Opinión

O agro de Colombia contra o TLC (tomemos nota)

As organizacións agrarias galegas, e todo o movemento nacionalista, deberían seguir con atención o paro agrario en Colombia, porque os motivos polos que se convocou teñen unha estreita relación cos retos aos que se enfronta nun futuro inmediato o noso sector agro-gandeiro (e non só el).

As organizacións agrarias galegas, e todo o movemento nacionalista, deberían seguir con atención o paro agrario en Colombia, porque os motivos polos que se convocou teñen unha estreita relación cos retos aos que se enfronta nun futuro inmediato o noso sector agro-gandeiro (e non só el). As razóns esenciais para realizar esta folga nacional, que xa dura máis dunha semana, son os Tratados de Libre Comercio (TLC) cos Estados Unidos (USA) e coa Unión Europea (UE) que teñen un enorme impacto sobre a economía e o emprego en Colombia. O TLC foi aprobado polos USA o pasado 15 de maio de 2012, e coa UE en setembro, e vendo a resposta do sector agrícola demóstrase que as súas consecuencias negativas xa se están a sentir.

Unha das actividades máis afectadas polo TLC é a produción de leite, que abrangue uns 400.000 empregos. Dicía en Telesur un dos gandeiros prexudicados que eles non poden competir co leite importado de USA e máis a UE a un prezo de 1 céntimo  de dólar o litro, xa que o seu custe no país era catro veces superior. Resulta evidente que se trata dun prezo ridículo, co que non poden competir as explotacións colombianas, e ao que tampouco poden producir as norteamericanas e europeas;  máis unha vez todo reflicte que se trata de excedentes subvencionados que se colocan no exterior a prezos de dumping para gañar mercados (seguramente de baixa calidade). 

"Segundo os xornais de Colombia o pasado venres o paro atinxía a maioría dos departamentos, 50 estradas estaban cortadas e fixéranse manifestacións de apoio en 30 cidades e vilas"

A folga encetou a primeiros da semana pasada, e foi convocada nun principio polos cafeteiros; sumándoselle outros sectores agrarios, os transportistas e o movemento popular, que están amosando unha maior participación. Segundo os xornais de Colombia o pasado venres o paro atinxía a maioría dos departamentos, 50 estradas estaban cortadas e fixéranse manifestacións de apoio en 30 cidades e vilas. A esa altura, a represión do Goberno xa se fixera notar, cun resultado de dous campesiños mortos e 175 detidos/as (o domingo, séptimo día de folga, elevábanse a 4 os mortos). O argumento para axer contra os campesiños/as con tanta contundencia é evitar que corten as estradas “para non prexudicar a actividade económica e o desprazamento da poboación” (as mesmas escusas que se empregan eiquí para reprimir a protesta social). Porén, os manifestantes afirman, con moita razón, que este é o único medio efectivo que teñen para que se faga visíbel a protesta e que un Goberno insensíbel teña en consideración a súa postura, diante dun contexto económico que consideran de extrema gravidade. Algúns medios sinalan que falta abastecemento nas cidades, o que reflicte o impacto da folga, malia que o presidente Santos nega que exista un paro agrario.

A situación pola que están a pasar os labregos/as de Colombia aseméllase moito á que no seu día provocou o duro axuste na agricultura galega por mor da entrada na Unión Europea. Un proceso polo que se perderon a maior parte das explotacións familiares, do emprego no rural e da actividade produtiva no sector, que ficou minguado e reducido a segmentos moi determinados. Ademais, e isto é o máis preocupante neste intre, por mor da crise sistémica, a estratexia do gran capital e das potencias hexemónicas baséase en ampliar mercados e lucro a costa do pequeno produtor, da clase traballadora, dos servizos esenciais, e dos países máis débiles. E un dos mecanismos fundamentais para acadar estes obxectivos son os TLCs, que permiten botar abaixo todos os medios de protección dos intereses populares e nacionais: moeda, normativas, aranceis, esixencias de calidade, etc..

"Polo tanto, todo fai pensar que o TLC transatlántico non é precisamente un acordo comercial máis, xa que condicionará a economía, a cultura e a sociedade de todos os Estados da UE"

Daquela, as consecuencias do TLC en Colombia, ou en México, son un avance do que se pretende impor na UE creando un espazo único cos Estados Unidos, o imperialismo hexemónico. O segredo co que se está a negociar o TLC transatlántico entre ambas as partes, indica que se queren manter sen voz nas negociacións, e impedir os actos de protesta, das clases populares e das nacións máis débiles (tamén de Galiza). Polo tanto, todo fai pensar que o TLC transatlántico non é precisamente un acordo comercial máis, xa que condicionará a economía, a cultura e a sociedade de todos os Estados da UE. Unha valoración previa, que confirman os que tiveron acceso ao proxecto, considera este TLC como unha refundación da Unión Europea, polas súas consecuencias en todos os ámbitos. Nomeadamente, Raoul Marc Jennar nunha análise sobre o documento base da negociación (http://www.jennar.fr/?p=3029 e http://www.jennar.fr/?p=3038) fai a seguinte reflexión: “Contrariamente ao que contan os vendedores de fume de todas partes, no TLC trátase moi pouco de comercio. Hai moito de elección de sociedade, de estilos de vida, de preferencias colectivas que son produto do combate que houbo nos nosos países, ao longo dos dous últimos séculos, nos ámbitos políticos, sociais, sanitarios e ecolóxicos”.

Esta folga en Colombia do “sector agrario e popular” é máis unha das moitas protestas contra os TLCs alí onde se están aplicando, por exemplo en México e Colombia. Son mobilizacións que teñen un enorme valor práctico, porque todo atranco á globalización neoliberal é unha paso adiante a prol dun novo modelo económico e social no mundo. Así como un valor simbólico, porque contribúe a alargar na conciencia social de todos os pobos que esta é unha loita que se pode gañar, malia a gran concentración de poder e de riqueza do imperialismo neste momento. 

http://manuelmera.blogaliza.org/