domingo 05.07.2020

As contradicións do seguidismo PSOE-UP

Para alén da agresividade dos discursos da dereita, e a repetición teimosa do PSOE-UP das virtudes do Estado de Alerta e da provincia área básica, a falta de apoios do Governo central resultou evidente. Polo que Pedro Sánchez viuse obrigado a sacrificar a proposta inicial dun mes de duración da prorroga para poder contar co apoio de Ciudadanos, que engadido ao do PNV e outros partidos permitiulle sumar 177 votos. Agora ben, para alén desta votación circunstancial, os pactos marcan tendencias preocupantes para a coalizón que atinxen tanto a aprobación dos orzamentos e as políticas económicas e sociais, como a propia governabilidade no futuro. E asemade deixa varado un tema de tanta entidade como é a realidade plurinacional.

Os pacto para aprobar esta nova extensión do Estado de Alerta o Governo preferiu facelo con Ciudadanos e non con ERC, abrindo no inmediato unha fenda no camiño para unha resolución pactada do conflito catalán. Só se manterá esta ruptura até que se realicen as eleccións catalás? O PSOE-UP tamén desbotou acordos co BNG e Compromis, polo que este último optou polo voto negativo. Se cadra foi porque a esa altura o Governo xa tiña garantido os votos de Ciudadanos. Queda a dúbida de se a oferta de Pedro Sánchez a ERC de abrir negociacións no futuro “tendo en conta que a lexislatura é moi longa”, son verbas circunstanciais para non mesturar o debate da pandemia coa problemática catalá ou se existe unha aposta firme polo dialogo. Na práctica, de se manter os pactos con Ciudadanos, malia que sexan conxunturais, toda negociación coa Generalitat sobre o dereito de autodeterminación está bloqueada. Esta é unha situación incomoda para ERC que buscaba a través do dialogo, e da presión social, poder desbloquear a situación política.

Outro dos aspectos a salientar neste pleno Parlamentar é o acordo do PSOE-UP e Bildu para derrogar a reforma laboral

Outro dos aspectos a salientar neste pleno Parlamentar é o acordo do PSOE-UP e Bildu para derrogar a reforma laboral, a fin de conseguir a abstención deste partido soberanista (este compromiso xa o adquirirán co BNG para que este apoiase a investidura en xaneiro). Este pacto con Bildu, malia que o PSOE horas despois o rectificase e dixese que a derrogación só sería dalgúns aspectos, implica darlle normalidade á relación política con esta forza, algo que negan por principio os partidos de dereita. Esta decisión que muda a actitude mantida polo PSOE, o que causou sarabullos en sectores deste partido. Daquela que Bildu fronte á rectificación posterior, que por certo descualifica á portavoz do PSOE no Congreso (Adriana Lastra), destacase os aspectos positivos do pacto, evitando xustificar novas fendas nas relacións cos “socialdemócratas”.

A pregunta que fica no ar respecto do acordo é: implica un cambio conxuntural do PSOE ou é de máis calado? No primeiro caso tería como xustificación evitar que os non fosen máis que os sis na votación. No segundo, trataríase de diminuír a dependencia para formar maiorías no Congreso do independentismo catalán ou de Ciudadanos. Este acordo, malia as matizacións posteriores, dálle folgos a Bildu como forza con capacidade para chegar a pactos e acadar avances favorábeis para Euskadi e a clase traballadora, en plena pre-campaña para as eleccións do 12 de xullo, o que cuestiona ao PNV como a única forza capaz de cumprir este papel. Lembremos que o PSOE forma parte da coligazón de governo no País Vasco.

Implicará condicións non escritas por parte da UE para conceder transferencias para o sistema sanitario e reconstruír a economía?

A transcendencia do pacto con Bildu, respecto da reforma laboral, xa que abrangue outros temas, deixa en evidencia que a súa derrogación, mesmo parcial, non é algo que o PSOE estea disposto a facer nesta conxuntura, e utiliza a escusa da prioridade da pandemia, e da mesa aberta coas “organizacións sociais” (CEOE, CEPYME, CCOO e UGT), así como a falta de apoios no Parlamento para deixar pasar o tempo. Asemade, puxo en primeiro plano a división interna do PSOE sobre este tema, ou cando menos a falta de sintonía, e que Nadia Calviño e outros ministros son moi sensíbeis aos intereses da patronal e da UE. Tamén implicará condicións non escritas por parte da UE para conceder transferencias para o sistema sanitario e reconstruír a economía? Non se debería desbotar este suposto tendo en conta os antecedentes da UE e o súpeto cambio de Merkel.

Neste tema a postura da CEOE era de esperar, xa que a súa opción sempre foi frear a derrogación, ou facer pequenas concesións que serían pagadas con novos retrocesos no ámbito laboral e axudas no fiscal. Mais, o que realmente chama a atención é actitude belixerante de CCOO e UGT. Reaxeron como o neno pequeno ao que lle quitan o xoguete, cando o pacto de Bildu suma apoios á derrogación da reforma laboral, que seica é un dos obxectivos destes sindicatos. A menos que este non sexa o obxectivo central, senón que estea subordinado a manter o papel de intermediarios privilexiados, e que esperen que os resultados finais non sexan máis que unha derrogación parcial, que se pretenda vender como o máximo conquistábel, despois de realizar algunha mobilización para xustificar que se fixeron todos os esforzos posíbeis. Só así se entende a virulencia da resposta de CCOO e UGT contra o pacto, e a moderación coa que trataron o abandono da CEOE da mesa de negociación. En fin, todo estaba montado para un novo pacto social.

Quérese que os custes sexan pagados esencialmente polas clases populares (para alén da demagoxia na mensaxe)

A contestación ao Governo respecto da “desescalada” é especialmente agresiva por parte da oposición dereita, e aínda que utilice como escusa o tema sanitario no discurso, en realidade súa postura responde no esencial a cuestións identitarias e económicas, e a conquistar por calquera medio o poder (o que amosa a actitude dos poderes facticos). Daquela seu rexeitamento frontal, tamén por unha parte da “esquerda”, a recoñecer a plurinacionalidade do Estado español e a pretender perpetuar o modelo neoliberal, mesmo que xa estea totalmente esgotado. Quérese que os custes sexan pagados esencialmente polas clases populares (para alén da demagoxia na mensaxe). Moi distinta é oposición do soberanismo, que non cuestiona a urxencia sanitaria, senón que denuncia e esixe rectificacións a un Governo “progresista” que usurpou competencias das autonomías, que ignora as diferentes realidades de hábitat, economía e comportamentos sociais. Un Governo que secuestrou “por urxencia” dereitos democráticos esenciais, e non puxo os mecanismos necesarios para evitar despedimentos e atropelos laborais nas empresas activas, etc.

A oposición foi engordando sobre unha pandemia que agravou as eivas latentes dende hai tempo na economía, emprego e ecoloxía, malia que a dereita foi a que fortaleceu esta tendencia destrutiva. Foi así porque a coligazón PSOE-UP carece dun proxecto de lexislatura e de alianzas claro (tal como se olla en política exterior respecto da postura fronte a Venezuela), e mantén unha enorme dependencia das decisións de Bruxelas e do gran capital español (é dos poucos governos que vai cubrir débedas sen falar de nacionalizacións). Daquela que medren as debilidades e contradicións do discurso e das alianzas. O PSOE, como outros partidos, peca de tacticismo, escudándose no virus, nunha etapa na que para saír da crise ao mesmo tempo que se detén a pandemia fai falla anunciar cambios radicais e ampliar as complicidades.

https://obloguedemera.wordpress.com/

As contradicións do seguidismo PSOE-UP