Opinión

Algunhas consideracións encol da robotización

Sendo verdade que se están a acelerar os cambios na produción, non se pode ignorar que o avance tecnolóxico, a chamada revolución da información e da robotización, hai tempo que comezou, e xa podemos tirar algunhas ensinanzas deste período. Lembremos que cando se iniciou había quen teorizaba sobre o fin do traballo, e desde a socialdemocracia europea, augurábase un mundo de lecer. Porén, nunca traballou tanta xente. E ademais, a xornada laboral media, segundo o sector e o país, ou se estancou ou se ampliou. Non chegou o fin do traballo. Outra cuestión é como se reparte este no mundo, e dentro de cada nación. 

Na Galiza e noutros países da periferia da UE, durante a crise (ou axuste) aumentou o desemprego, e en paralelo a precariedade, a temporalidade. Á vez, medrou a xornada laboral, os salarios perderon capacidade adquisitiva e apareceron os falsos autónomos. Os ingresos do traballo foron a menos no PIB, e o capital conquistou ese espazo, mesmo superando as rendas salariais, malia que estas últimas corresponden a máis do 80% da povoación ocupada. Estas tendencias regresivas na Unión Europea débense en boa medida á deslocalización empresarial, a un menor investimento privado, á globalización neoliberal, e ás políticas de axuste no sector público. Estas últimas están ligadas coas achegas para salvar a banca, mais tamén coa menor carga impositiva ás empresas, grandes fortunas e altos salarios, e non por mor da innovación tecnolóxica. En poucas palabras, os retrocesos laborais, sociais e democráticos son resultado dunha correlación de forzas moi desfavorábel para as clases populares e ás nacións dependentes. Unha situación moi distinta da que existiu na década dos sesenta e setenta do século pasado, cando tamén houbo grandes avances científico-técnicos.

Agora ben, os retrocesos sociais, dende o aumento do desemprego ate o medre da desigualdade, debéronse fundamentalmente á globalización neoliberal (ao capitalismo-imperialismo) e non aos avances tecnolóxicos. Se houbese un sistema económico e social ao servizo do povo, abondaría con aproveitar o aumento da produtividade e eficiencia polo avance científico-técnico para rebaixar a xornada laboral de inmediato e progresivamente. Deste xeito habería unha distribución do emprego máis acaída (evitando o cancro do paro) e revertería nunha mellora das condicións de vida da povoación, que tería máis tempo para o lecer e a convivencia familiar. Tamén se debería xerar emprego en sectores que necesitan dunha atención urxente, como é o caso das persoas dependentes, ben sexa por idade ou por calquera tipo de doenza. 

Abondaría con aproveitar o aumento da produtividade e eficiencia polo avance científico-técnico para rebaixar a xornada laboral

Non se tomaron estas medidas progresistas, malia que era posíbel facelo sen perder capacidade produtiva. Ao contrario, ampliouse a xornada e aumentaron os ritmos de traballo, mesmo en países con incorporación masiva de tecnoloxía. Por outra banda, o necesario avance tecnolóxico utilízase para meter medo relacionándoo coa idea de que causará un gran aumento do paro, sen que existan solucións inmediatas. Aínda que se ven obrigados a recoñecer que os efectos poden ser “corrixidos polo mercado” co tempo, como en procesos anteriores (ignorando o papel da clase  obreira neste proceso). Debúxase un escenario catastrófico imposíbel de evitar, coa finalidade de que a clase traballadora acepte todo tipo de sacrificios para impedir o naufraxio, desde un aumento da xornada até salarios máis baixos. Todo isto co obxectivo evidente de optimizar ao máximo os beneficios do capital, mesmo a costa dun medre da pobreza e da desigualdade. 

Debúxase un escenario catastrófico imposíbel de evitar, coa finalidade de que a clase traballadora acepte todo tipo de sacrificios

Hai medios que afirman que os efectos sobre o emprego serán inmediatos e terán un carácter ascendente. Porén, estas afirmacións non se corresponden coas políticas da Unión Europea nesta materia. Merkel alentou a entrada no último ano de máis dun millón de “refuxiados e refuxiadas”, seguindo a solicitude da patronal que dicía carecer de oferta para 800 mil empregos en Alemaña. Evidentemente a entrada masiva de emigrantes tiña como obxectivo captar man de obra barata e preparada (e desesperada), non era por solidariedade. Tal é así que cando viu que o mercado interno non os daba absorbido, que o proceso de incorporación era complexo e que aumentaban as protestas, optou por redistribuílos noutros países. E ante a oposición belixerante dalgúns governos, ao final pecháronse as fronteiras da Unión Europea. O custe para Alemaña en 2016 foi de 20 mil millóns de euros. 

En resumo. Os avances tecnolóxicos non son por definición prexudiciais para o emprego. Teñen un efecto regresivo cando están baixo o control exclusivo dunha minoría que os utiliza para servir os seus intereses. Por outra banda, malia a robotización crecente, a produtividade está a medrar a un ritmo máis baixo, co que isto implica en relación ao emprego. Segundo a economista Paula Bach no seu artigo ¿Revolución de la robótica o estancamiento de la productividad? en Izquierda Diario: “Aínda que a produtividade por suposto incrementouse durante as últimas décadas, o seu crecemento vénse desenvolvendo a un ritmo decrecente (...) a produtividade engadida dos países do G7 marca unha tendencia descendente contraendo o seu ritmo de crecemento ate o 2,5 % durante a década dos 70 en comparanza cun valor próximo ao 4 % atinxido durante a década dos 60 e chegando posteriormente rente do 1 % durante a década dos 2000.” Pola súa banda, Daniel Vaz de Carvalho dá outros dados algo distintos sobre a cuestión: “A aceleração do desenvolvimento tecnológico na segunda metade do século XX deu origem a um enorme crescimento do capital fixo investido por posto de trabalho (nos últimos 40 anos do século XX terá sido multiplicado por 10). O que coloca problemas quer económicos, pelos montantes necessários para concretizar a chamada "4ª revolução industrial", quer sociais pelo desemprego que origina”.

En resumo. Os avances tecnolóxicos non son por definición prexudiciais para o emprego

En todo caso, para alén do debate sobre os efectos a medio e curto prazo, a historia reflicte que as transformacións causadas polos avances tecnolóxicos, no fundamental permitiron melloras nas condicións de vida, que se terminaron ampliando á maioría social. No último século este alargamento dos efectos beneficiosos do progreso científico-técnico conquistouno a clase traballadora mediante a folga e a mobilización, co debate das ideas, cun proxecto liberador, coa organización, e con moitos sacrificios e heroísmos. Poñer a tecnoloxía ao servizo do povo, evitando efectos perversos, como o do desemprego nos sectores máis afectados pola robotización, non será un regalo do capital.  

http://manuelmera.blogaliza.org/