Opinión

Apoio ou denuncia. Ou ambas cousas?

Aos governos que se auto-definen como “progresistas” hai que lles dar un tempo prudencial para que as clases populares vexan as súas limitacións e hipotecas, xa que ao comezo alentan expectativas de cambio, como é lóxico. E no caso concreto da coligazón PSOE+UP esperase ademais que se cumpran aqueles acordos que pactaron coas forzas soberanistas que lle garantiron a investidura a Pedro Sánchez. Polo tanto a mensaxe, sen abandonar obxectivos, coherencia e atrevemento, debe adaptase en cada momento do proceso ao estado de animo da sociedade, para aumentar o grao de conciencia e mobilización e non afastarse daqueles sectores “menos politizados”, que por outra banda son á maioría.

Agora ben, tampouco se pode obviar que neste intre hai cuestións que son urxentes, por exemplo, evitar o peche de Barrreras e Vulcano, garantir a continuidade das empresas electrointensivas, dar alternativas para as comarcas atinxidas polo desmantelamento das centrais térmicas de Meirama e Endesa. Non se pode ignorar que cada día que pasa, sen tomar medidas efectivas, os peches ou reducións de cadro de persoal deixan de ser unha posibilidade para se converter en realidade.

Tampouco se pode obviar que neste intre hai cuestións que son urxentes, por exemplo, evitar o peche de Barrreras e Vulcano

Daquela a importancia da máxima atención e presión sobre o tema. E isto sempre está directamente relacionado co interese económico da patronal, por unha banda, e/ou coa presión que exerce a sociedade, ou sexa, cun povo mobilizado, esixente, protagonista, pola outra. E estes condicionantes asúmeno tanto aqueles sectores da sociedade que non esquecen a historia da esquerda sistémica, porén tamén aquelas persoas que alentan expectativas de cambios con menos prevencións. Con seguridade esta é a análise que fan as direccións da CIG e do BNG cando utilizan todos os medios na súa man para poñer en primeiro plano problemáticas moi concretas e ligadas á resposta laboral e social. Por exemplo, a primeira mediante concentracións e mobilizacións, como as manifestacións do  30 de xaneiro en todas as cidades do país, e pola parte da fronte nacionalista poñendo a debate mocións nos concellos, Parlamento Galego e Congreso.

As incoherencias, políticas erradas e a falta de iniciativa dos partidos do Governo non se poden deixar de criticar

Todo amosa que neste caso as mobilizacións e as propostas non teñen como obxectivo nesta conxuntura botar abaixo ao Governo central, que ademais apoiaron hai pouco co seu voto, a cambio dunha serie de medidas económicas, laborais, sociais e democráticas, así como para evitar o paso atrás que implicaría un Presidente da dereita, que ademais estaría condicionado por VOX. Mais, os compromisos do BNG, como aclarou a fronte patriótica, só estaban ligados ao voto de investidura, e as incoherencias, políticas erradas e a falta de iniciativa dos partidos do Governo non se poden deixar de criticar, en beneficio das clases populares e de fortalecer aos de suxeitos políticos e sociais transformadores. Por exemplo, esixindo a aprobación inmediata do estatuto de consumidor electrointensivo, para que estas empresas podan competir en igualdade de condicións, xa que segundo afirmaba o pasado 20 de xaneiro a Ministra de Traballo “ía ser aprobado en días”, e xa van case que dúas semanas, ou pedindo a inmediata derrogación da reforma laboral e da “Lei Mordaza”. 

En todo caso axudaría nesta tarefa, de garantir cambios e aceleralos, que os partidos políticos e as centrais sindicais vinculados en maior ou menor medida coa coaligazón PSOE+UP foran quen de defender a súa autonomía. Sobre todo naqueles temas nos que están en xogo reivindicacións respecto da capacidade de decidir, así como cuestións básicas laborais, sociais e democráticas, individuais e colectivas. Neste aspecto, esencial, chama a atención a postura de Anova no Parlamento galego respecto dos 370 millóns de débeda do Governo central, cando todo o fían a un hipotético dialogo opóndose a unha reclamación pola vía xudicial. Esquecen a resposta taxativa da ministra de Facenda negando a a débeda, e que outras autonomías, mesmo socialistas, xa están ou irán aos tribunais por este tema.

Ficamos nunha conxuntura na que a globalización neoliberal está esgotada, polo medre das desigualdades entre clases e territoriais, e a desfeita 

Este momento, con esta correlación de forzas complexa e moi dinámica, algúns din que é unha situación liquida, e tendo en consideración que ficamos nunha conxuntura internacional que ten efectos en todas as rexións e países do mundo. Ficamos nunha conxuntura na que a globalización neoliberal está esgotada, polo medre das desigualdades entre clases e territoriais, e a desfeita ecolóxica, e a forte disputa entre potencias que pon en cuestión un mundo unipolar, sen que aínda estea totalmente superado (véxanse as intervencións, bloqueos e accións unilaterais dos Estados Unidos). Un momento no que os cambios só son posíbeis disputando o espazo institucional, gañando a loita das ideas, ocupando a rúa, e organizando ás clases populares a todos os niveis. Unha asociación de tarefas cunha folla de ruta que non é doada, na que avanzar depende de confrontar, empurrar e apoiar segundo o momento, ou sexa, de atrevemento e moita enxeñería.

Polo tanto esta conxuntura histórica esixe unha conexión moi forte da dirección coa militancia, e moita participación e protagonismo desta. Así como unha gran clarificación na sociedade da liña partidaria (ou dun sindicato e organización social), respecto dunha dinámica política que sen apartarse dos obxectivos estratéxicos muda no táctico con maior frecuencia que en ningunha outra etapa no derradeiro século. Daquela que se lle caracterice como moi complexa e dinámica. Facelo axeitadamente optimiza os resultados respecto á formación da conciencia, da organización e do estado de animo, ou sexa da construción do suxeito transformador e da ruptura democrática. En fin, a liberación nacional e social non se conquista con receitas, nen só con propostas estratéxicas e moito menos con prácticas reformistas. Porén só será unha guerra de posicións na última fase.

Comentarios