Opinión

Alxeria: cincuenta anos do golpe contra Ben Bella

Hai medio século, o 19 de xuño de 1965, un golpe militar derrocaba o governo de Ahmed Ben Bella en Alxeria. Un desenlace non esperado que causou non poucas polémicas nas organizacións de esquerda, polo hipotético cambio de rumbo da revolución. 

Hai medio século, o 19 de xuño de 1965, un golpe militar derrocaba o governo de Ahmed Ben Bella en Alxeria. Un desenlace non esperado que causou non poucas polémicas nas organizacións de esquerda, polo hipotético cambio de rumbo da revolución. Ten interese lembralo polo significado da emancipación de Alxeria nos procesos de liberación nacional posteriores á Segunda Guerra Mundial, que contaron co apoio dunha Unión Soviética e un movemento obreiro fortalecidos. Mais tamén por razóns máis achegadas a nós, xa que este proceso alentou o imaxinario colectivo da mocidade que conformou inicialmente na nosa nación a Unión do Povo Galego, e permítenos comprender algunhas das súas posturas organizativas e programáticas iniciais.

"A independencia de Alxeria non foi doada. Foron sete anos de duros combates, nos que o exército francés empregou todos os recursos para esmagar a loita a prol da liberación"

A independencia de Alxeria non foi doada. Foron sete anos de duros combates, nos que o exército francés empregou todos os recursos para esmagar a loita a prol da liberación, que tiña na Fronte de Liberación Nacional (FLN) a súa forza principal. Dá unha idea da magnitude da represión por parte da potencia imperialista que oito mil povos foran destruídos pola aviación e a artillería, que un terzo dos campesiños, dous millóns de persoas, fosen internados en campos de concentración, que medio millón de persoas tivesen que fuxir a Tunisia e Marrocos, e que perdese a vida sobre un millón e medio de persoas, unha décima parte da povoación. 

Á desfeita causada polo governo francés engadiuse a saída de centos de milleiros de “colonos”de orixe europea, que constituían a inmensa maioría dos funcionarios, técnicos e profesionais. A situación na que tivo que asumir o novo governo era tan precaria que o presidente Ahmed Ben Bella lembraba que: “traballabamos, comíamos, durmíamos deitados en catres de campaña”. Porén os atrancos cos que se enfrontaba proviñan tamén das distintas tendencias que aniñaban ao interior do FLN, que se saldaron cun golpe militar contra Ben Bella encabezado polo coronel Bumediene. No Terceiro Congreso celebrado en Alxer, do 16 ao 21 de abril de 1964, estiveron presentes 2.000 delegados en representación de 150.000 militantes e 600.000 simpatizantes. Nel amosouse a “indiscutíbel primacía de Ben Bella, aclamado secretario xeral do FLN”i. Mais os debates “revelaron a existencia de correntes e fraccións diverxentes, das que apareceu, de pronto, con particular peso, o bloque militar”ii. 

"Antes e despois do golpe contra Ben Bella mantense a mesma orientación económica e nas relacións internacionais". 

Algúns autores consideran que a orixe da confrontación foi a diverxencia entre dúas liñas. A de Ben Bella, máis socializante e de esquerdas (autoxestionaria e democrática), e a de Bumediene, que tería unha postura menos rupturista (estatalizante e autoritaria). Ao respecto opina Sami Naïr: “Xa que logo, o golpe de Bumediene non  pode caracterizarse como unha contrarrevolución. Sen dúbida, modificou as relacións de forzas e sancionou a vitoria das forzas burocráticas, pero sen cuestionar as orientacións fundamentais, salvo, por suposto, a relativa autonomía do movemento de masas”iii.

Antes e despois do golpe contra Ben Bella mantense a mesma orientación económica e nas relacións internacionais. Concretamente o novo poder suspende o Parlamento, porén reafirma a vixencia da Constitución e o papel do FLN, expresando o seu respaldo ao Programa de Trípoli, e á Carta de Alxer. Nesta última afirmábase o carácter socialista da revolución, aínda que realmente era a definición dun xeito de camiño alxeriano ao socialismo. E engaden que: “Baixo a dirección das Forzas Armadas levaranse a cabo reformas importantes, como a nacionalización das empresas estranxeiras (petróleo, minaría), e concretarase un plano trienal (1967-1969) e outro cuatrienal (1970-1973) no económico”iv

A Guía do Terceiro Mundo, no relatorio sobre esta parte da historia de Alxeria, valora que: “o programa autoxestionario de Ben Bela enfrontábase coa realidade dun governo con moi pouca executividade administrativa. En xuño de 1965, un Consello Revolucionario dirixido por Houari Bumediene asumiu o poder e encarcerou a Ben Bella. Entón comezou a predominar sobre a proposta autoxestionaria o centralismo, a organización e o poder estatal. Bumediene ampliou as nacionalizacións e lanzou un programa de industrialización rápida, sustentado na exportación de petróleo e gas natural líquido. Produciuse entón unha fase de expansión económica, que non se reflectiu no campo. A povoación creceu máis que a produción agrícola e Alxeria pasou de exportar a importar alimentos. Agravaba esta situación que as cooperativas socialistas cubrisen só un terzo do área cultivada, mentres que o 25% das terras estaba controlado por propietarios privados”

"No relativo ás relacións internacionais, na etapa de Bumediene, estas intensificáronse coa Unión Soviética e o bloque socialista, e Alxeria tivo un papel destacado no grupo dos “Países non aliñados” e na OPEP".

En calquera caso, son evidentes como aspectos negativos: a omnipresencia dos militares nos postos de governo; continuou pendente unha reforma agraria que mudara as estruturas feudais do campo (xa que só se distribuíron as terras dos colonos europeos, que malia seren as mellores, só constituían 1/3 do total); a emigración a Europa, especialmente a Francia, mantívose coa mesma intensidade de antes da independencia; e o capital francés seguiu sendo importante en sectores produtivos estratéxicos, como o petroleiro. 

No relativo ás relacións internacionais, na etapa de Bumediene, estas intensificáronse coa Unión Soviética e o bloque socialista, e Alxeria tivo un papel destacado no grupo dos “Países non aliñados” e na OPEP. Fica polo tanto deste período, como cuestión pendente, se o sistema autoxestionario que propuña Ben Bella sería máis eficaz que a estatificación (nacionalización), no caso da industria, ou se as eivas posteriores, especialmente no déficit da produción de alimentos non se debe esencialmente a que non se completou a reforma agraria rematando coas estruturas latifundistas feudais. 

A mocidade que deu nacemento ao nacionalismo galego actual foi impactada por unha revolución como a cubana, mais especialmente por unha tan próxima como a alxeriana. Contribuíu moito o libro de Frantz Fanon encol da colonización e do proceso de liberación: Os condenados da Terra, co famoso limiar de Jean-Paul Sartre. Aínda que sempre a UPG procurou facer a súa propia caracterización do país e buscar a súa propia andaina, xa que aqueles mozos e mozas sabían, ou intuían, que as revolucións non se copian. Por este motivo, malia que a UPG inicial tiña moito en común co FLN no organizativo, nos textos rezuma marxismo, e mesmo dándolle importancia ao campesiñado, nun país onde esta era a clase máis numerosa, considerou esencial a alianza coa clase obreira e os mariñeiros.

"Tanto na época de Ben Bella como na de Bumediene, a aposta do FLN polo modelo de partido único, fixo que o Partido Comunista de Alxeria estivese prohibido e perseguido. Outro tanto pasou  co movemento e a cultura bereber (na Cabilia)".

A UPG naceu como un movemento, non como unha fronte, arredor de dez puntos, cun claro contido interclasista e propio dun país rural e cunha clase obreira mínima. Esta foi unha estrutura que durou unha década.  Despois das grandes folgas de 1972, a UPG reorganizarase como unha forza na que a clase operaria, e o seu partido, terán un papel central, iso si, dándolle prioridade á alianza cos labregos e mariñeiros. Era un proxecto de liberación cun contido de clase, que pasaría a ser central despois da liberación nacional. Tratábase dunha andaina que, sen ser unha copia, ten semellanzas coa vietnamita, onde os suxeitos principais tiñan maior proximidade coa nosa realidade social. O que escribe este artigo contribuíu na Galiza a esta interpretación, da que bebeu na loita política clandestina contra a ditadura na Arxentina. Sen dúbida era máis apropiada, pola importancia do pequeno campesiñado e un proletariado en ascenso.

Respecto dos motivos do golpe de Bumediene, afírmase que o seu predecesor facía énfase no desenvolvemento equilibrado da economía mentres el insistía nunha rápida industrialización. Mais nada fai pensar que houbese grandes diferenzas no modelo político e económico-social de ambas as tendencias. Tanto na época de Ben Bella como na de Bumediene, a aposta do FLN polo modelo de partido único, fixo que o Partido Comunista de Alxeria estivese prohibido e perseguido. Outro tanto pasou  co movemento e a cultura bereber (na Cabilia). A FLN tivo un selo especificamente arabizante e islámico dende o primeiro momento. Nunha entrevista na revista Critique Communiste Sami Naïr comenta a aparición dunha carta nos arquivos da FLN na que Ben Bella “pide aos dirixentes que apracen a publicación das decisións tomadas en Suman porque poñen en cuestión puntos doutrinarios tan fundamentais como o carácter islámico das institucións políticas”. A evolución posterior do FLN, a longa prisión de Ben Bella e que fose apartado do poder tan cedo, xeraron un mito da súa figura na intelectualidade europea de esquerda, que non se axusta totalmente a realidade. O golpe do 19 de xuño do 1965 foi no esencial unha disputa do poder, entre dúas tendencias socializantes e ao mesmo tempo anticomunistas. E, sendo certas as criticas á etapa de Bumediene, eran aspectos económicos e burocráticos consubstanciais co xeito de nacer da FLN, e que comezaron a se fortalecer como tendencia xa na etapa de Ben Bella.

http://manuelmera.blogaliza.org/