Opinión

Asustar coa extrema-dereita. Acordos PSOE-Podemos.

En moi poucos días, de ser unha forza residual, tanto en intención de voto, como nos medios de información, VOX converteuse nun fenómeno político, a partir do acto de masas que fixeron en Madrid, no palacio de Vistalegre, no que axuntaron seica dez mil persoas. Sen dúbida foi un acto concorrido, porén non se pode obviar que acudiron simpatizantes de todo o Estado español, e que segundo as enquisas a intención de voto deste partido está na contorna do 1%. Non pretendo obviar o perigo que representan estes grupos filo fascistas como forza de choque contra os dereitos laborais, sociais, e das nacións periféricas (dependentes). 

Outra cuestión é que VOX acade representación institucional, con todo o que isto implicaría. Sería un recuar cualitativo. Máxime, cando segmentos cada vez maiores do aparello do Estado, e grupos de poder, manifestan abertamente posturas autoritarias, que practican sempre que poden, mesmo facendo unha interpretación interesada da lexislación vixente. Así o reflicten as duras condenas contra participantes nos piquetes de folga (caso de Carlos e Serafín), a prisión preventiva de dirixentes da Generalitat e a absurda acusación de rebelión, a regresiva sentenza da “manada”, a causa contra os 19 de Meirás, as manifestacións de policías facendo gala de centralismo e con participación de partidos de ultra-dereita, a información de medios sistémicos axitando as paixóns contra os cataláns. Son feitos que indican que existe o desexo de abortar calquera cambio que poña en cuestión o nivel actual de explotación e opresión, por parte dunha fracción das clases dominantes, que se apoia nun sector moi ligado ao poder. Quérese perpetuar o marco saído do axuste da “crise”, co que se garante non só o inxusto reparto actual da riqueza e do poder entre territorios e clases sociais, senón que vaia a máis.

Existe o desexo de abortar calquera cambio que poña en cuestión o nivel actual de explotación e opresión 

 

Semella que existe interese nalgúns medios e partidos políticos, dá marxe esquerda do sistema, en inflar a VOX. Pensaran que deste xeito debilitan ao PP, tamén a Ciudadanos, que se afastan do “centro” en beneficio do PSOE. Algo que lle virá moi ben nas eleccións andaluzas e se hai adianto das xerais para antes das municipais de 2019. Con Pablo Casado gabando a VOX, e Albert Rivera practicando a ignorancia, mentres que compiten na mensaxe españolista. Estes, diante da sociedade, poden terminar representados total ou en boa medida como a imaxe da ultra-dereita. Claro que esta viraxe tamén lle terá seus custes internos ao PP nalgúns lugares onde ten unha presenza importante, por exemplo, é unha carga explosiva ao modelo co que se montou o partido na Galiza, que Fraga consolidou e Núñez Feijóo evitou mudar no discursivo (xa que na práctica non puido ser máis submiso aos intereses foráneos e deixa un país en declive). Mais, o Presidente da Xunta, neste intre, ten un problema máis grave nas mensaxes de Casado que na confrontación cos partidos da oposición. Estes últimos non dan atopado un discurso que ofreza un proxecto claramente alternativo, e puntos de converxencia entre eles, para que, ademais da disputa institucional podan facer da rúa oposición constante, e así garantir o desaloxo do PP da Xunta. 

Todo amosa que o outro obxectivo que se procura, inflando a VOX, está dirixido a premer a base dos partidos soberanistas, vendo que a aplicación do 155 non conseguiu o repregue esperado, especialmente en Cataluña, que consideran como a situación máis grave. As manifestacións do españolismo en Barcelona (con apoio exterior) reunindo a miles de persoas pretenden este mesmo obxectivo, así como os piquetes formados por Ciudadanos e outros partidos para retirar das rúas e prazas os lazos amarelos. Neste caso usábase a escusa da liberdade de expresión, cando en realidade querían eliminar a participación popular da protesta contra as prisións inxustificadas dos dirixentes independentistas e buscaban a confrontación. Para despois escenificar nos medios, con total cinismo, o papel de vítimas da intolerancia e “supremacismo”. Poñer o foco neste tema tamén lle interesa á patronal española, sabedora de que cun PIB que supera o da antes da crise e o aumento dos prezos de produtos e servizos de primeira necesidade, así como os beneficios empresariais tan fortes, alentan o desgusto social e a reclamación de melloras nas condicións de traballo. Máxime, cando segue a medrar a precariedade, o deterioro dos salarios, e das prestacións e servizos esenciais.

Ficar no inicio do camiño

Até que punto o acordo entre o PSOE e Podemos pode frear esta viraxe cara á extrema-dereita, ao mudar o eixo do debate?  Este pacto, centrado en aspectos laborais, sociais e fiscais, é beneficioso para as clases populares. E, malia que afecten no esencial os orzamentos de 2019, marcan unha liña de axer para os vindeiros anos. Agora ben, malia a oposición da patronal, do FMI, e de PP e Ciudadanos, e a propaganda rendencionista dos partidos asinantes: estas iniciativas non eliminan totalmente os retrocesos producidos durante a crise cos governos do PP (e tamén do PSOE, nos últimos anos de Zapatero). Non o fan, porque para iso sería necesario recobrar a presión fiscal que había daquela, por exemplo no imposto de sociedades, e poñer os medios para que os salarios e pensións recuperen a capacidade adquisitiva de antes da crise (non só no ingreso nominal). O salario mínimo de 900 euros en 14 pagas, e a actualización co IPC das pensións non abondan para atinxir este obxectivo. Ademais, a xestión de moitos servizos públicos foi privatizada neste periodo.

O outro obxectivo que se procura, inflando a VOX, está dirixido a premer a base dos partidos soberanistas

 

Non deseñan os partidos asinantes do acordo un novo modelo de desenvolvemento, nen sequera fan acenos neste sentido. Non cuestionan os alicerces que dan folgos á concentración do poder e da riqueza e tampouco á súa centralización. Un aspecto este último tamén importante, xa que afecta a súa distribución territorial, así como o reparto do traballo entre nacionalidades. Algo fundamental para os galegos e galegas, dado o papel subalterno que ten a nosa nación na cadea de valor (control do capital foráneo das empresas máis importantes e punteiras, destrución do mundo rural e pesqueiro, e falta total de control sobre os mecanismos necesarios para reverter a situación). Neste aspecto a nacionalización das empresas eléctricas, da banca, das telecomunicacións sería esencial. Sen dúbida, o concerto económico sería un avance, sempre que estivese ligado a un control sobre a economía, os beneficios empresariais e ao movemento de capitais. Non se poden analizar os ingresos e gastos no ámbito fiscal sen ligalos aos lucros empresariais e á entrada e saída de capitais no sector privado. 

En realidade o pacto orzamentario para 2019 está limitado a que as condicións de vida da clase traballadora, e outros sectores populares, non se sigan deteriorando tan aceleradamente. Porén, non esquezamos que o gasto das familias con menores ingresos está moi condicionado polo aluguer, os créditos de vivenda, a enerxía, e o consumo de alimentos. As condicións de vida das clases populares dependen dos produtos e os servizos esenciais, e estes son os que máis aumentaron. Polo tanto, o acordo vai no bo camiño, mais detense no inicio. Porque o IPC das clases populares está por riba do cálculo que toma a media de toda a povoación. Deberíanse realizar estatísticas do IPC en función de distintos chanzos de ingreso, como xa se fan respecto da base territorial. Por outra banda, non se pode obviar que hai medidas do pacto orzamentario para 2019 que terán que pasar polo Parlamento, adiando a súa aplicación, e mesmo podendo ser rexeitados ao non contar cos votos necesarios, especialmente tendo en conta a composición actual de ambas cámaras. 

Este pacto, centrado en aspectos laborais, sociais e fiscais, é beneficioso para as clases populares

 

E ademais o acordo ignora aspectos esenciais. Como por exemplo: que cómpre recuperar a primacía dos convenios colectivos máis favorábeis ao persoal afectado, ben sexan de empresa ou sector. E tratar aspectos de tanta importancia para as nacionalidades históricas, como blindar as competencias e recoñecelas como suxeitos de dereito a todos os niveis (lembremos o baleirado de competencias a través da Lei de Unidade de Mercado e outras semellantes, ou a pretensión do Estado de recuperar todas as competencias sobre o ensino). Tampouco se pode seguir subtraendo do referendo popular a cuestión da Monarquía e República. Ou ignorar a necesidade democrática de que exista un sistema electoral que respecte a vontade cidadán, que sexa polo tanto proporcional e sen chanzos mínimos, e con garantías de que todas as forzas terán igualdade de oportunidades. Sei que non son temas orzamentarios, porén tampouco o son outros que forman parte do texto. Demostran que nuns temas hai vontade, noutros menos e nalgúns ningunha (por ambas forzas?). 

Obviar a participación popular

Todo fai pensar que o PSOE e Podemos evitaron estes temas. Para non lle dar carnaza a PP e Ciudadanos, a medios de comunicación e grupos de poder? Por que son cuestións que só confrontan cando se ben moi forzados? Na práctica son partidos que, malia as súas diferenzas nas formas, non rexeitan o sistema actual, nen a Unión Europea, nen o capitalismo. Polo tanto, asustar coa extrema dereita, por unha banda, e ofrecer avances controlados, polo outro lado, uns para atallar cambios e outros para gañar complicidades, ten bastante de común nesta conxuntura. Ambas posturas suplantan e restan forza ao poder popular para conquistar transformacións radicais, cualitativas, tanto no social, como no nacional e democrático. Asemade, véxase que a fórmula para chegar a estes acordos seguiu as formas máis tradicionais, sen participación ningunha das clases populares, e mesmo das bases de ambas forzas. Isto é normal na práctica política do PSOE, porén contradí o modelo do que fai sinónimo de identidade Podemos (e estes son acordos de máxima importancia). 

Non se pode obviar que hai medidas do pacto orzamentario para 2019 que terán que pasar polo Parlamento, adiando a súa aplicación

 

Son momentos complexos e moi dinámicos. Momentos de crise sistémica, do modelo económico, de valores, e da representatividade política. Lembremos que hai un ano PP+Ciudadanos e PSOE apoiaban o 155, e hoxe confrontan, por unhas reformas mínimas para evitar que a precariedade e a pobreza se convertan nun polvorín. Polo tanto, diante deste pacto que facer dende a esquerda, dende o nacionalismo: Opoñerse ou empurrar? Facelo só no discurso ou tamén mobilizar? 

Dende Podemos pódese argumentar que é o mellor acordo, tendo en consideración a correlación de forzas nas institucións e o grao de mobilización laboral e social. Evidentemente para o PSOE é unha viraxe á esquerda radical. É verdade que unha parte importante do sindicalismo, especialmente CCOO e UGT, abandonaron a presión, como o demostra que non se atrevesen dende hai moitos anos a convocar unha folga xeral, malia os grandes retrocesos nas condicións laborais e nos dereitos sindicais. Porén, hai outro sindicalismo máis combativo e a protesta laboral e social segue viva (tamen a democratica: dereito a decidir, República). Tampouco se pode ignorar que Podemos suplantou a organización por Internet, a mobilización pola declaración e o pacto institucional. A participación popular polos salvadores supremos. Ten a súa parte de responsabilidade na desmobilización, tamén cando alenta a fragmentación do suxeito do cambio (como outras forzas da esquerda). Non é casual que sexan máis constantes e incisivas as manifestacións de pensionistas que as da clase traballadora, se non contabilizamos a conflitividade ligada á empresa ou sector (que ten un carácter defensivo). Son os vellos hábitos da loita de clases (e nacional popular) presentes no subconsciente da mocidade traballadora de hai catro décadas. 

Podemos suplantou a organización por Internet, a mobilización pola declaración e o pacto institucional

 

A mobilización e organización, o protagonismo popular, seguen sendo fundamentais para avanzar, para conquistar a xustiza e a liberdade. Sen eles non se poden conseguir mellores acordos, nen garantir que se leven á práctica. 

https://obloguedemera.wordpress.com/