Opinión

Arxentina, un país polarizado... pola loita de clases

O 29 de abril, ao fío do Primeiro de Maio, as centrais sindicais arxentinas chamaron a unha manifestación masiva en Bos Aires, á que asistiron unhas 300 mil persoas. A finalidade foi amosar o apoio a un texto lexislativo que pretende frear a enxurrada de despedimentos (a chamada dobre indemnización), unha iniciativa parlamentar que o presidente Macri anunciou que vetará. Outra das reivindicacións centrais era a esixencia de medidas contra a perda do poder adquisitivo dos salarios. Nos primeiros tres meses a administración pública e as empresas privadas despediron máis de 140.000 persoas, o que sementou nunha boa parte da clase traballadora o temor a perder o emprego, polo rápido deterioro da economía. A mobilización contra unha situación que as centrais caracterizan como de “emerxencia social” contou coa participación de dúas das pólas da CGT, xa que o sector de Barrionuevo descolgouse un día antes, e das dúas CTA, tanto a dirixida por Pablo Micheli como a de Hugo Yasky. 

Unha unidade sindical tan ampla contra o Governo é un cambio cualitativo que, de se consolidar, pode atrancar moitos dos axustes regresivos que está a realizar a dereita, e impedir outros novos, así como dar pulo ás diverxencias entre Cambiemos e os seus socios. Entre estes, os que máis contradicións teñen son os radicais. Tamén se lle fará máis complexo á Fronte Progresista de Massa apoiar as iniciativas económicas de Macri; considéraselle “peronista” aínda que sexa adversario do kirchnerismo. Outro aspecto importante, que abre unha primeira fenda na estratexia da dereita, é que as pequenas e medianas empresas fixeran a súa propia proposta de “plano de resgate para as pemes”, evitando sumarse ao rexeitamento frontal da gran patronal e dos medios de masas que controla ás medidas anti-despedimento (arroupando a Macri); este sector do empresariado recoñece polo tanto explicitamente a gravidade da situación económica e laboral. 

Unha unidade sindical tan ampla contra o Governo é un cambio cualitativo que, de se consolidar, pode atrancar moitos dos axustes regresivos

No breve espazo de tempo transcorrido desde a asunción da presidencia por Macri, malia que gañou por unha diferenza mínima, puxo axiña en práctica unha ringleira de medidas de axuste de corte neoliberal. Díxose na campaña electoral que os seus exemplos eran Aznar e Uribe, e está a demostralo. O novo governo empregou o argumento de que urxía recuperar a credibilidade diante dos mercados internacionais (volver ao cortello de Washington), aumentar a competitividade e equilibrar os orzamentos evitando gastos innecesarios, “clientelistas” (en 2015 o déficit era do 4,2% do PIB, menor que o do Estado español). O pagamento aos fundos voitres (uns dez mil millóns de dólares) foi a demostración práctica da volta ao  rego norteamericano, e a visita de Obama á Arxentina a súa escenificación política. Tomáronse medidas aplicadas nalgúns casos mediante decreto, e noutros negociando con fraccións do peronismo dispostas a ceder para acadar beneficios para as súas provincias, máis cotas de poder, ou sinxelamente porque coinciden coas propostas do Governo. Neste escenario, a unidade sindical é un freo para que Macri manteña estas alianzas, como xa se comprobou no Senado, onde se aprobou o texto anti-despedimentos, a diferenza do Congreso. 

Ao aumento das tarifas da electricidade, auga, transporte, carburantes, etc. engádese o dos prezos dos produtos básicos, xa que a inflación se desbocou, ao que contribúe asemade a desvalorización do peso. Calcúlase que a final de ano, a inflación será dun 40-60% (só nestes últimos catro meses creceu o 20%, malia que se manteñen os prezos “condicionados” de produtos básicos, aínda que con escaso seguimento). O governo pretende  reducir esta cifra atrancando o aumento dos salarios e condicionando os resultados das paritarias (negociación colectiva). Ou sexa, procurando que a clase traballadora asuma todos os custes do axuste. Nunha primeira confrontación, os paros e protestas nas rúas de mestres e bancarios conseguiron rachar estes límites, aínda que os acordos son por períodos moi curtos  (unha das posturas máis belixerantes contra os sindicatos foi a do Banco Santander). A nova rolda de negociacións estará condicionada pola evolución da inflación no que resta de ano, pola mobilización laboral e a situación política. As medidas regresivas fixeron que a pobreza e a indixencia, só no mes de abril, aumentasen nun 7,8% e 2,7% respectivamente. Segundo a Universidade Católica, a pobreza medrou en 1.400.000 persoas de xaneiro a marzo de 2016 (sobre unha povoación total estimada en 43 millóns de habitantes).

Ao aumento das tarifas da electricidade, auga, transporte, carburantes, etc. engádese o dos prezos dos produtos básicos

Nunha viaxe que fixen á Arxentina hai dúas semanas, o primeiro día que pasei en Bos Aires (21 de abril),  coincidín cunha manifestación dos bancarios, moi preto da Praza de Maio (ou sexa, da Casa Rosada). Era unha marcha masiva, un indicio do malestar social existente, e que constataría despois falando coa xente e con dirixentes sindicais. O custe da vida encareceuse, mesmo para un viaxeiro europeo, especialmente a restauración e o transporte de longo percorrido (non así o metro). A canastra básica alimentar aumentou un 14,9% nos primeiros catro meses. Coma contrapeso, tanto os xornais como a televisión dedican unha boa parte do tempo ao debate partidario, arroupando a maioría deles as posturas do governo, dándolle mais importancia á opinión que á información, sacrificando calquera obxectividade (unha especie de Sexta, porén máis esaxerada, e multiplicada por dez en número). 

O certo é que ate a mobilización do 29 de abril, a iniciativa estivo en todo momento do lado de Macri, tanto no axuste regresivo, como na loita das ideas, contando coa colaboración da patronal, dos principais medios de comunicación e de sectores do poder xudicial. Por unha banda, mediante unha campaña na que asimila o anterior governo coa corrupción (colocando no albo a Cristina Fernández de Kirchner, familiares e outros ex-membros do governo e partido), agochando ou caneando a relación de Macri e outros membros do executivo cos papeis de Panamá e o “dólar futuro”. Aproveitando a xudicialización da política para xerar un estado de ánimo de excepcionalidade e esixir sacrificios para recuperar a economía e xerar emprego, co argumento de que o país estaba próximo ao precipicio. Axuda nesta estratexia da dereita, que polariza a confrontación entre  Cambiemos e a Fronte pola Vitoria (FpV-Partido Justicialista), o feito de que a esquerda careza de alternativas propias fortes. Está moi fraccionada, e o FIP semella que chegou ao seu tope.  

O certo é que ate a mobilización do 29 de abril, a iniciativa estivo en todo momento do lado de Macri, tanto no axuste regresivo, como na loita das ideas

Todo indica que o poder xudicial forma parte maioritariamente desta estratexia, na onda pro-imperialista, con filtracións interesadas e actuacións públicas que teñen unha clara intencionalidade política. O que contribúe a polarizar o país, sen aportar argumentos para clarificar as responsabilidades. Estase a sementar o odio nuns e sinalando como indesexábeis a outros, cunha parte importante da chamada clase media facendo de bisagra. Este segmento foi o que deu o governo a Macri, din os analistas que máis por oposición ao kirchnerismo que por compartir proxecto. Dise que o kirchnerismo conta cun 30% de apoio, Macri cun 25%, e o resto está fragmentado politicamente ou carece de postura definida. Neste aspecto, o único cambio perceptíbel é que unha parte dos que apoiou a Macri non compartindo proxecto, afastouse del porque non esperaba medidas tan regresivas. As enquisas dánlle xa un retroceso importante, que pode ser decisivo se a tendencia se mantén; cando asumiu tiña un apoio do 63,9% e en marzo do 53,5%, cunha desaprobación do 44,2%. 

Sen dúbida Cambiemos confía en que as medidas tomadas recuperen a economía e o emprego, especialmente pola entrada de investimentos exteriores e o medre das exportacións, e así o aseguran decote; isto permitiríalle consolidarse no Governo. Para alentar a economía, Macri acaba de anunciar un plan de infraestruturas millonario, así como a construción dun millón de vivendas sociais nos vindeiros catro anos, e a rebaixa de cotizacións para os novos contratos á mocidade (entre 18 e 24 anos). Sobre este último aspecto, os sindicatos destacan que vai reducir os ingresos do ANSES (a Seguridade Social). Mais, estes planos non son críbeis, xa que implican un investimento público para o cal o Executivo non ten medios, e non hai ren que indique que os investimentos exteriores vaian acudir masivamente e que as exportacións podan medrar, xa que Brasil e China, socios comerciais esenciais, están pasando un momento delicado.

Cambiemos confía en que as medidas tomadas recuperen a economía e o emprego, especialmente pola entrada de investimentos exteriores e o medre das exportacións 

Semella polo tanto que estes anuncios de grandes obras son pura propaganda, para alentar o consumo interno e o investimento exterior con espellismos, e gañar tempo. A menos que privatice o ANSES, volvendo á situación anterior ao Governo de Cristina Fernández, e converter as pensións nun negocio corporativo. Cómpre lembrar que a nacionalización foi consecuencia de que non se garantían as contías comprometidas. Se fose así, sacrificaríase os pensionistas usando os seus recursos para realizar parte destas obras, aumentando a pobreza, sen garantía de que estas infraestruturas (por máis necesarias que sexan) desenvolvan a economía a medio prazo. O governo de Macri tamén pode empregar o sobrante dos 16 mil millóns de dólares obtidos no mercado internacional (aumentando a débeda pública un 50%) para pagar a chantaxe dos fondos voitres; tería a súa disposición uns 2.500 millóns que son claramente insuficientes. Neste intre, o governo arxentino está satisfeito porque acadou unha oferta que superou en catro veces os bonos que colocou no mercado, mais cómpre salientar que o tipo de xuro é do 7,2%. As obrigacións a 30 anos no Estado español están no 2,7%, un diferencial moi grande que converten a débeda arxentina nunha lousa para o desenvolvemento. Calquera destas apostas, ademais das graves consecuencias sociais, será pan para hoxe e fame para mañá, hipotecarían o futuro.

A historia reflicte tanto o fracaso dos seguidores das políticas neoliberais, como daqueles que na periferia procuraron reformar o capitalismo

A historia reflicte tanto o fracaso dos seguidores das políticas neoliberais, como daqueles que na periferia procuraron reformar o capitalismo, limitando o cambio a atender algunhas situacións de marxinalidade, cunha finalidade clientelista, e procurar unha presión e distribución fiscal máis xusta. En ambos os casos, aínda que con consecuencias distintas para a maioría social, non se mudou a matriz da explotación e da dependencia, polo que a historia escríbena as clases dominantes e as grandes potencias. E neste intre concreto, nada fai pensar que a Arxentina sexa unha peza esencial, que poda impoñer condicións, a nivel internacional, sen rachar coa subordinación ao imperialismo e realizar, cando menos, algúns cambios sistémicos. Mais estas eivas e contradicións non significan que Macri non será quen de completar o mandato, xa que para botalo é necesario que a contestación laboral e social se manteña, erosione as “clases medias” que o apoiaron, e xurda unha alternativa popular que supere o kirchnerismo. Malia que son tarefas pouco doadas de cumprir, non se pode desbotar que, totalmente ou en parte, terminen por se facer realidade. A historia escrébese todos os días e existen as condicións obxectivas para un cambio radical.

http://manuelmera.blogaliza.org/