Opinión

Arxentina, default, medidas urxentes e concertación

As primeiras medidas que tomou o Governo de Alberto Fernández, despois da investidura, puxeron o acento en atender as situacións de urxencia social máis estremas. Unha tarefa que non doada, dado que o ex-presidente Mauricio Macri deixa un país carente de recursos, en default. No primeiro semestre de 2020 vecen pagos por 45 mil millóns de dólares, mentres que a débeda total atinxe os 310 mil millóns, un 80% en moeda estranxeira, e ademais o 60% vence nos vindeiros catro anos.

Macri deixa unha República cun 36,5% da povoación por debaixo da liña de pobreza

Trátase dunha débeda impagábel, que hipoteca o funcionamento da nación, polo que as políticas económicas dependeran en boa medida das negociacións coas entidades prestamistas, especialmente cos fundos risco (voitres) e o FMI. Porén, o capitalismo especulativo sabe que os tempos non están para aforcar á economía da Arxentina, tendo en conta o panorama na rexión e no mundo. Aínda así, este tema seguirá latente durante todo o mandato, como un mecanismo de presión contra o “Frente de Todos”. Daquela que economistas de esquerda como Eduardo Lucita consideren que a posíbel suspensión de pagos durante uns anos, a eliminación dunha parte, a redución de xuros e alargamento de prazos, son unha necesidade que debería servir de oportunidade para auditar a débeda. Tería que ser así, dado a falta de lexitimidade da maioría dos prestamos (https://www.rebelion.org/noticia.php?id=263908).

Lembremos que Macri deixa unha República cun 36,5% da povoación por debaixo da liña de pobreza, perdéronse 144 mil postos de traballo dende 2015, a caída do salario real no seu mandato foi do 20%, e só o 44,1% dos/as asalariados ten plenos dereitos laborais. Neste contexto resulta lóxico que o Governo de Fernández optase por tomar medidas de urxencia no ámbito social e laboral, coas que espera poñer as bases para que os sectores máis marxinados saian do lameiro a que os levaron as políticas neoliberais da dereita.

A primeira medida foi debatida como proxecto Lei de “Solidariedade social, reactivación produtiva na emerxencia pública” e aprobada en ambas cámaras do Congreso. Esta Lei reduce ou conxela os prezos de produtos e servizos esenciais, mellora as prestacións públicas, como as pensións máis baixas, limita e grava a merca de dólares, sube as taxas sobre as exportacións agrarias, etc. Non foi un debate doado, xa que o macrismo conta cunha importante presenza no Congreso, mais o Governo foi quen de aumentar apoios para alén do seu bloque. Lembremos que Macri acadou un 41% dos votos en segunda votación, fronte ao 48% de Fernández, polo que non se lle pode considerar unha figura amortizada, malia que a súa xestión presidencial fose un desastre.

A aprobación no Congreso desta “Lei de Solidaridad Social” foi un bo comezo para Alberto Fernández e a ampla e complexa alianza de esquerdas sobre a que se apoia. Lembremos que o “Frente de Todos” está integrado por máis dunha ducia de partidos, que van dende o peronismo e kircherismo, que son os máis fortes, até aqueles que representan opcións socialistas, comunistas, iregoyenistas ou feministas. Tamén houbo criticas dende partidos e sindicatos de esquerda, que cuestionan que se conxelen os aumentos ás pensións medias e altas por seis meses, e se utilicen estes recursos para as situacións de emerxencia. Entenden que os novos ingresos deberían vir exclusivamente das empresas e persoas con altos recursos. Será só unha medida de urxencia?

Trátase da constitución dun Consello Económico e Social para pactar a “concertación social”, 

A segunda medida seica é unha aposta persoal de Fernández para dar pulo á reactivación económica e á creación de emprego. Trátase da constitución dun Consello Económico e Social para pactar a “concertación social”, para a que xa se realizaron contactos previos. Tería como finalidade conseguir un pacto entre as centrais sindicais e a patronal en materia de relacións laborais. Sería unha estrutura permanente, cun carácter institucional, polo que se terá que lexislar sobre a súa composición e obxectivos; aínda que iso non implica que non se realicen xuntanzas mentres no se lexisle, se as partes se recoñecen.

O economista Julio Gambina relaciona esta proposta do Governo coa urxencia do momento: “Coa pobreza próxima ao 40%; a metade da povoación traballadora con problemas de emprego ou ingresos salariais diminuídos, e xubiladas e xubilados (...) son parte dunha multitude que espera respostas concretas antes de fin de ano, que baixen os prezos, máis alá de calquera perspectiva de mediano prazo que se poida discutir nun Consello Económico e Social. Son intereses contraditorios que animan e potencian a conflitividade social na disputa polo ingreso e a riqueza, máis aínda cunha inflación para o ano superior ao 50%” (http://juliogambina.blogspot.com/2019/12/los-problemas-economicos-y-las.html).

A experiencia da concertación ou pacto social na Galiza e no Estado español, entre patronal e sindicatos, foi negativa

A experiencia da concertación ou pacto social na Galiza e no Estado español, entre patronal e sindicatos, foi negativa en todos os casos para a clase traballadora, tanto porque impuxo un cepo á capacidade reivindicativa, favorecendo os intereses da patronal, ou porque noutros casos foi pura filosofía. Por exemplo o acordo de hai uns días entre a patronal, CCOO, UGT e Xunta de Galiza. Será distinto na Arxentina? O proceso irá acompañado de propostas a curto e medio prazo das centrais, de disputa do relato, de participación activa e mobilizacións? Cal será o papel do Governo?

Outro aspecto que non se pode obviar é que a Arxentina xira á esquerda no momento en que  Bolivia e Uruguai fixérono en sentido contrario. No primeiro caso por mor dun Golpe de Estado cívico-militar e no segundo pola derrota da “Frente Amplia”, despois de 15 anos de governo. Agora ben, malia esta situación de illamento nas fronteiras, mesmo con socios comercias fundamentais como Brasil, hai espazos para a manobra, grazas ás revoltas sociais e ás diverxencias políticas no seo das forzas governantes da dereita latinoamericana. Estas contradicións concédenlle un respiro a Alberto Fernández se, como até agora, segue evitando colocar en primeiro plano a confrontación no verbal e ideolóxico con estas dereitas que viven no século XVIII. Para o cal, ademais, semella esencial que poña énfase na extensión das relacións comerciais a un maior número de produtos e países,realice un gran esforzo industrializador, e alente a complicidade e o protagonismo social.

https://obloguedemera.wordpress.com/