Opinión

África: unha segunda oportunidade?

Hai pouco máis de seis décadas que África deu un enorme paso adiante na descolonización. En pouco máis de medio mes, entre o 1 e 17 de agosto de 1960, unha manchea de colonias francesas acadaban a soberanía: Dahomei (Benin), Níxer, Alto Volta (Burkina Faso), Costa de Marfil, Chad, República Centroafricana, Congo francés e Gabón. Previamente xa se emanciparan Gana en 1957, dependente de Inglaterra, e Guinea en 1958, colonia de Francia. No ano 1960 e 1961 hai que sumar outras independencias de colonias francesas, inglesas, italianas e belgas.

Outras colonias, como Alxeria, terían que conquistar a liberdade ao través dunha guerra de 60 meses con situacións de violencia estrema, como axeitadamente se reflectiu na popular película de Ponte Corvo “A batalla de Alxer”. As colonias portuguesas e as do Estado español conseguirían a independencia na década dos 70, no primeiro dos casos despois dunha longa guerra. Na colonia española do Sáhara Occidental o proceso de descolonización ignorou á povoación autóctona, entregouselle a Marrocos, malia as resolucións da ONU, e aínda hoxe continua o conflito derivado desta actitude, así como o exilio da maioría dos habitantes.

Despois da Segunda Guerra Mundial déronse as condicións obxectivas e subxectivas para a descolonización de África e Asia. Sen dúbida a principal razón foron os fortes movementos de liberación que existían nalgunhas colonias (como en Filipinas, na India, Indonesia, Siria, Xordania, Marrocos, Tunisia, Quenia, e Indochina). Porén, ademais a debilidade das potencias coloniais despois da guerra, a grande importancia política e militar que tiña o ascenso dunha potencia anticolonial como era a Unión Soviética, axudou moito no proceso de liberación. Tamén que os Estados Unidos non tivese grandes compromisos coloniais directos (para alén de algunhas illas no Pacifico e no Caribe, o caso de Porto Rico, Guantanamo e a Canle de Panamá), polo que esperaba forzar unha recomposición das áreas de incidencia que lle favorecese.

Daquela que a independencia na maioría dos casos foi unha utopía, xa que co neocolonialismo converteu en papel mollado boa parte da soberanía conquistada. O control económico reproduciu a dependencia a través de: empresas transnacionais, créditos “condicionados”, e o control tecnolóxico. Para loitar contra este novo asoballamento Kwame Nkrumah, presidente de Gana, alentou a unidade dos novos países africanos. Tamén tiveron moito efecto as denuncias, das aldraxes e consecuencias negativas da colonización, feitas por Frantz Fanon e Albert Memmi. Lembremos o libro de Memmi “Retrato do colonizado” (1957). Obras de Fanon como “Socioloxía da liberación” (1959) e  “Os condenados da terra” (1961), son textos que non se poden esquecer, xa que reflicten con precisión os efectos desarticuladores sobre os povos da opresión imperialista,… unha realidade que aínda está vixente en moitos recunchos do mundo.

A historia da inmensa maioría dos países africanos, ao sur e norte do Sáhara, neste período pos-colonial foi unha verdadeira traxedia, de guerras, fames e precariedade, espoliación dos recursos, destrución do ecosistema. E, resulta paradoxal e moi ilustrativo que sexa neste intre, no que o capitalismo está na súa etapa senil e as grandes potencias confrontadas, cando se comenza a abrir unha fiestra de esperanza para unha gran parte de África. Os seus efectos son aínda contraditorios. Por unha banda estánse rachando situacións de subordinación, por exemplo con Francia, e polo tanto con “occidente”, en países como Alxeria, Malí, Burkina Fasso... e xorden estados de referencia rexional, da forza de Sudáfrica. Porén, ao mesmo tempo o imperialismo hexemónico busca manter súa incidencia mediante mecanismos de control que reduzan os investimentos de China e consigan unha subordinación maior nos créditos por eles concedidos. E cando isto non é posíbel dando folgos á guerra e ao caos como en Libia, Sudán, Etiopía, Malí...

Como feito simbólico deste pulo que está a coller a África temos a presentación dun plan de paz para a Ucraína por parte dun grupo de países do continente (Sudáfrica, República Democrática do Congo, Senegal, Zambia, Uganda e Exipto) para dar solución á guerra, que confronta a Rusia coa Ucraína+OTAN e aliados. Unha iniciativa semellante deuse por parte do Brasil. Isto sería imposíbel hai dúas décadas, hoxe non só responde a unha realidade económica na que se abre paso un mundo multipolar, senón ao peso que ten África pola súa riqueza en materias primas, a importancia do seu medre demográfico, e a unha redefinición do papel que xoga cada continente e cada país nas cadeas de valor. Este cambio é hoxe moi evidente en Asia, mais é unha tendencia que, todo indica, vaise alagar a outras rexións do mundo. A que nivel e en que prazo? Isto dependerá de como remate a confrontación actual entre potencias, e, ademais, non ten porque ser un proceso semellante en todas as rexións e en todos os países de do continente.

O mundo está a mudar, e as relacións económicas e políticas entre a UE e África serán ás que cambien máis radicalmente. Está preparada a Unión Europea para estas transformacións ou pretende repetir o pasado con cambios cosméticos e técnicas máis avanzadas?... África ten máis caras cas do/a emigrante que chega a Europa fuxindo da fame e precariedade nunha lancha. Ademais, e non é algo secundario, o desenvolvemento de China deixa ensinanzas no eido da economía sobre a efectividade do papel do estado, da importancia da soberanía, dos planos a longo prazo, dos límites da empresa privada e do investimento externo sen condicionantes políticos, do papel do papel do Partido Comunista... con todas as súas eivas, son métodos, estruturas e suxeitos, que amosaron maior eficacia que os do capitalismo neoliberal, cando menos para a o desenvolvemento dos países subalternos. Vivimos épocas de grandes contradicións, e polo tanto de grandes cambios. Non se trata de dramatizalo, senón de analizar, xerar conciencia, e darlle solucións favorábeis ás maiorías. As respostas máis xustas e solidarias veñen do que foi até fai pouco ou aínda é a periferia, tanto en termos territoriais como no eido social.

Comentarios