Opinión

Asemblea de Lugo: botar liña e crear organización

 

“Tendo Galiza todas as características dunha nacionalidade, nós nomeamonos dende hoxe para sempre nacionalistas galegos, xa que a verba “rexionalismo” non recolle todas as aspiracións nen encerra a intensidade dos nosos problemas”. Este era o limiar do Manifesto Nacionalista de Lugo, do que o vindeiro 17-18 de novembro cúmprese nada menos que un século. Por certo esta xuntanza realizouse poucos días despois de que Alemaña asinase o armisticio (11 de novembro) pondo termo á Primeira Guerra Mundial.

As Irmandades da Fala foron as que convocaron esta reunión. Naceran dous anos antes na Coruña, e recuperaran A Nosa Terra como o seu voceiro. Entre os promotores das Irmandades estaban Antón Villar Ponte, Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao e Florencio Baamonde. Aínda que a primeira iniciativa foi de Aurelio Ribalta e a convocatoria concretouse por Antón Villar Ponte. A constitución produciuse nun escenario de gran axitación campesiña en Galiza, por mor da loita contra os foros e o caciquismo, tamén obreira (lembremos a folga xeral de 1917) e de ascenso das reivindicacións nacionalistas no Estado, que deron lugar á Mancomunidade de Cataluña, aceptada por Eduardo Dato e asinada polo Rei en 1913 (que permitía a unión das competencias das deputacións). E no ámbito exterior hai que lembrar o levantamento de Pascua en Irlanda (24-04-1916) e a Revolución Rusa (6/7-11-1917).

Naquela altura no Estado español governaba García Prieto, por moi pouco tempo, menos dun mes. Foi un máis dunha ringleira de governos efémeros moi condicionados pola Guerra en Marrocos, que estaba sementada de desastres militares, ao que había que sumar o grande descontento social. García Prieto moi ligado a Galiza, está emparentado con Montero Ríos e cae ao intentar aprobar un proxecto de mancomunidades.

Polo tanto o nacemento das Irmandades da Fala e a convocatoria da Primeira Asemblea Nacionalista dáse nun contexto de conflitos e cambios sociais e políticos. Non foi un feito illado ou de iluminados. Tratábase dun paso lóxico tendo en consideración os antecedentes históricos: supresión do Reino de Galiza en 1833; a asemblea federal de Compostela en 1843, na que se debateu unha proposta de Faraldo a prol da independencia de Galiza; a Revolución de 1846; o banquete de Conxo en 1856; a asemblea de Lugo dos republicanos federais en 1887 da que sae un proxecto de Constitución para Galiza; a Asociación Regionalista Gallega en 1890; a Cova Céltica en 1898, Solidaridad Gallega en 1907. Hai unha continuidade, un fío condutor, que comeza nun momento chave da historia europea: coas grandes revolucións nacionais e sociais de metade do século dezanove. 

Sobre a composición social das Irmandades da Fala dinos o historiador Justo G. Beramendi: “O sector máis importante é con moito o dos intelectuais e artistas e dentro del o subsector de profesores de ensinanza media e universidade (...). É tamén considerábel a presenza das restantes profesións liberais, especialmente xornalistas, médicos, notarios e avogados. En terceiro lugar virían os comerciantes, fabricantes, aínda que convén sinalar que a bastante distancia” (Gran Enciclopedia Gallega, 1974). Destaca que chegaran a reunir un máximo de 28 agrupacións locais, e que en 1922 contaban con 500 afiliados dos que 300 corresponderían á Coruña. Este diferencial na afiliación amosa que na Coruña había cando menos métodos de traballo máis acertados (tamén na mensaxe?). A relación  coa conflitividade social darase circunstancialmente co sindicalismo agrario nalgunhas localidades, xa que algúns irmandiños proceden de Solidaridad Gallega, mentres que co movemento obreiro a ligazón será anecdótica. En todo caso A Nosa Terra deixa evidencia da sensibilidade respecto da problemática social.

Á primeira xuntanza nacional das Irmandades faise no hotel Méndez Núñez de Lugo e asisten unhas 60 persoas, a metade delas son da Coruña. As Irmandades están formadas naquel intre por 13 organizacións locais e teñen 700 afiliados. Nese intre a “Igrexa católica dá por perdida a batalla ideolóxica do galeguismo, o que provoca o afastamento de case que todo o sector (...) Na reformulación nacionalista conflúen dúas tendencias ideolóxicas moi dispares. Dunha banda a liberal democrática dominante no grupo promotor, ao que se incorpora Luís Peña Novo (que provén do nacional-catolicismo) e un filo socialista como Xaime Quintanilla (...) Da outra banda, os católico tradicionalistas, que volven a agromar con grande forza grazas a que o ex-jaimista Losada Diéguez asume o nacionalismo e catequiza aos que serán motores do grupo Nós...” (Justo G. Beramendi, O nacionalismo Galego, Edicións A Nosa Terra, 1995). 

A xuntanza de Lugo significa un pulo cualitativo, xa que se artella unha estrutura federativa coas irmandades locais, e un Directorio formado polos presidentes das asociacións. Xorde deste xeito unha organización de ámbito galego, que asume un programa común e un voceiro nacional: A Nosa Terra. Non é un partido porque non rexeita a militancia noutras organizacións políticas e as agrupacións manteñen unha grande autonomía. “Porteiro Garea, neste intre o líder máis salientábel do movemento, preparou a xuntanza xunto a Peña Novo, seu intimo amigo, e a outros moi senlleiros (...) A asemblea de Lugo é o lanzamento político do grupo, xa que nela se sostén que Galiza é unha nación (art.I) á que corresponde, polo tanto, unha autonomía integral (art.2, 1º) que se concretará nun poder galego, que se organiza nas súas liñas xerais (art. 4). Asemade, expóñense diante da opinión pública unha ringleira de cuestións graves que atinxen neses intres ao país, cuestións xurídicas (art. 5), económicas (art. 6) e incuso artísticas (art. 7)”. (Barreiro Fernández, Historia Contemporánea de Galicia, Ediciones Gamma, 1982). 

O Manifesto esixía unha autonomía integral, o ingreso de Galiza na Sociedade de Nacións, e propuña iniciativas para unha federación con Portugal. Pretendía crear un Poder Autónomo, constituído por un Xuntoiro ou Parlamento Galego, elixido por sufraxio universal e representación proporcional, e supresión das deputacións provinciais. O nomeamento dunha Xunta Governadora que tería que exercer o Poder Executivo, composta dun Presidente e seis secretarios. Igualdade de dereitos para a muller. A cooficialidade do castelán e o galego. 

Algunhas das competencias reservadas a Galiza eran as seguintes:

  • Réxime tributario propio, sen intervención do poder central.
  • Lexislación social nas competencias que se estimen non exclusivas do Estado.
  • Toda a potestade docente.
  • Administración (non construción) dos carrís de ferro.
  • Fixación do cupo de forzas que se estimen necesarias pra garantir a orde interna do país.
  • Control da política económica, non excluídos os bancos.
  • Sustentatividades do dereito foral galego.
  • Recuperación por parte do povo dos montes comunais.

 

Estas propostas eran moi avanzadas para o seu tempo. O manifesto será asinado por todos os representantes das Irmandades presentes na xuntanza, aos que se sumaron: “delegacións de 67 sociedades agrarias, así como cinco centros culturais; enviando a súa adhesión cinco federacións agrarias, once cámaras municipais, máis de corenta e nove asociacións e numerosísimas persoalidades da Galiza” (Uxío-Breogán Diéguez; As Irmandades da Fala; Laiovento; 2016). A poucos consúmase a ruptura entre as dúas tendencias, a política representada por Porteiro Garea, Peña Novo, Rodrigo Sanz, e a culturalista de Risco, Otero Predrayo, Carré Aldao. O fracaso nas eleccións de 1918 e a morte súpeta de Porteiro Garea fai que as Irmandades se inclinen deica a opción culturalista. 

A segunda en novembro de 1919 en Compostela; a 3ª en abril de 1921 en Vigo; a 4ª en febreiro de 1922 en Monforte; a 5ª en marzo de 1923 na Coruña; a 6ª en abril de 1930 tamén na Coruña. Na 7ª asemblea de Pontevedra, en decembro de 1931, fundaríase o Partido Galeguista. A paréntese obedece a que entre setembro de 1923 e xaneiro de 1930 o Estado español padece a ditadura de Primo de Rivera. Coa súa caída, e a da Monarquía, ábrese en 1931 o período republicano.

As Irmandades estiveron sometidas tanto a tensións externas como internas. Previamente á 4ª Asemblea Nacionalista prodúcese unha ruptura sobre a concepción do proxecto, nacendo o Partido Nazonalista Galego (Peña Novo, Viqueira), e pouco despois a Irmandade Nazonalista Galega, promovida por Risco. O afastamento faise máis evidente na 5ª asemblea. O historiador X. Ramón Barreiro indica entre as diverxencias, ademais de se primar a actividade cultural ou tamén a política, que: “O programa aprobado en Lugo en 1918 foi ignorado por Risco, dende que había conseguido controlar as Irmandades. Na asemblea da Coruña (1923) Peña Novo sería designado Primeiro Conselleiro do sector arredista das Irmandades, e Risco conselleiro do outro” (Historia de Galicia, volume XVI, Ediciones Gamma, A Coruña, 1982). Tampouco se pode obviar a participación nas eleccións durante a ditadura de Primo de Rivera dun sector das Irmandades (Risco, Losada Diéguez, Villar Ponte). Mais, vendo o verdadeiro perfil do Governo renunciaron aos seus cargos. Sobre a conflitividade interna pódese dicir que no referente ao sistema republicano semella existir unha postura unánime ou moi maioritaria. Mais non é así en temas como: o carácter laico, a relación de Galiza co Estado español, o modelo económico e as clases sociais, a autoorganización e a relación con outros partidos. E especialmente sobre que métodos de traballo son prioritarios en cada momento, por exemplo, se a actividade cultural ou a institucional. Estes temas avivan o debate e mesmo fracturan as Irmandades en máis dunha oportunidade e son reflexo da pluralidade de concepcións da súa afiliación.  

En relación coa valoración que fan as Irmandades sobre o socialismo as opinións son moi diversas e contrapostas. Porén esta alternativa política conta con simpatizantes, como é o caso de Xohán Vicente Viqueira (1886-1924) que tivo un papel destacado nas Irmandades. El ligaba nacionalismo e socialismo: “Dous termos que non se poden contrapor (...) o segundo é probabelmente un aspecto do primeiro. Nacionalismo é irmandade na patria, é sentimento de comunidade ideal, é vontade de vida unánime traballando nun momento da humanidade (...) o fondo de todos os socialismos di que a ninguén lle falte pan dabondo, que todos teñan un fogar baixo a garimosa teitume, que a escola sexa igual para todos, que non haxa fame nin tiranía” (Luís Veiga de Campo; Mestres do Galeguismo; Xohán Vicente Viqueira; Colectividade Galega; Bos Aires, 1969). Consideráselle democrático, republicano, socialista, federal e laico. Chama a atención que se lle teña tan pouco en conta cando se analizan as Irmandades, malia que A Nosa Terra da época lle adicase máis dunha portada; asemade foi elixido primeiro conselleiro na 4ª asemblea. 

Na Asemblea de Lugo e posteriores as Irmandades deron pulo ao agromar dun partido político soberanista, contribuíndo á auto-organización do povo galego. Puxeron os alicerces que permitiron a rápida expansión do Partido Galeguista na década dos trinta, e a rica actividade creativa que desenvolveu en todos os eidos (literatura, historia, Lingüística, etnografía, etc). Ademais, o seu núcleo na Coruña e o Casino Republicano, dirixido por Santiago Casares, fundaron en 1929 a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), que terminaría integrándose en Izquierda Republicana, deixando nun segundo plano a cuestión da soberanía e que tería un importante papel na política do Estado español (tamén Santiago Casares). Eran as contradicións propias dunha organización onde a gravidade da problemática nacional servía de aglutinante. Mais na que as diverxencias de clase e de proxecto social, e sobre a folla de ruta, creaban tensións, que se manifestarían máis unha vez rachando a unidade. Por exemplo, cando o Partido Galeguista opta a partir de 1934 pola alianza con republicanos e socialistas. Esta dá lugar en 1935 á escisión de Dereita Galeguista (Filgueira Valverde, Manuel Beiras, Xosé Mosquera, Vicente Risco). Un afastamento que se agudizaría coa participación do PG na Fronte Popular en 1936.

Tanto as Irmandades da Fala como o Partido Galeguista estiveron influenciados polos procesos de independencia das nacións europeas. E moi especialmente pola loita irlandesa, coa que existiu unha relación histórica. Non eran procesos illados do seu tempo. Daquela a proposta dunha terceira vía, da centralidade do aspecto rural, e poñer en primeiro plano a cultura, o cooperativismo, a loita contra o caciquismo, as comunicacións, como alternativa destacada para o desenvolvemento económico e social, que se fará dende o Partido Galeguista. 

O nacionalismo galego actual ten importantes diferenzas coas Irmandades da Fala e o Partido Galeguista, aínda que estas forzas sexan un antecedente fundamental, que se debe reivindicar. Tampouco se pode esquecer o papel da emigración a América na loita pola defensa dos intereses económicos, sociais e culturais de Galiza, e a creación de escolas, sindicatos, etc. Mais, resulta obvio que o soberanismo galego da nosa época responde a outro momento histórico, e está moi marcado polo auxe da loita da clase traballadora e os movementos de liberación nacional anticoloniais posteriores á Segunda Guerra Mundial, e ten unha matriz marxista. Este foi sen lugar a dúbidas o gran salto cualitativo entre o nacionalismo anterior e posterior á Guerra Civil. Aínda que na conxuntura actual mesmo semella que se poden repetir experiencias coma as de ORGA. Porén, esta é outra reflexión, que coido non está abondo debatida. En calquera caso a historia do nacionalismo, especialmente do último medio século, non está suficientemente analizada e socializada para que sirva como experiencia atractiva e útil para as novas xeracións.

https://obloguedemera.wordpress.com

O autor deste texto foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires entre 1969 e 1972.