Opinión

Afganistán, fracaso e derrota simbólica do imperialismo

A saída a toda presa de Afganistán do exército de Estados Unidos (e da OTAN e outras nacións) ten consecuencias negativas en todo o mundo respecto da imaxe desta potencia hexemónica. Neste aspecto, do simbólico, pódese facer un paralelismo coa saída de Viet-nam que foi vista como unha derrota de Washington. Agora ben, non se pode obviar que hoxe esta potencia ten moitos máis recursos e menos ataduras internacionais que naquela época, non existe a Unión Soviética nen un forte Movemento de Países Non Aliñados. Polo que para illar e afogar o triunfo talibán, e imporlle límites, pode facelo mediante ataques selectivos así como a través do bloqueo e sancións (vexase a situación de Venezuela, Cuba, Libia, Iemen, Siria, etc). Neste sentido van as ameazas do Presidente estadounidense e do secretario xeral da OTAN; mentres que Borrel era máis diplomático ao condicionar as axudas humanitarias ao país, xa que na UE hai moitas sensibilidades (preocupáballe sobre todo que Rusia e China non se visen beneficiadas polo fracaso das potencias occidentais).

Malia que non se contaba que a saída fose tan precipitada, tampouco se pode obviar que este desenlace obedece en boa medida ás cesións do Governo de Trump nos acordos cos talibáns nas conversas de Qatar, con seguridade porque o primeiro buscaba saír dunha guerra interminábel, para se centrar en China e Rusia. E se cadra tamén esperando que Afganistán se convertese nun centro de apoio a grupos terroristas, de xeito que os milicianos estranxeiros volvesen aos seus países de orixe, dando folgos ao islamismo radical en Asia central e Oriente Próximo, en prexuizo de Rusia e China. Mesmo que se manexase esta folla de ruta por parte de Washington, como consecuencia dos acordos de Doha, a amnistía de 5.000 presos e a saída das tropas de Estados Unidos (da OTAN e compañía), tal como se desenvolveron os feitos a última semana debuxaron unha derrota militar do imperialismo. É o fracaso de dúas décadas de ocupación, nas que para alén dunha minoría do povo afgá resulta evidente que a maioría non participou do proxecto nen as melloras das que se gababan as potencias ocupantes. A imaxe ficticia que se vendeu ao mundo, como consecuencia do seu control sobre os medios de masas, converteuse no momento clave nunha derrota dos EEUU. O que tamén manca á globalización neoliberal capitalista, porque se suma á desfeita ecolóxica, ao medre da desigualdade entre clases e nacións. Ou sexa que afonda a tendencia regresiva, que cuestiona a eficacia social da economía de escala, a financiarización, as intervencións e sancións; en resumo:  do dominio imperialista.

Tampouco se pode obviar que este desenlace obedece en boa medida ás cesións do Governo de Trump nos acordos cos talibáns nas conversas de Qatar

Sobre o fracaso das políticas occidentais en Afganistán, as reais non as que se vendían ao resto do mundo, reflexiona a xornalista Olga Rodríguez: “En 2021 case a metade da poboación afgá está en situación de necesidade humanitaria. En vinte anos miles de millóns de dólares de EEUU foron a parar á compra de armamento e o investimento en 'seguridade'. Moito menos investiuse en educación, sanidade pública, governanza, desenvolvemento, democratización, infraestruturas. Cada vez que estiven en Afganistán atopeime con decenas de historias de mulleres maltratadas, viúvas abandonadas, novas violadas ou menores que tentaron suicidarse porque non lles permiten estudar e son obrigadas a casar a temperá idade. A emancipación das mulleres limítase ás grandes cidades, e de forma parcial. Aínda así, en áreas urbanas como Cabul ou Herat moitas puideron acceder á universidade. En todos estes anos a corrupción era palpábel: eternos proxectos que recibían millóns de dólares e que non terminaban de ver a luz, cargos altos e medios que viaxaban en ‘cochazos’ blindados malgastando diñeiro e oportunidades (...) Xa en 2004 a povoación queixábase de que os tanques americanos apuntaban as armas cara a rúa, cara á xente. As tropas estadounidenses foron olladas por importantes sectores da xente como elementos hostís. A prisión segreda de Bagram, dirixida polos EEUU, foi un lugar de torturas e violacións sistemáticas dos dereitos humanos”.

Neste contexto, e na procura do escenario menos negativo toman posición e axen as potencias e nacións da contorna. Nomeadamente os exercicios militares de Rusia con Uzbequistán e Taxiquistán na fronteira con Afganistán, así como con China en Ningxia Hui, son unha advertencia aos talibán respecto de que se debe afastar dos grupos terroristas (Al Qaeda, Estado Islámico, etc). En paralelo, tanto Rusia como China buscan normalizar as relacións co novo Governo e lograr garantías respecto deste tema e dos dereitos básicos. Postura que critican moitos medios de comunicación sistémicos occidentais, mais que acaba de propoñer sen ningunha condición Josep Borrell, xa que non é unha novidade para a Unión Europea. Lembremos que a negación dos dereitos ás mulleres e a carencia de dereitos laborais dos/as traballadores foráneos é algo normal nas monarquías árabes, coas que a Unión Europea mantén relacións fluídas. En ningún caso as potencias occidentais, que fan bandeira do tema na política interna ou nas nacións que defenden súa soberanía, utilizaron a vulneración destes dereitos para bloquear e sancionar a estes réximes reaccionarios (será por mor do petróleo?), Ademais algunhas destas monarquías son sustento económico dos talibán e teñen ligazóns con grupos máis radicais como Al Qaeda, Estado Islámico, etc (vexase en Siria).  

En Afganistán ábrese máis dun escenario, onde hai que contar coa situación interna, porque non é igual que o país fique completamente controlado polos talibáns, a que en determinadas zonas se consolide a resistencia (como evolucionará a situación en Panshir?), ou que esta teña un carácter de células clandestinas e realice accións de sabotaxe. Unha situación deste tipo tanto pode radicalizar a represión como dar azos á procura dun acordo que lles garanta a governabilidade, e deste xeito poder poñer en práctica medidas que permitan reducir a pobreza e situación de emerxencia na que vive a maioría da povoación. Ou sexa, o Governo talibán terá moitas presións, polo que debe priorizar a paz e dar folgos á recuperación da actividade produtiva e ao comercio exterior.

Ademais destes condicionantes, e non é unha cuestión menor, o contexto actual non é igual que o de 2001, hoxe no país a sociedade urbana pesa moito, e esta ten unha maior ligazón coa cultura e economía exterior. Un dado, Cabul tiña daquela medio millón de persoas hoxe supera os 4 millóns. Non será doado impoñer neste contexto as regras e comportamentos do mundo rural, ademais  as actitudes o peso dos talibán varían moito segundo a etnia (paxtos, taxicos, hazara, uzbecos...). Estas diferenzas, a complexidade da sociedade, é coñecida e seguramente valorada como un atranco polos talibán. Daquela que falen de amnistía para os funcionarios e de que a muller poderá estudar e traballar “dentro da sharia”. Que un dos seus dirixentes aparecese entrevistado na televisión por unha muller xornalista apunta a reflectir para o exterior certos cambios. Ate onde chegaran? En principio pode que só sexan cosméticos, no futuro dependerá máis da presión social no interior que da externa, máxime nun país ocupado por tanto tempo (que papel neste aspecto terán os servizos segredos e o exército de Paquistán, que moitos consideran foi chave na resistencia dos talibán?).

As tropas estadounidenses foron olladas por importantes sectores da xente como elementos hostís. A prisión segreda de Bagram, dirixida polos EEUU, foi un lugar de torturas

Algúns analistas afirman que o novo Governo ademais de poñer o acento no tema relixioso tamén o fará no nacionalismo, daquela que non os vexan exportando conflitos ao exterior... Se fose así axudaría moito a reducir a confrontación rexional e o terrorismo (neste intre fortalecido no seu estado de ánimo polo triunfo talibán, grazas á retirada dos Estados Unidos). Agora ben, como en toda conxuntura histórica a política bule, en pouco tempo iranse esclarecendo os feitos e estará máis definida a folla de ruta do novo Governo. A esta altura só podemos analizar os varios escenarios posíbeis, máxime cando son tantos os suxeitos políticos e sociais que interveñen.

Os feitos nas últimas décadas neste país deixan en evidencia que as transformacións non se poden impoñer pola forza ou con mecanismos paternalistas, máxime cando son consecuencia da ocupación externa. Importa como se fan as cousas. Por exemplo, a presión internacional para que se respecten os dereitos democráticos non se pode ligar á agresión, sería repetir o pasado, e sumar un atranco máis na vía para a construción dunha maioría por parte das forzas que defendan a soberanía e as políticas progresistas (haberá un marco democrático para facelo cos talibán no poder?...)

O Governo talibán terá moitas presións, polo que debe priorizar a paz e dar folgos á recuperación da actividade produtiva e ao comercio exterior.

O sucedido en Afganistán é a derrota da imposición, do imperialismo, da globalización neoliberal, non só no aspecto económico senón tamén como proxecto, e no eido das ideas. A trampa sería pensar, como pretende o sistema en calquera das súas versións, que non existe unha alternativa que permita superar o capitalismo: que recrea a desigualdade, precariedade, desfeita ecolóxica, etc. Pretenden que despois da caída dos países socialistas a disxuntiva sexa exclusivamente entre: globalización neoliberal ou o nacionalismo reaccionario. Cando todo amosa que a resposta está no antiimperialismo, a soberanía nacional e a xustiza social,... a igualdade, a dignidade das persoas, o equilibrio entre o ser humano e a natureza, no papel determinante do sector público,... son aspectos, cuestións, problemas, interdependentes, e como tais se deben tratar, para alén das prioridades do momento, do sector, do lugar... Sen dúbida cómpre termos en conta estes obxectivos, mais tamén a correlación de forzas, a folla de ruta, o estado de ánimo, a política de alianzas... a coherencia da práctica militante e nas institucións, a iniciativa, a mobilización e a loita das ideas... a loita das ideas, fundamental, e abrangue para alén do que hoxe se chama relato. O cambio é un proceso. O futuro non está definido, o imperialismo non o determina todo, tampouco poden facelo as forzas reaccionarias que hoxe controlan Afganistán. 

https://obloguedemera.wordpress.com/