Opinión

Arxentina, lei de aborto, un dereito e un símbolo

Que a Arxentina se incorpore aos países nos que está legalizado o aborto, e que este teña cobertura da sanidade pública, recupera para as mulleres o dereito a ser plenamente donas do seu corpo. Así debería ser en todo o mundo, sen excepcións. Sen dúbida é un avance importante na rexión, onde son moi poucos os países onde se goza deste dereito, dado o inmensa influencia social e política das organizacións relixiosas, que fan da natalidade unha das súas bandeiras, á marxe da vontade da muller afectada. Pechando os ollos diante dos abortos clandestinos, moitos consecuencia das violacións, e que poñen en perigo a vida das mulleres, ou dos nacementos non desexados forzados pola familia ou entidades relixiosas. Daquela que levase tantos anos, con mobilizacións masivas, e que se debatese varias veces no Congreso arxentino, até conseguir a aprobación.

Isto vai en serio, que valor ten esta compañeira! Hai miles de historias como esta

Unha boa noticia, malia a pandemia e a crise que leva aparellada, atinxindo de cheo aos países máis débiles e ás clases subalternas. Todo o que pasa na Arxentina sígoo de preto, ali vivín 20 anos da miña vida, alí vive aínda a miña nai e miña irmá, unha boa parte da familia do meu pai, e sobre todo hai sete décadas alí chegabamos emigrantes galegos e galegas a moreas. Malia que comecei miña actividade política alén mar no nacionalismo galego, pouco despois comecei a colaborar coa organización estudantil TUPAC, primeiro na Universidade en Enxeñería e logo en Socioloxía, nesta última fun delegado estudantil, integrándome nesta etapa en Vanguardia Comunista. 

Foi unha decisión que implicaba un maior compromiso con Galiza e coa Arxentina. Eran anos de ditadura militar, de guerrilla, de revoltas obreiras e populares, de mobilización estudantil. Perante a militancia en TUPAC e VC participei na loita clandestina con compañeiros e compañeiras, e nunca vin que elas tivesen un trato distinto polo seu xénero, facían as mesma tarefas sofrían idénticos perigos. No país dábanse acotío actitudes machistas, que as forzas da esquerda revolucionaria combatían e ademais a represión da ditadura non distinguida entre mulleres e homes, era igual de brutal. Unha represión que anos despois, cando eu xa tiña retornado a Galiza, converteuse nun xenocidio, entre os mortos e desaparecidos había compañeiros/as cos que tivera relación. 

Quero lembrar un feito, porque amosa o comportamento respecto da situación de xénero na esquerda revolucionaria naquel intre. Foi un acto feito nun lugar da Capital Federal no que se despedía a Eva que ía facer traballo político na zona azucreira da provincia de Salta (1.500 quilómetros), e ao final entregáronlle unha pistola como regalo, como autodefensa. Eu, daquela só un colaborador de TUPAC e simpatizante de VC, pensei: isto vai en serio, que valor ten esta compañeira! Hai miles de historias como esta, polo tanto, malia o xenocidio dos militares, das 30.000 persoas mortas e desaparecidas, a loita a prol da liberación nacional e social volveu a xurdir e gañar espazos despois da ditadura, cobrando urxencia a xustiza social, a igualdade de xénero, a soberanía nacional, os dereitos democráticos, a protección dos ecosistemas...

A Arxentina vive hoxe unha conxuntura complexa, sen ditadura militar mais cos poderes fácticos disputando o poder cun Governo progresista. Un contexto regresivo por mor da pandemia que agravou a situación económica, restando medios ao Governo para resgatar ao 40% de familias que hai debaixo da pobreza, que deixou o macrismo coas súas medidas neoliberais e de dependencia do imperialismo. Se a isto sumamos a debilidade dunha economía moi dependente da actividade primaria e de limitados sectores industriais, así como un país hipotecado e sometido á especulación monetaria do dólar, comprenderase as dificultades que enfronta a alianza de partidos de esquerda e progresista que apoia a Alberto Fernández. Neste contexto, malia que a Frente para Todos deixou liberdade de voto, que saíse adiante a lei do aborto, ademais da importancia social e democrática na loita a prol da igualdade, ten un gran valor simbólico para o Governo de Alberto Fernández: o de que é posíbel avanzar en todo o relativo aos dereitos sociais, laborais e de participación popular. A lei do aborto: reforza a conciencia colectiva, alenta o estado de animo, marca unha folla de ruta. 

https://obloguedemera.wordpress.com/