Opinión

Allariz, revolta e transformación

O pasado 11 de agosto os veciños/as de Allariz lembraron/festexaron os 25 anos da revolta popular contra a desfeita do río Arnoia

O pasado 11 de agosto os veciños/as de Allariz lembraron/festexaron os 25 anos da revolta popular contra a desfeita do río Arnoia. Unha protesta que, como recolle o folleto conmemorativo Allariz 1989, memoria dunha revolta, se alongou “entre o 11 de agosto e o 16 de novembro de 1989. A Casa do Concello estivo permanentemente ocupada por veciños/as e concelleiros do BNG. Foron máis de tres meses de peche, manifestacións, presión policial, conflito social e debate político. A contaminación do río Arnoia e, como mar de fondo, o desleixo do goberno municipal e a tradición caciquil na xestión e nos xeitos provocaron o estoupido social”.

O conflito rematou cun triunfo dos veciños e veciñas, ao dimitir o alcalde do Partido Popular

O conflito rematou cun triunfo dos veciños e veciñas, ao dimitir o alcalde do Partido Popular e o resto dos concelleiros que o apoiaban: Centristas por Galicia e PSOE. A elección provisional dun alcalde do BNG, Anxo Quintana (que ademais era o portavoz dos veciños/as), sería referendada nas seguintes eleccións municipais. Dende o ano 2000 ocupa este cargo Francisco García, tamén do BNG. Na actualidade a corporación está integrada por 9 concelleiros/as do BNG e 4 do PP.

Mais, se o resultado do conflito foi un éxito, e como tal celébrano os veciños/as e a militancia do BNG, o reto do día despois non se podía considerar pouca cousa. Allariz era unha vila que esmorecía, unha tendencia regresiva que se mantivo coa queda da ditadura e a elección de alcaldes da dereita españolista. Polo tanto, ser capaces de superar esa situación e cumprir eficazmente esta nova xeira foi sen dúbida o maior dos méritos da revolta. Non era unha tarefa doada, como se pode comprobar nalgúns concellos que gobernou o nacionalismo, onde por distintas razóns o proceso ficou truncado. Tamén noutros a transformación é aínda moi superficial. En todo caso, o BNG pode amosar en moitos concellos unha boa xestión, o que lle permitiu consolidarse neles como principal forza política, malia os atrancos mediáticos, como por exemplo na cidade de Pontevedra. Non menos importante é o seu traballo na oposición.

A mobilización popular abriu a porta a unha xestión que fai do nacionalismo un exemplo de eficacia, de servizo ao pobo

Allariz non foi polo tanto só unha revolta vitoriosa, na que a mobilización popular abriu a porta a unha xestión que fai do nacionalismo un exemplo de eficacia, de servizo ao pobo. A protesta transformouse neste caso no que sempre debería ser o seu obxectivo: nun pulo transformador. E o BNG demostrou máis unha vez que era moito máis que a forza do non (como a caricaturizaba o españolismo). Soubo aproveitar as potencialidades da bisbarra e das persoas. Tiña un proxecto de país, ao servizo das clases populares. E o que se consideraba unha vila avellentada e sen futuro, converteuse nun reclamo para o turismo, para o desenvolvemento da produción autóctona, para a creación cultural, para a xeración de emprego.

Algúns dados clarificadores. A poboación do concello pasou de 5.323 habitantes en 1991 a 6.056 no ano 2013. A provincia de Ourense perdeu entre os anos 1991 e 2011 nada menos que 25.000 habitantes. En relación coa evolución da renda familiar por habitante, a dinámica tamén foi positiva, a niveis absolutos e en termos comparativos; mentres que no ano 1986 era o 74% da galega, no 2009 (último dado dispoñíbel no IGE) atinxía o 95,4%, ou sexa 14.278 euros por persoa.

O conseguido está a anos luz doutros concellos das mesmas características. Non é unha transformación retórica, como acontece coas propostas das “mareas”

Claro que o concello non fica á marxe das tendencias dominantes na UE e no Estado español. Por exemplo, aféctalle o proceso de concentración e centralización da riqueza e do poder, e a perda de competencias e o desleixo da Xunta do PP. Porén, na comparanza, o conseguido está a anos luz doutros concellos das mesmas características. Non é unha transformación retórica, como acontece coas propostas das “mareas” e revolucións mediáticas. Estas engaiolan con programas xenéricos, e sen rostros recoñecíbeis pola súa praxe social ou política, que permitan contrastar o que hai de fantasía e o que de coherencia, entrega e atrevemento.

Sempre se pode e debe mellorar o traballo feito, e para calquera revolucionario hai unha morea de cousas pendentes de realizar. Por exemplo, eu indicaría un maior protagonismo das clases populares, un discurso máis virado ao reparto do traballo e da riqueza producida, e unha maior énfase a prol da normalización da lingua e da cultura nacional, á promoción dos monumentos e da historia do país, e a valorar as loitas e construcións do nacionalismo e de todo aqueles que teñen amor polo país. Ademais, é esencial saber marcar as prioridades, para aproveitar as potencialidades e que o proxecto avance ao maior ritmo posíbel neste contexto e con esta correlación de forzas. Por iso as comparacións sobre a práctica de cada quen entre forzas que se disputan o mesmo espazo social son fundamentais. Salientaría asemade outros dous aspectos: a divulgación en toda Galiza (como mínimo) de toda loita e transformación que se fai por parte do nacionalismo popular; coidar moito a mensaxe, porque é básica para formar o imaxinario colectivo, e axudar a forxar as loitas e as transformacións futuras.

“Sabe, estivemos tres meses pechados e volvería a facelo; estou orgullosa de ter participado daquela loita”

Pouco antes de encetar o acto do 25 aniversario, as beiras da Praza Maior (fronte á Casa do Concello) e as rúas adxacentes estaban ateigadas de xente, e o centro da praza estaba ocupado por mesas (ou táboas como dirían os meus pais, xa que mesas eran uns bancos alongados), nas que a veciñanza foi pousando comida e bebidas que traia para partillar cos que acudiran. Despois dunhas palabras de presentación e de agradecemento aos presentes comezou o festexo popular: comer, beber, falar da revolta do 89, das cousas actuais persoais e colectivas. Un vídeo do acontecido e as intervencións de Quintana e Garcia deixáronse para o final. Allariz é unha vila pequena (uns 3.500 habitantes), e asistiu moita xente, varios centos,... se cadra preto de medio milleiro.

Durante o acto escoitei dicir a unha muller maior, co sotaque da xente da aldea: “sabe, estivemos tres meses pechados e volvería a facelo; estou orgullosa de ter participado daquela loita”. As verbas desta veciña reflectían o estado de ánimo que se respiraba na Praza Maior. É resultado non só do éxito da protesta, senón tamén do traballo realizado nestes 25 anos, e de que o pobo séntese parte activa deste proceso de cambio. Un paso adiante importante, mesmo sabendo que queda moito camiño por facer, e forza consciente que acumular para a liberación nacional e social.

........................................

Nota: quero aproveitar para felicitar ao BNG polo acto de Galiza Mártir en Pontevedra. Gostei especialmente da intervención de Luís Bará. Houbo nela o que sempre fai falla: paixón e ilusión, nacionalismo, loita de clases, igualdade de xénero, solidariedade internacional, e análise de conxuntura (está publicada neste voceiro).