Opinión

Algunhas achegas á cuestión nacional

Hai nacionalistas que consideran que na actividade política a contradición de clase ou doutro tipo é secundaria fronte a disxuntiva de se identificar como galego/a. Coincidindo con ese grao de identificación nacional (comecei a militar politicamente no nacionalismo galego na Arxentina en 1967), mais axiña comprendín que reducir o nacionalismo ao identitario era unha caracterización primaria, que desbota facer unha leitura completa da cuestión de clase e da problemática nacional nas sociedades actuais. Nesta etapa do capitalismo imperialista a globalización neoliberal representa a opción das clases hexemónicas, polo que os medios opacan as reivindicacións nacionais, e por suposto afogan o conflito de clase. Daquela que as persoas só perciben acotío as contradicións nacionais máis evidentes e de xeito fragmentado, ou sintetizada na confrontación entre as grandes potencias. Abonda con ver os resultados das votacións en Quebec, Escocia e Catalunya, e realizar unha comparanza coa fortaleza dos procesos de liberación nacional da década dos sesenta e setenta do século pasado, cando había  burguesías “nacionais” mesmo nos países máis pequenos. Tampouco resulta comprensíbel a resposta desesperada fronte ao resultado do brexit, nun estado con tradición imperial, de amplos sectores da sociedade británica ben situados no sistema e que reinterpretan sen rubor as votacións en función dos seus intereses. 

A globalización neoliberal representa a opción das clases hexemónicas, polo que os medios opacan as reivindicacións nacionais, e por suposto afogan o conflito de clase

Asemade, hoxe a democracia é máis limitada que nunca e sen efectos sobre os grandes poderes económicos, unha parodia. E os problemas de fundo reflíctense circunstancialmente. Son como muxicas. Non quero negar que mesmo capada a democracia ten valor, e tampouco quero restar importancia a que en determinados lugares e momentos as contradicións ou as ofensas teñan de tal agresividade que fan inevitábel a confrontación nacional ou de clase. Porén teñen efectos limitados e son excepcións. Mais, mesmo neste contexto con tanta hexemonía do capital hai problemas que son difíciles de agochar, como: a falta de traballo, os salarios baixos e xornadas extenuantes, as pensións insuficientes, as prestacións públicas mínimas ou en retroceso, unha fiscalidade regresiva, a corrupción, a desfeita ecolóxica, a desigualdade e violencia de xénero, etc. Tampouco se pode obviar que non existe na Galiza unha correlación de forzas, e un poder ou feito económico, que coloque a cuestión nacional como decisiva, como sucede por exemplo en Catalunya ou en Escocia (trátase de economías moi fortes, e en avance). E isto significa un nivel de subxectividade, de reivindicación, de conciencia política... dunha situación obxectiva mellor para modificar a correlación de forzas e superar as contradicións. Tamén implica un modo de comunicación coa sociedade distinto ao daqueles territorios onde non existe este grao de subxectividade, esta correlación de forzas.

A cuestión social é moi difícil de agochar ou presentar como parte da normalidade. Máxime nun tempo no que existe unha forte tendencia regresiva

Malia os atrancos impostos polo sistema, a cuestión social é moi difícil de agochar ou presentar como parte da normalidade. Máxime nun tempo no que existe unha forte tendencia regresiva que semella non ter fin; onde para moita xente, mañá será peor ca hoxe. Agora podes ter un bo traballo e dentro duns meses estar na máis absoluta miseria. Unha parte considerábel da clase traballadora e a maioría da mocidade non pode planificar a súa vida. Consecuencia desta regresión, das políticas depredadoras que favorecen ás clases dominantes, por exemplo, xa se anuncia que as pensións sufrirán importantes recortes. Trátase de contradicións básicas, de clase, que forman parte do comentario cotián nos bares, nas reunións familiares, nos centros de traballo. É o nexo, a punta do cordel, entre o activismo político e a maioría da xente. É o primeiro chanzo, a ligazón, entre as masas e os partidos que pretendan transformar a realidade de modo progresista. Máxime cando estas problemáticas, ademais dun contido de clase, teñen unha ligazón directa coa falta de soberanía, coa dependencia política, e por tanto económica. A subordinación cultural e lingüística, o esquecemento ou deformación histórica, forma parte esencial deste proceso para esmagar o suxeito colectivo, a identidade nacional.

Na Galiza existe un 20% de desemprego, salarios e pensións moi baixas, un 30% de familias están rente da liña da pobreza, e 2/3 das persoas teñen dificultades pra chegar a final de mes por ter uns salarios miserentos (por non falar das xornadas esgotadoras, das ducias de contratos cada ano, do trato indigno en moitas empresas, etc). Como consecuencia: a emigración, o desemprego, a precariedade laboral, a desfeita demográfica, o retroceso cultural. Ademais, as empresas estratéxicas están practicamente todas en mans foráneas, cunha ligazón mínima ao territorio, ás súas xentes e cultura. Daquela que podamos afirmar que só as clases populares teñen interese en transformar a realidade, máxime cando a burguesía, os/as profesionais, agás excepcións, renegan da lingua e do que nos identifica como nación. 

Un corte no artigo para facer un comentario. Coido importante coñecer a historia do noso país, toda ela: a idade antiga e a media, os reinos propios e confederados, a castración e doma, a importancia da introdución do millo e a pataca, as rebelións campesiñas, as folgas obreiras, os precursores do nacionalismo, o contexto rexional e mundial en cada época, etc. E facelo comparando, vendo a correlación de forzas, as ideas dominantes, as tendencias, as contradicións, o papel das clases ou camadas sociais. Mais, se hai un período histórico que debemos socializar especialmente e do movemento nacional popular galego do último medio século. Unha etapa que está achegada ás vivencias dunha gran parte da poboación, feitos cos que teñen unha relación directa, e polo tanto as reflexións e conclusións poden ser de gran valor para a loita política na actualidade. Ademais, non se pode entender a historia recente de Galiza sen o nacionalismo anticolonial, e sería de parvos non aproveitar este valor positivo. 

O nacionalismo galego só será unha forza decisiva se representa os intereses das clases populares

O que segue invariábel, dende hai séculos, ademais da realidade colonial, é que o nacionalismo galego só será unha forza decisiva se representa os intereses das clases populares. E para iso na actualidade é esencial socializar a interdependencia entre o conflito de clases e a loita pola soberanía. O que implica a reflexión e o debate. É dicir, facer da mensaxe, dos artigos e mobilizacións, unha escola práctica na que se poñan en evidencia o papel e intereses de cada partido, clase social e de cada nación. Socializar, comunicar, convencer, organizar... é a chave.

Cómpre cavilar sobre a xestión nos concellos, no sindicalismo, en todas actividades. Non abonda con solucionar problemas que permiten mellorar as condicións de vida do povo e facer contactos, gañar prestixio político e persoal. O nacionalismo popular non naceu para iso. Débense utilizar todos eses espazos para divulgar o proxecto estratéxico, para demostrar na práctica que é o que se pode facer nos marcos do sistema e cales son seus límites, por mor da opresión imperialista e da explotación do capitalismo. Cómpre forzar eses marcos na acción cotiá. Non esquezamos que a mensaxe dominante agocha ou desvirtúa estas contradicións principais, presentándoas como parte da pluralidade, do desenvolvemento, da normalidade, do que se pode mellorar. Ademais, ofrécese a realidade como se fosen fotos fixas e desligadas entre si, para que a caracterización sexa parcial e non permita comprender a evolución. Para que non se podan socializar masivamente os posíbeis escenarios de ruptura, e deste xeito fixar obxectivos, folla de ruta e métodos de traballo que permitan a liberación nacional e social.

Polo tanto é fundamental que o discurso, que a relación, comece polo evidente, polo que é intuitivo e cotián, por aquilo que liga do xeito máis didáctico posíbel o concreto e parcial co xeral, co estratéxico, coa explotación de clase e a opresión nacional. Unha mensaxe que para ser transformadora, debe descubrir cales son as pexas que xeran as desigualdades e a submisión, e deste xeito socializar os obxectivos inmediatos e estratéxicos, ofrecendo programa para completar cada etapa, ou sexa: xerar conciencia política e construír organización para eliminar as eivas e atrancos. De non facelo así, non se avanzará no cambio. Este débese formular tamén no eido das ideas, do imaxinario, non pode ser espontáneo e conxuntural. Máxime tendo que confrontar con poderes tan fortes e que contan con séculos de experiencia. E neste intre, con contradicións tan agudas, o programa debe dignificar o traballo, dar poder á clase traballadora (fortalecer a negociación colectiva, os sindicatos). Así como nacionalizar a banca, enerxía e telecomunicacións, impoñer unha presión fiscal progresista, garantir condicións dignas para as pensións, a dependencia, o ensino e sanidade, potenciar a nosa historia, cultura e lingua nacional, etc. Hai que fuxir da ambigüidade dos partidos sistémicos, porque o seu discurso constrúese sobre os paradigmas dominantes. 

Polo tanto é fundamental que o discurso, que a relación, comece polo evidente, polo que é intuitivo e cotián, por aquilo que liga do xeito máis didáctico posíbel o concreto e parcial co xeral, co estratéxico

É necesario fixar con claridade as reivindicacións. Por exemplo, non é o mesmo pedir traballo que traballo digno. O primeiro tamén o pode reivindicar a patronal máis explotadora. O segundo é  unha necesidade de todos e todas os asalariados/as, que constitúen o 83% da povoación activa. Tampouco é igual a proposta ou consigna de “independencia nacional” que “Galiza Ceibe, Poder Popular”. A última implica que o proceso, a liberación, debe estar ao servizo das clases populares e protagonizado por elas, e non está estigmatizada. As palabras teñen un valor social, por iso “Galiza Ceibe, Poder Popular” é a consigna máis popular do nacionalismo organizado. Aforrar en palabras, facer mercadotecnia, copiar doutras realidades, nunca dá resultado. O fundamental é transmitir ideas correctas, que aporten argumentos, dean unha panorámica ampla da situación actual e dos posíbeis escenarios no futuro, e respondan ás inquedanzas das clases populares. Por exemplo: traballo digno; fiscalidade progresiva; servizos e prestacións sociais de calidade e públicos; defensa dos ecosistemas; economía autocentrada e sustentábel; igualdade de dereitos para todos e todas, para alén do xénero, orixe, orientación sexual, etc. 

O nacionalismo político e sindical ten capacidade analítica e forza abondo para sensibilizar e avanzar no proxecto estratéxico. Dado as dificultades, debe socializar unha alternativa que se resuma nunha ducia ou menos de obxectivos, que nos textos programáticos poden ter un desenvolvemento máis amplo. Debe ser unha proposta para o curto, medio e longo prazo, porque a liberación é un proceso de conquistas e de acumulación, tanto no económico e social, como no organizativo e no grao de conciencia, especialmente cando a vía principal é a política, como é o caso. Polo tanto é transcendental a folla de ruta. Un camiño que se debe concretar na xestión e debate no ámbito institucional e das organizacións de masas, mais tamén en campañas reivindicativas, que deben forzar a toma de conciencia sobre o conflito estratéxico e ofrecer unha alternativa que se vexa como practicábel polas maiorías. Quero aclarar que entendo por mobilización: charlas, actos, manifestacións, folgas, cortes de estradas, carteis, panfletos, folletos, etc. Campañas planificadas, con obxectivos, que sexan vistos polos/as activistas e povo en xeral, non como un acto propagandístico máis, puramente electoral e táctico, senón como o sinal de identidade do movemento nacional popular galego.  

O nacionalismo político e sindical ten capacidade analítica e forza abondo para sensibilizar e avanzar no proxecto estratéxico

Mesmo coas limitacións que podan existir hoxe, polo retroceso da mobilización e un calendario imposto dende as esferas do poder e alleo ao noso país, as campañas reivindicativas teñen a virtude de centrar o debate e a mensaxe nos problemas da xente, especialmente se ligan as reivindicacións urxentes coas estratéxicas. Colocan a autocrítica e o debate das ideas na valoración da praxe e nas propostas de mobilización e xestión, evitando que teñan un carácter destrutivo. Permiten conectar con novos sectores sociais, e recuperar o nexo entre a loita  sindical e social e de xestión dos concellos, co proxecto de liberación nacional e de xustiza social. Sen mobilización socio-política, entendida como unha campaña que vai para alén da manifestación ou folga puntual, non hai posibilidade de que os partidos que loitan contra o sistema avancen. Sen cuestionar acotío o marco, a folla de ruta estaría supeditada ao que marcan as clases dominantes, e isto ten un carácter paralizante e destrutivo, especialmente nos países dependentes, coloniais ou neocoloniais. 

http://manuelmera.blogaliza.org/