as tarefas prioritarias, os atrancos seran insuperabeis, e os inmensos esforzos non darán os resultados esperados. A cuestión lingüística non é un caso illado do contexto social e político xeral, por máis excepcións persoais e locais que existan. 

https://obloguedemera.wordpress.com/