Opinión

Arxentina, porque recúa o kirchnerismo

Estiven hai poucos días, durante dúas semanas na Arxentina (tamén fixen unha rápida visita ao Uruguai), tempo no que procurei coller de novo o pulso social e político dun país no que morei durante dúas décadas, e militei na colectividade galega así como nunha forza da esquerda arxentina. Todo fai pensar que, para alén do que diga o Goberno, hai un recuar na forza electoral do kirchnerismo, como amosaron as primarias hai uns meses, e indican as enquisas posteriores. 

Estiven hai poucos días, durante dúas semanas na Arxentina (tamén fixen unha rápida visita ao Uruguai), tempo no que procurei coller de novo o pulso social e político dun país no que morei durante dúas décadas, e militei na colectividade galega así como nunha forza da esquerda arxentina. Todo fai pensar que, para alén do que diga o Goberno, hai un recuar na forza electoral do kirchnerismo, como amosaron as primarias hai uns meses, e indican as enquisas posteriores. E isto sucede, malia o éxito que significa o medre do PIB e do emprego nunha conxuntura de crise mundial, porque a inflación real trágase as melloras salariais e a inseguridade atemoriza a clase traballadora e a pequena burguesía. Non se pode ignorar que as importantes axudas públicas  diminuiron a pobreza e a indixencia, mais non permitiron superar a exclusión e a dependencia nos sectores sociais marxinados polo capitalismo. Os atrancos veñen da globalización neoliberal e a presión dos vellos grupos de poder hexemónicos, que exercen ese papel historicamente e con eficacia, mais tamén pola falta de vontade do kirchnerismo de facer cambios sistémicos. 

"Existindo vontade por parte do Goberno de Cristina Fernández de Kirchner (CFK) de atender os sectores máis desposuídos, estes avanzan como as tartarugas mentres que as clases dominantes fano como gacelas"

Na Arxentina mellorou o reparto, é algo evidente, mais non se mudaron os alicerces dun sistema que nesta fase está a acelerar como nunca a centralización e concentración da riqueza. Neste contexto, mesmo existindo vontade por parte do Goberno de Cristina Fernández de Kirchner (CFK) de atender os sectores máis desposuídos, estes avanzan como as tartarugas mentres que as clases dominantes fano como gacelas. Hai economistas que afirman que o problema de fondo do kirchnerismo é que se trabuca cando quere dar pulo a unha burguesía nacional, en alianza coas clases populares, xa que ficamos nun estadio de desenvolvemento do imperialismo onde esta andaina é practicamente imposíbel para un país das dimensións da Arxentina. Son os límites que impón a globalización e a hexemonía do capitalismo especulativo e mesmo delitivo no eido internacional. Mesmo hai analistas que cuestionan que existan condicións no Brasil, malia as súas dimensións e potencia económica. 

Diante deste panorama, resulta lóxico que o economista (crítico) Julio Gambina afirme que, para conseguir a xustiza social, non abonda con distribuír (unha parte da renda) senón que cómpre mudar o modelo produtivo. O PIB do país creceu na última década (un 9,2% en 2010, o 8,9% en 2011, o 1,9% en 2012, e para este ano calcúlase un medre do 3,5%) e creouse emprego, deixando atrás a grave crise de principios de século. Mais os salarios son baixos e, como xa dixen, a inflación é moi alta. A economía susténtase na exportación de soia, na megaminaría, no fracking nas novas zonas de produción de petróleo e gas (como Vaca Muerta), e en sectores da transformación industrial moi reducidos, como a montaxe de automóbeis. A megaminaría e o fracking teñen unha forte oposición social nas zonas afectadas, en varios casos poboadas por pobos orixinarios. 

"Arxentina segue sendo moi sensíbel a unha queda do comercio exterior se non aumenta a capacidade de consumo interno e diversifica máis a produción". 

E, aínda que se diversificaron os países receptores das exportacións (diminuindo o papel dos Estados Unidos e a Unión Europea), a Arxentina segue sendo moi sensíbel a unha queda do comercio exterior se non aumenta a capacidade de consumo interno e diversifica máis a produción. Asemade, a débeda externa atinxe hoxe os 200 mil millóns de dólares, e malia as dúas quitas realizadas (en 2005 e 2010), e o pago anticipado dunha boa parte, segue sendo un cancro que non deixa de medrar, tal como asegura Julio Gambina no seu blog ( http://juliogambina.blogspot.com.es/ ). O cambio no mercado paralelo do peso (a unha cotización moito máis baixa que a oficial) e o pago da débeda externa, erosionan a reserva de divisas e colocaron en números vermellos nos últimos anos o orzamento nacional (CFK fixo deste tema, e dos “fondos  abutre” parte da súa intervención na 68º Asemblea Xeral das Nacións Unidas, o que amosa a súa relevancia). 

O economista e deputado por Unidad Popular, Claudio Lozano, definía a situación nunha entrevista: “O proceso de recuperación social estancouse. As solucións non aparecen. De feito, boa parte dos problemas de sempre voltan estar connosco. Non houbo cambio estrutural algún. Estamos discutindo novamente o tema da débeda a partir do fallo do xuíz Griesa. Arxentina pagou débeda de xeito sistemático, e pese a isto os niveis de endebedamento están na mesma porcentaxe que no ano 97/98 previa a crise da convertibilidade. E ingresamos nun novo ciclo de endebedamento (...) O mesmo pasa co tema da puxa distributiva coa inflación, que hoxe está sen resolver (...). Hai un esgotamento do ciclo político e social do kirchnerismo. E ao mesmo tempo, porque a súa base estrutural, o PJ, é un atranco para avanzar no proceso de cambio”. ( http://www.marcha.org.ar/1/index.php/nacionales/119-entrevistas/3573-elecciones-2013-claudio-lozano ).

"No lado positivo do kirchnerismo cómpre destacar: que se desenterraran e xulguen os crimes da ditadura; a política exterior, especialmente en relación coa integración latinoamericana e co ALBA; e a “asignación universal”

Outro aspecto que amosa as eivas do kirchnerismo, é que non se suprimiron os condicionantes legais para a presentación nos procesos electorais de candidaturas, o que forza a todo tipo de coalicións, mesmo entre partidos distintos segundo o ámbito. Son atrancos que favorecen o peronismo, radicalismo e outros partidos constituídos no pasado, polo que son refractarios a mudar a lexislación. Aínda máis grave é a situación no eido sindical, onde centrais como a CTA carecen de pleno recoñecemento legal nalgúns ámbitos, o que fixa límites para a representación,  a negociación colectiva e o desconto en nómina das cotizacións sindicais. A favorecida é a CGT, e o Goberno non impulsou cambios malia que haxa sentencias xudiciais en contra e non se cumpran os acordos da OIT. No lado positivo do kirchnerismo cómpre destacar: que se desenterraran e xulguen os crimes da ditadura; a política exterior, especialmente en relación coa integración latinoamericana e co ALBA; e a “asignación universal”, unha achega aos fogares en situación de estrema pobreza; os avances en materia sanitaria e que se recuperaron as pensións privatizadas (recuperando así parte do proceso de apropiación realizado durante o menemismo). 

As enquisas previas ás eleccións do 27 de outubro indican que é moi difícil que CFK sexa capaz de manter a maioría no Congreso (as cámaras se renovan á metade), polo que o kircherismo pode ter atrancos para desenvolver as súas políticas e ten ate as presidenciais de 2015 para facer axustes de liña e ampliar alianzas, se non quere perder o Goberno. O afastamento do sector de Moyano da central sindical CGT (tradicionalmente oficialista), e o apoio da patronal Unión Industrial Arxentina ao candidato opositor Sergio Massa, restáronlle moitos votos respecto de anteriores procesos. Esta tendencia é especialmente forte na área metropolitana de Bos Aires e nalgunhas provincias do interior, que son bastións tradicionais do peronismo. 

Lembremos que se lle chama peronismo orgánico aos militantes do Partido Justicialista. Hoxe no seu interior existen moitas tendencias que van dende as máis neoliberais e da estrema dereita, ate outras que propoñen o socialismo e o poder popular. CFK encabeza varias tendencias moi diversas no ideolóxico, que se presentan nas eleccións coa sigla de “Frente para la Victoria”. O peronismo ten como principal signo de identidade o nacionalismo. A soberanía era central para rachar a dependencia do Reino Unido na década dos corenta do século pasado. Perón propuxo para conseguir este obxectivo unha alianza entre a burguesía nacional e a clase obreira, favorecendo no seu primeiro goberno a organización sindical e os dereitos laborais. Era o que  chamou a “terceira vía”: nen capitalismo nen comunismo, peronismo. Con Menem produciuse unha viraxe do peronismo ao neoliberalismo, e o kirchnerismo pretendeu recuperar as bandeiras orixinais, todo amosa que sen moito éxito. Lembremos que o peronismo coincide cos procesos de liberación das colonias, un forte movemento obreiro no mundo, e o avance dos gobernos socialistas ou de orientación nacionalista e popular. Na América Latina temos como exemplos a Lázaro Cárdenas en México (1934-1940), Getúlio Vargas en Brasil (1930-1945 e 1950-1954). 

"A continuidade do kirchnerismo como tendencia hexemónica do peronismo orgánico (o Partido Justicialista), xa que CFK non se pode apresentar a un novo mandato, non é doada, quédanlle dúas únicas vías posíbeis, non exentas de atrancos". 

A continuidade do kirchnerismo como tendencia hexemónica do peronismo orgánico (o Partido Justicialista), xa que CFK non se pode apresentar a un novo mandato, non é doada, quédanlle dúas únicas vías posíbeis, non exentas de atrancos. Pode conseguir apoios de Massa, ofrecéndolle a presidencia, xa que, como ela, é peronista. Aínda que iso implicaría unha viraxe a dereita e afastarse das alianzas cos países do ALBA. Lembremos que as listas peronistas acadaron nos últimos procesos electorais un 80% dos votos. Non sería a primeira vez que, para alén da belixerancia do momento, o peronismo se reunifica con novos actores para manter unha ampla hexemonía política. Entre os atrancos están os anceios daqueles que dentro do kirchnerismo optan a encabezar a candidatura  desta coalición para a presidencia en 2015. Dos que se destaca, Daniel Scioli, actual gobernador da provincia de Bos Aires (a máis poboada, industrial, e poderosa do país), Amado Boudou, que exerce a vicepresidencia da república, e mesmo de Martín Insaurralde, candidato nestas eleccións pola provincia de Bos Aires.

A outra vía para evitar a desfeita do kirchnerismo sería a de conseguir apoios na marxe esquerda, por exemplo: da Unidade Popular, e das forzas de Hermes Binner, Pino Solana, etc. Claro que isto non é doado, porque en moitos casos son partidos que manifestaron durante toda a etapa dos gobernos kirchneristas a súa oposición ao modelo económico e social que impuxo, e especialmente aos métodos clientelistas do seu traballo político. Polo que esta recomposición só sería posíbel coa cesión de poder e políticas que apuntaran a un cambio de modelo produtivo e de reparto, na liña de Ecuador, Bolivia, Venezuela, etc. Non penso que este sexa o camiño que escolla o kircherismo, tan preocupado sempre de facer agromar unha “burguesía nacional”,  e con tendencias neoliberais tan fortes no seu interior.

"En calquera caso os acontecementos políticos na Arxentina poden cambiar moi rapidamente, aparecer novas alianzas e rachar outras, mudando radicalmente o panorama político sen variar os alicerces do sistema"

En calquera caso os acontecementos políticos na Arxentina poden cambiar moi rapidamente, aparecer novas alianzas e rachar outras, mudando radicalmente o panorama político sen variar os alicerces do sistema, tal como xa se produciu nas últimas décadas. Non sería polo tanto estraño que tanto se puidese recompoñer o kirchnerismo, como que, a maioría do peronismo orgánico, incluídos moitos dos que apoian a CFK, se incorporen en pouco tempo ás filas de Massa ou dun novo líder. Diante dun escenario deste tipo ¿que farán as correntes de esquerda do kirchnerismo? Manterán a unidade orgánica?... Confluirán con outras forzas antisistémicas?...

Calquera que sexan os reaxustes que se produzan nas forzas sistémicas, o acontecido deixa unha importante ensinanza, tanto sobre os límites do kirchnerismo e proxectos semellantes noutros países, como sobre as consecuencias para as alternativas de esquerda que se incorporaron a esta andaina. Aínda que foi a súa principal finalidade, estas forzas antisistémicas non foron quen de empurrar o kirchenrismo a tomar decisións que mudaran o modelo produtivo (para evitar que reproduza a desigualdade). Polo tanto sairán deste proceso pagando os custes da derrota e, ademais, sen acrecentar sensibelmente a acumulación de forzas propias. Son tamén as grandes derrotadas. Non menores son os problemas aos que se deberá enfrontar a oposición de esquerda, que confrontou co kirchnerismo durante esta etapa, máxime despois da deriva de Binner e Pino Solanas, mais este sería tema para outro artigo.

http://manuelmera.blogaliza.org/