Opinión

Anova e as Mareas mimetízanse con Podemos 

A proposta de Podemos ao PSOE para formar un governo de coligazón

 

A proposta de Podemos ao PSOE para formar un governo de coligazón, na que elimina as liñas vermellas previas, e na que coloca como novidades a esixencia da vicepresidencia e varios ministerios, foi considerado por algúns analistas como unha xogada mediática maxistral, que lle daba máis unha vez a iniciativa a Pablo Iglesias. Porén, o deputado do PNV, Aitor Esteban facía unha corrección: o primeiro sempre é falar do programa, dos problemas da xente. Outro tanto dicía Pedro Sánchez, ao comentar con retranca, que soubo polo Rei “que o nomearan presidente e xa tiña Governo conformado”, destacando deseguido que o primeiro era poñerse de acordo nos obxectivos. É sintomático de que algo non casa, cando un partido do social-liberalismo, e outro do nacionalismo “centrista”, terminan saíndolle pola esquerda a unha forza que se proclama rupturista (máis nas formas ca nos contidos). 

Esteban e Sánchez teñen razón na súa valoración, xa que para alén de quen montase o espectáculo, o povo sempre termina valorando os argumentos de peso, máxime cando están relacionados con cuestións que o atinxen de cheo. Mais era pura leria, porque ao día seguinte, Pedro Sánchez convocaba a Ciudadanos, deixando na neveira a proposta de Podemos, coa evidente intención de non ter unha excesiva dependencia do partido do círculo morado e limitar as medidas reformistas. En resumo, os catro grandes partidos españois (todos sistémicos, nun abano que vai dende a dereita máis dura ate a esquerda reformista) están no mesmo xogo, loitando como tolos polo governo, e aínda que falen da xente, no concreto isto está nun segundo plano, cando menos neste intre. 

Non é a primeira vez que Podemos presenta un retroceso nas súas posturas iniciais como unha xogada mestra, xa que ignora o que é a autocrítica

Non é a primeira vez que Podemos presenta un retroceso nas súas posturas iniciais como unha xogada mestra, xa que ignora o que é a autocrítica. Lembremos que naceu afirmando que había que rematar cos partidos da casta (PP e PSOE), entre os que mesmo chegou a incluír nalgunha ocasión EU, e presentouse como o partido máis democrático do mundo mundial, e que ía transformar o sistema de tal xeito que ninguén o recoñecería. En menos de dous anos, mudou a fondo estas teses. As nacionalizacións de sectores estratéxicos fican no caixón das lembranzas de xuventude, o dereito a decidir (que se concretaba só nun referendo para Catalunya) xa non é unha liña vermella, a cúpula pon e quita dirixentes e candidatos/as, e o PSOE pasou a ser un socio aceptábel, mesmo para que Pablo Iglesias sexa o segundo (propóndose a si mesmo) cun presidente da casta. 

Por se non abondase co anterior, non semella coherente por parte de Podemos que lle comunique ao Rei en primeiro lugar este cambio de postura, e non á sociedade, como correspondería a quen logo afirma con toda solemnidade que é o povo quen máis ordena. Non ten polo tanto moita lóxica, aínda que sexa positivo, que poña coma condición facer públicos os debates para o acordo de lexislatura co PSOE. A menos que todo sexa un espectáculo, e que non se trate máis que de reproducir o debate televisivo da campaña, e que gañar votos estea por riba de comprometer obxectivos sociais e democráticos. Previamente, xa tiñan manifestado esta mesma incoherencia as Mareas e as outras “confluencias”, amosando na práctica unha estratexia común con Podemos. Escenificaron un trato especial en relación coa monarquía, que vai para alén do protocolario, viuse tamén nos sorrisos. Será porque se renuncia á República?... Deberase a que se pon a unidade do Estado, que representa o Rei, por riba do proxecto político que se di defender? 

A independencia de Catalunya debilita o gran capital (no ámbito do Estado e da UE, xa que confronta coa globalización, que é o piar da centralización do poder e da riqueza)

Mesmo forzas políticas como o PNV ou Democrácia i Libertat foron a esta reunión para repetir as súas reivindicacións, sobradamente coñecidas, sen outorgarlle ao Rei un protagonismo especial, para alén do que lle dá o sistema imposto. Xavier Domènech, de En Comú Podem, dixo que falou co Rei sobre como se podería encaixar Catalunya no Estado español. Ou sexa, que o fundamental para esta forza é manter o sistema económico-social-cultural-político que garante os intereses das clases dominantes, evitando que perdan poder por mor dunha fractura no plano territorial. Se houbese unha revolución social en marcha, até podería existir algún argumento de esquerdas para dar valor a esta postura, en función de inminentes cambios en beneficio das clases populares, mais non é o caso, máxime cando a independencia de Catalunya debilita o gran capital (no ámbito do Estado e da UE, xa que confronta coa globalización, que é o piar da centralización do poder e da riqueza). A concentración baséase na explotación da clase traballadora. A centralización e concentración son interdependentes e fortalécense mutuamente.

Daquela que, malia que as Mareas podan ser na teoría un punto de encontro entre o nacionalismo de esquerda e a esquerda estatal no que se disputa a hexemonía, o certo é que as diferenzas na folla de ruta e na práctica cotiá non se ven, e os obxectivos estratéxicos fican como unha referencia imprecisa nunha noite de tormenta. Na práctica, dáselle pulo ao centralismo, asumindo o carácter periférico de Galiza e das forzas propias. Así o confirma o chamamento de X.M. Beiras, que pon como obxectivos para un acordo co PSOE que “ a eliminación dos recortes e da austeridade, e a realidade plurinacional do Estado” formen parte do programa de governo. Non hai dúbida que sería un avance, porén non maior que o que promete desenvolver en solitario o PSOE no social; e no relativo ao recoñecemento do carácter plurinacional do Estado, sería algo máis simbólico que real, se non leva aparellado competencias blindadas, capacidade de decidir, é dicir: unha reforma que implique un Estado Confederal. Nestas novas liñas vermellas que pon Podemos, e asume Anova, o referendo de Catalunya fica nun segundo plano, e o dereito de autodeterminación esvaído polas matizacións. Malia a habilidade dialéctica de Beiras, que unha forza nacionalista apoie, e mesmo propoña, esta regresión nos obxectivos de soberanía (e non poña en primeiro plano o tema da UE, da explotación laboral), para tocar axiña governo, non é coherente co proxecto que di defender. Pensemos que Bolivia é un estado plurinacional, mais iso non significa dereito á autodeterminación, nen sequera a unha autonomía integral, nen un modelo federal.

Os cambios no económico e no social non se poden limitar a dar máis achegas á exclusión, dependencia e outras situacións de estrema gravidade

Os cambios no económico e no social non se poden limitar a dar máis achegas á exclusión, dependencia e outras situacións de estrema gravidade, xa que esta lacra reproducirase cada vez con máis forza, se non se combaten as causas que a orixinan (véxanse as experiencias na América Latina). A primeira, o aumento da explotación laboral, unha fiscalidade regresiva, e a privatización e redución de servizos e prestacións públicas esenciais, unha democracia limitada. Ligada a esta, o proceso de globalización, que recrea a dependencia e o atraso nos países periféricos ou carentes de soberanía (caso de Galiza). Nada fai pensar que Podemos e os seus aliados poñan en cuestión a globalización, xa que apostan por este bloque imperialista que é a Unión Europea, vendendo a ilusión de que é reformábel, cando a súa propia expansión é unha compoñente esencial do carácter depredador do sistema.

Sería positivo para o nacionalismo galego, e a formación da conciencia política na Galiza, que Anova rectificase, que os seus deputados abandonasen o Grupo de Podemos no Congreso e se incorporasen ao mixto. Que seguisen a reivindicar como imprescindíbel o dereito á autodeterminación, un Estado Galego, republicano, democrático e de xustiza social. Neste sentido foi positiva a declaración das Mareas cando asumiron como deputados/as no Congreso, porén a escenificación das negociacións para formar grupo propio no Congreso, a integración en Podemos, e a actitude amosada na recepción co Rei, foron pasos atrás, demostracións de dependencia, de incoherencia. 

Unha forza e dirixentes que non son capaces de erguer un proxecto propio, ¿por que van ter a fortaleza e coherencia de lle disputar a dirección a quen construíu as Mareas?

Hai no BNG e noutras forzas nacionalistas quen coida que ese é o camiño do éxito, da acumulación de forzas neste intre, e pechan os ollos fronte ás incoherencias e o paso atrás que iso implica, dando por perdida a batalla das ideas. Din que eles non terán as fraquezas de Anova, que disputarán con máis coherencia folla de ruta e obxectivos nunha alianza técnica e táctica coas Mareas. Porén, non existen coligazóns técnicas en política, e unha forza e dirixentes que non son capaces de erguer un proxecto propio, ¿por que van ter a fortaleza e coherencia de lle disputar a dirección a quen construíu as Mareas? Non infravaloremos a capacidade e a entrega doutros nacionalistas ou dos adversarios políticos. 

Neste contexto tan complexo e volátil, non se pode facer unha foto fixa de cales van ser as forzas que ao final desta conxuntura saian reforzadas ou consolidadas. Aínda que resulta evidente que é imposíbel que o fagan aquelas que teñen unha actitude derrotista, que necesitan de terceiros para avanzar, ou que renuncian a dirixir a loita pola liberación nacional e social (tanto no ámbito da mobilización, das ideas, da autoorganización ou do campo institucional). Tampouco axudan ren as opinións daqueles que, tendo cargos políticos ou institucionais, navegan sempre no medio da corrente, sen fixar posturas claras nas entrevistas ou nos artigos, dando folgos ao desconcerto, á sensación de que falta dirección. Quen non toma partido, ou é porque carece de criterios e propostas, ou porque se apunta ao cabalo gañador. Así non se constrúe un proxecto colectivo transformador, e sobre todo, non se pode ser referencia para as clases populares, especialmente cando se quere remar contra corrente. 

http://manuelmera.blogaliza.org/