Opinión

Ao fío de certas reflexións pos-electorais

Parece que hai persoas ás que lles doe o bo resultado do BNG nas eleccións galegas, xa que daban a fronte por liquidada. Uns fano sinxelamente porque son anti-nacionalistas. Nalgúns casos, non moitos, por auto-odio á nosa lingua, cultura, historia (polo común son persoas con poder político, económico, mediático). Unha actitude que ten normalmente excepcións cando se trata da gastronomía e da paisaxe. Outros, porque sendo nacionalistas, optaron por unha vía que, malia ser exitosa no electoral, hipoteca a capacidade real de decidir do povo galego. E neste aspecto, non se pode ignorar que coa globalización neoliberal cobra aínda maior importancia que existan forzas que representen exclusivamente os intereses do povo galego en todos os ámbitos. Este é un aspecto relevante que está hoxe cuestionado no caso de En Marea, pola integración de Podemos e EU, que teñen un peso determinante; e pola incorporación ao grupo de Podemos no Congreso. Como se pode ter capacidade de decidir como país cando esta non se exerce plenamente como organización política, sindical, social, a todos os niveis?

O BNG acadou uns bos resultados, tendo en consideración as enquisas, que prognosticaban dificultades para superar o corte do 5% e que daban un número de deputados/as mínimo (2-3), ao que se sumaban os limitados recursos económicos e un cambio na mensaxe moi recente, xa que a Asemblea Nacional foi no mes de marzo. Agora ben, son dos que penso que fose cal for o resultado do BNG nestas eleccións, para a inmensa maioría da militancia nunca estaría a debate a renuncia a manter a autoorganización, tanto no relativo a seguir manténdose como unha forza soberana, como a presentar unha oferta electoral nacionalista. De pouco vale proclamarse nacionalista se despois se renuncia, mesmo que sexa conxunturalmente a unha parte esencial do discurso e da oferta política. Asemade, a capacidade do BNG para recuperar votantes, tanto da abstención como dos que en anteriores procesos votaron nas Mareas ou de ilusionar a novos electores, reflicte que as análises que daban por liquidada a fronte, e ollan o discurso nacionalista como un atranco, son incorrectas. Semella ás veces, que se usa a complexidade do momento para xustificar un recuar aos postulados previos a Amio.

O BNG acadou uns bos resultados, tendo en consideración as enquisas, que prognosticaban dificultades para superar o corte do 5%

O nacionalismo leva varios anos discutindo a cuestión da autoorganización. Algo impensábel hai unha década, cando era un aspecto central sobre o que había plena coincidencia. Mais co nacemento de coaligazóns entre forzas da esquerda nacionalista e estatal, o tema ocupou ducias de artigos e declaracións. Por iso resulta paradoxal que non exista autocrítica por parte daqueles nacionalistas que apostaron por En Marea, ou daqueles que no interno do BNG coidaron que esta opción era a única táboa de salvación para dar saída a unha forza que consideraban moribunda (falaban de fin de ciclo). Non vou entrar a valorar se o fixeron por oportunismo, tacticismo, ou convencemento de que ese era o camiño correcto, porque as especulacións non axudan a clarificar, e levaríanos a conclusións subxectivas. Mais, na práctica, En Marea fica moi por detrás das expectativas das enquisas e do que prognosticaban os seus dirixentes. Por se non abondase, Podemos e EU coparon o grupo parlamentar, deixando en minoría os nacionalistas. E, o máis importante, porque indica a folla de ruta. Luís Villares clarificou unha e outra vez na campaña que En Marea non é nacionalista. Neste mesmo senso, tamén se pronunciaron no seu día os alcaldes das cidades nas que as Mareas governan. Polo tanto, a incorporación dun maior número de activistas nacionalistas a esta organización non tería mudado o que é súa matriz (como moitos/as dixemos). Que se saiba, na conversión en partido tampouco está a debate este aspecto central. Ou sexa, a integración ou unha alianza tería diluído o nacionalismo que opera como tal na sociedade. Sería un paso atrás inmenso, pode que irreversíbel.

Non se pode negar que a continuidade da dereita no Governo galego recrea o atraso

Á luz dos bos resultados do BNG, hai quen pretende botar nas costas da fronte unha parte importante do triunfo da dereita españolista, e polo tanto presentar o avance como unha derrota. Non se pode negar que a continuidade da dereita no Governo galego recrea o atraso, e ten un valor político moi negativo. Porén, a responsabilidade haberá que atribuírlla sobre todo a En Marea e máis ao PSOE, forzas que se disputaban a dirección do cambio, e que defraudaron a unha parte dos seus potenciais votantes, non ao BNG, que cumpriu e superou as expectativas. Semella que nesta visión mestúranse aspectos que afectan a todo o povo, con outros que teñen relación co suxeito político para a liberación nacional e social, para logo tirar a conclusión que interesa. Evidencia isto a pretensión de ignorar que o BNG superou as expectativas, tanto das enquisas, como daqueles/as que consideraban que a fronte xa non tiña futuro neste novo ciclo. A práctica amosou que non é así. Polo que correspondería que manifestasen unha autocrítica. Isto non invalida que se propoñan cambios e melloras, que a propia organización recoñece como necesarios, xa que hai eivas que seguen presentes. Mais o certo é, que unha refundación entendida como encetar de cero carece a esta altura de calquera valor argumental. As últimas experiencias de coaligazón da fronte son positivas. Ese é o camiño, para aquelas forzas e nacionalistas que non opten pola integración.

Resulta evidente que seis deputadas e deputados do BNG son unha representación cativa para levar adiante as transformacións que propón a fronte anticolonial. Cómpre obter a maioría para o proxecto emancipador. Agora ben, ás veces seis persoas son máis que catorce. Porque a súa efectividade depende en gran medida da iniciativa, das propostas, da mensaxe, do engado dos/as referentes persoais, e da unidade interna para alén do debate necesario. Por outra banda, tampouco se pode obviar que a fortaleza dun proxecto político transformador susténtase tamén en boa medida no corpo organizado, na capacidade de mobilización, e na incidencia na loita das ideas. Aspectos nos que a representación institucional, no caso galego, non se corresponde coa presenza social.

Por último, quero facer referencia a que vivimos nun contexto no que as clases dominantes acentúan a despolitización da sociedade, fortalecendo as ideas trabucadas, coa finalidade de fracturar as clases populares e moi especialmente a clase traballadora, para lle restar capacidade de combate. Fano alentando por unha banda o radicalismo verbal nas formas, especialmente nas redes, sabendo que o comentario ofensivo non acumula para o cambio, xa que substitúe a argumentación pola prepotencia, xerando desacougo. Porén, ten un efecto semellante dar folgos a unha visión burocrática do partido, do sindicato, que reduce a vida interna á transmisión de consignas e tarefas. Mesmo hai quen considera que o debate no interno é negativo, e que nunca debe chegar á sociedade, negando a necesidade de ter paredes de vidro.

Hai quen pensa que cómpre reducir ao mínimo o debate con outras forzas de esquerda e/ou nacionalistas, renunciando deste xeito a discutir as ideas equivocadas

Nesta mesma liña, hai quen pensa que cómpre reducir ao mínimo o debate con outras forzas de esquerda e/ou nacionalistas, renunciando deste xeito a discutir as ideas equivocadas, coa escusa de que está mal visto. Isto tería consecuencias para proceso de liberación nacional e social, que necesita dun povo cun proxecto sólido. Non é casual que Lenin no “Que facer?”, esa obra fundamental, se centrase en debater coas organizacións que, á dereita e á esquerda dos bolxeviques, lle disputaban a dirección da clase traballadora. Para acumular forzas é necesario clarificar obxectivos, folla de ruta e métodos de traballo. Só así se pode contar cunha militancia con argumentos que amplíe a base social formada. Renunciar ao debate sería hipotecar a loita a prol da soberanía e da xustiza social. Claro que esta é unha disputa no seo das clases populares (como dicía Mao), e ten unhas formas especificas. Non pode ser belixerante, xa que ten como finalidade clarificar, convencer, gañar complicidades. Non se pode converter nun atranco para a unidade na mobilización ou para facer unha fronte común nas institucións, sexa nas propostas ou para a súa xestión. Mais, a análise tirando conclusións é necesaria, ¡fundamental! Non se pode construír o cambio sen socialización das ideas correctas, ignorando os erros e as contradicións, ou con actitudes e tácticas equivocadas.

http://manuelmera.blogaliza.org/

Comentarios